O goberno de Touro vota contra os riscos da mina e contra a moción en contra da mina

0

Touro, 30 de xuño do 2018 – Equilibrios na corda frouxa foi o e que fixo no pleno de este venres o goberno municipal de Touro. Votou en contra da Moción que rexeitaba o proxecto da nova mina e aprobaba unha declaración propia que pedía o rexeitamento do proxecto si existían riscos para a saúde.

O Pleno de Touro foi espazo para o encontro de traballadores das empresas que actúan nos antigos terreos da mina e membros da Plataforma que se opón ao proxecto. Isabel García poñía voz á Plataforma para desmontar a tese de que a non apertura do proxecto deixaría na rúa aos actuais empregados. Desvelou unha carta na que desde a empresa Explotaciones Gallegas ameázase con despedimentos se o proxecto caduca e non hai un novo, García explicou que ” Nada máis lonxe da realidade: nin Francisco Gómez, nin Explotaciones Gallegas, nin Tratamientos Ecológicos del Noroeste, nin Tecnología y Reciclaje de Materiales, nin o Centro de Valorización Ambiental do Norte viven a día de hoxe de actividades ligadas á extracción do cobre. O rexeitamento do proxecto, e incluso a caducidade da concesión mineira para o cobre, non afectaría aos postos de traballo actuais, ao contrario do que se manifesta na folla distribuída. O único afectado pola denegación do proxecto sería Francisco Gómez, e non os seus traballadores”. Isabel García sinalou tamén que “defendemos o emprego de todos, o voso e o noso. Tamén o dos veciños de Arinteiro. Temos que convivir, o que está intentando esta xente que ven de fóra, porque non son veciños, é que nos enfrontemos”.

Con todo a moción presentada polo BNG, na que se pedía instar á Xunta a denegar o novo proxecto mineiro e demandar ás empresas a eliminación da contaminación das augas e os terreos, foi rexeitada polos votos en contra do Partido Popular. A continuación o alcalde de Touro, Ignacio Codesido,  deu voz a unha enmenda/proposta do Grupo do Partido Popular na que apela á “legalidade máis escrupulosa” e solicita á Xunta de Galicia que “unha vez emitidos os informes sectoriais e de poñer en cuestión a viabilidade da explotación mineira por afectar as diversas áreas consideradas como esenciais, ou se poña en risco ou perigo de contaminación o medio ambiente, a calidade das augas, ou calquera outra que afecte ou comprometa a saúde dos veciños de Touro, se proceda a denegación da solicitude presentada”. Nun segundo punto a proposta demanda dos órganos competentes da Xunta que “a empresa propietaria realice unha planificación que poña fin a contaminación das augas nos ríos e regatos que estean afectados pola mesma”.

A enmenda presentada polo alcalde foi aprobada cos votos da maioría do grupo popular. Unha declaración que, paradoxicamente, parece ignorar que os informes xa presentados pola Xunta de Galicia indican precisamente o que se pide como razón para rexeitar o proxecto xa que poñen en dúbida a calidade das augas, a contaminación e a saúde pública ademais de considerar a explotación mineira “incompatible co aproveitamento gandeiro”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial