Os veciños de Gonzar, O Pino, coñeceron o estado da parcelaria

0

O Pino, 1 de febreiro do 2018 – A conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, reuniuse con veciños da parroquia de Gonzar para anunciarlles a reactivación da concentración parcelaria de monte desta parroquia do Pino, que podería estar rematada e cos títulos de propiedade entregados antes de que acabe a presente lexislatura, no ano 2020.

A parcelaria de monte de Gonzar, como lle recordaron os veciños á conselleira, iniciouse hai catorce anos, e estaba parada. A Consellería de Medio Rural retomou o proceso e xa ten debuxados nos planos a rede principal de camiños. Segundo explicou Ánxeles Vázquez, a idea é avanzar no plan de viabilidade deste proceso nos vindeiros meses e atender as suxestións que poidan facer os veciños para mellorar o resultado final. “Durante o verán e o outono queremos comezar xa os traballos de campo, aproveitando o bo tempo”, dixo Vázquez. Está previsto abrir 9 quilómetros de vías e mellorar outros 15 xa existentes.

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, respondeulle a un veciño que, se non se presentan excesivos recursos, a finais de 2019 poderían tomar posesión das novas parcelas e, durante o 2020, entregarlles os títulos de propiedades.

A parcelaria de monte de Gonzar afectará a 854 hectáreas (25 delas agrícolas) e beneficiará a 545 propietarios, que actualmente teñen una media de 14 fincas (7.872 en total) cunha extensión media de 1.085 metros cadrados. “Imos tentar que cada propietario se quede cunha media inferior a dúas fincas despois da concentración”, dixo o director xeral. “O ideal sería quedar cunha soa finca, pero iso é difícil”.

Antes de rematar, a conselleira animou aos veciños de Gonzar a aproveitar a concentración e unirse para facer unha explotación racional do monte. E puxo o exemplo dunha sociedade forestal (sofor) de Silleda. “Eles levan anos traballando conxuntamente o monte e pedindo axudas á Consellería para plantar pinos e vendelos conxuntamente. O caso é que se un só propietario pode vender a tonelada de pino a 29 euros, eles conseguiron vendela a 49, e iso dixéronmo nunha reunión que mantiven con eles. Isto demostra que uníndose se poden conseguir máis cousas”, asegurou Ánxeles Vázquez.

O alcalde, Manuel Taboada, animou tamén aos veciños a reunirse cos técnicos da consellería para aclarar todas as dúbidas, coa finalidade de axilizar os tramites o máis posible. Mostrouse partidario de rematar primeiro as concentracións en marcha antes de iniciar outras novas e, ao mesmo tempo, recordoulle á conselleira que, cando remate a parcelaria de Gonzar, “ten que empezar coa da parroquia de Pereira”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial