Goretti Sanmartín visita a zona afectada polo proxecto mineiro nos concellos de Touro e O Pino

0

Touro, 5 de decembro do 2017 – A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, visitou a zona e reuniuse con representantes da Plataforma Mina Touro- O Pino Non. Goretti Sanmartín lamentou que o proxecto “supoña un desastre ambiental para xerar fóra valor engadido”

Na visita que se desenvolveu na tarde deste luns, 4 de novembro, e que partiu do lugar de Arinteiro, en Loxo, concello de Touro, Goretti Sanmartín lamentou que o proxecto mineiro supoña un “grande prexuízo para as persoas que viven neste territorio, afectando a cincocentas hectáreas de terreos forestais e tamén agrícolas nunha zona que conta coas explotacións gandeiras de maior extensión do país”.  Entre outras cousas, na xuntanza coa veciñanza afectada polo proxecto de reapertura da explotación mineira para a extracción de cobre nos concellos de Touro e o Pino puxéronse en común as conclusións do recente estudo científico do CSIC e as Universidades de Vigo, Santiago e Swansea, que certifica o descenso de poboación do salmón no Ulla durante o tempo que estivo a mina aberta, efecto da alta concentración da cobre na auga. 

“O proxecto ten tamén repercusión nos camiños de Santiago, en especial o coñecido como Camiño do Holandés, que ten o trazado polo territorio afectado polo que pode ter efectos prexudiciais no patrimonio e o turismo da comarca”, engadiu.

En xuntanza con veciñanza afectada polo proxecto mineiro, Goretti Sanmartín comprobou que o que está a provocar unha maior alarma social é o proxecto de megabalsa de 126 hectáreas que ten previsto almacenar materiais contaminantes. “As persoas que viven na contorna están preocupadas polo impacto non só no medioambiente senón tamén na saúde e con repercusións negativas no ámbito económico”, sinalou a vicepresidenta da Deputación da Coruña.

Goretti Sanmartín Rei anunciou que, a través do grupo do BNG, presentará unha moción na Deputación da Coruña para solicitar o rexeitamento ao proxecto de reapertura da explotación mineira para a extracción de cobre nos concellos de Touro e O Pino, presentado pola empresa Cobre San Rafael S. L.

O proxecto de minería a ceo aberto prevese que ocupe unha extensión de 689 hectáreas das que só o 30% son terreos afectados pola anterior explotación e afectará a case 500 hectáreas de terreos agrícolas e forestais, base das explotacións agrarias da zona.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies