Compostela, 10 de xuño do 2018 – A 13º edición do MICE xa ten gañador, Roser Corella acada o premio coa película Grab and run que aborda o rapto de noivas en Kirguizistán.

Imaxe de Grub and run
Grab and run acadou o premio á Mellor Película Etnográfica “por ser unha película crítica, por ofrecer unha visión poliédrica, polo impacto potencial que o filme ten na sociedade e por achegar o tema ao público xeral”. O premio á Mellor Película Galega recaeu en Os fillos da vide de Ana Domínguez “polo ben tratado que está na película a parte humana e a tradición ancestral do viño”. Na parte cinematográfica o xurado considera que “funcionan moi ben a recreación do pasado, da comunidade e do traballo colectivo fronte ao problema actual do despoboamento do rural”.

A dereita Ana Domínguez, directora de Os fillos da vide
O xurado, formado por Elisenda Ardévol (antropóloga audiovisual e profesora da UOC), Miguel Alonso Cambrón (antropólogo especializado en etnografía sonora e membro de AGANTRO) e Manuel Precedo (presidente do Cineclube Padre Feijoo de Ourense), decidiron ademais facer unha mención especial ao documental Ohne Diese Welt de Nora Fingscheidt porque “combina á perfección a estética cinematográfica coa investigación, a crítica e a reflexión socioantropolóxica”.

Imaxe de Ohne Diese Welt
Ademais da mención especial o xurado tamén quixo facer unha mención ao excelente traballo do grupo de preselección por elixir esta ducia de filmes de alta calidade que lle puxo moi difícil a escolla.