V edición do Harp Fest, o Festival Internacional de Arpa Vila de Noia

0

Noia, 9 de xunho do 2018 – O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia chegará a súa quinta edición do 31 de agosto ao 3 de agosto próximos.

O Harp Fest 2018 contará con destacadas figuras galegas e internacionais. Entre elas, un concerto especial de Carlos Núñez e outro da búlgara Rossitza Milevska (único en España). A programación do Festival de Arpa foi presentada en rolda de prensa por José Pérez, concelleiro de Cultura de Noia, e por Rodrigo Romaní, director artístico do festival.

Rodrigo Romaí destacou a consolidación do evento no panorama internacional como “único festival de arpa do noroeste ibérico,  un festival que trae artistas internacionais de todos os estilos para atraer un público máis amplo, desde a música contemporánea ao jazz pasando polo folk e a música tradicional. Sen esquecer a promoción da música local xa que este ano traeremos a Esperanza Mara, unha noiesa que destaca no mundo da música antiga”. A estas liñas hai que engadir a música latinoamericana, un continente “onde a arpa é un instrumento de preferencia, moi representativo. Hai todo un abano de posibilidades descoñecidas en Europa. E Noia quere ser unha ponte con todas estas músicas”.

O festival comezará o 31 de xullo co concerto especial de Carlos Nuñez e convidados (Arianna Savall, Esperanza Mara ou o propio Rodrigo Romaní) no que se interpretarán algúns temas coas arpas reconstruídas da arquivolta de San Martiño de Noia. As entradas para este concerto xa están á venda en ATaquilla.com. Estes instrumentos, que están en proceso de elaboración por parte de luthiers especializados, serán presentados o próximo mes de xullo. Outro dos grandes atractivos do evento será o concerto de Rossitza Milevska Trío, unha arpista búlgara radicada en Francia que se está a revelar como unha das máximas expoñentes do jazz moderno aplicado á arpa clásica de pedais. Visitará Noia o dia  3 de agosto. Tamén haberá destacada presenza latinoamericana, cun concerto de Carlos “Metralleta” Orozco, un icono da nova música para arpa llanera, propia de Venezuela e Colombia, un artista de prestixio internacional avalado por unha longa carreira de concertos en todo o mundo. Na Praza do Tapal, entrada libre o 2 de agosto ás 22,30.

Concerto de apertura

O concerto de apertura desta edición consistirá na interpretación da obra de culto de  Benjamin Britten “A Ceremony of Carols” polo Coro de Nenos Cantores da Orquestra Sinfónica de Galicia acompañados de Alba Barreiro, e precedida pola actuación da Catedrática do Real Conservatorio Superior de Madrid Susana Cermeño, con música contemporánea para arpa e saxo. Ademais, terá lugar un concerto de Hirundo Maris, dúo formado pola arpista e cantante Arianna Savall (filla do coñecidísimo Jordi Savall) e o músico (e tamen cantante) noruego Petter Udland Johanssen. E outra das atraccións é Clotilde Clotilde Trouillaud, unha das mellores arpistas bretonas da actualidade, triunfadora do festival de Lorient.

E, pola banda galega, debutará no festival o grupo Zumaque Trio, formado por Bleuenn le Frieuc, Alfonso Calvo e Pablo Pascual cunha interesantísima e orixinal proposta sobre a tradición galega. E tamén o cuarteto de arpistas Lulavai.

Actividades

Alén dos concertos para adultos, a parte didáctica tamén ten unha presenza destacada cun espectáculo para toda a familia da arpista galega Elena Paz, así como obradoiros e clases maxistrais para estudantes de arpa. Este festival está organizado polo Concello de Noia co apoio da Deputación da Coruña.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial