Reportaxe: Imaxe do Hostal dos Reis CatólicosÉ imposible resumir todo o que supón unha visita ao Hostal dos Reis Católicos e menos acompañados por Julio Castro o seu actual director, pero o intentaremos en esta reportaxe.  Julio leva 18 anos vinculado a Paradores Nacionales e os últimos 6 anos dedicado a un dos mellores museos da cidade, porque o Hostal é, ademais dun dos mellores hoteis do mundo, un museo de 27.000 metros cadrados no que se exhiben, ademais do propio edificio, máis de 1.500 pezas de moi distintos estilos e épocas  e no que se conta unha parte moi importante da historia de Compostela.

Unha idea do tamaño e a dimensión histórica que ten o Hostal é a guía que se lle entrega aos privilexiados clientes, con ela poden seguir ao longo das 5 plantas 79 placas informativas nas que se narran anécdotas, infórmase das pezas artísticas e explícanse os pormenores do edificio; é un percorrido que os visitantes non aloxados poden realizar de 12 a 2 da tarde e de 4 a 6.

A historia do Hostal descóbrenos un mundo esquecido no que cousas que hoxe serían vistas con reparos sucedían de forma natural. En 1499 os peregrinos que conseguían chegar á cidade facíano nunhas condicións lamentables e a un paso da morte o que dá idea da dureza da ruta por aquel entón; os Reis Católicos ordenaron construír en 1499 un hospital real que os axudase pero que tivese ademais outros servizos como un albergue ou unha inclusa para nenos expósitos; da debilidade dos que eran atendidos dá fe o que os actuais comedores fosen en tempos sala de autopsias e morgue. Existía un torno no que deixar aos recen nados cando non se lles podía manter, e todas as mulleres da comarca que estivesen a dar de mamar tiñan a obrigación por lei de alimentar a 2 ou 3 nenos da inclusa, pagábaselles e daba comida para que puidesen dar suficiente leite pero como dicimos era unha obrigación legal; todos os orfos eran bautizados no Hostal aínda que houbo unha nena, non procedente da inclusa, que tamén o foi; era filla dun cura que moveu os fíos adecuados para que puidese sera bautizada alí; esa nena converteuse co paso dos anos nun dos alicerces da cultura galega co nome de Rosalía de Castro.

Reportaxe: Imaxe do Hostal dos Reis Católicos

Cando hoxe está aberto un debate sobre a independencia dalgunha comunidade sorprende descubrir que o Hospital Real tiña a súa propia xurisdición que chegaba desde a praza do Obradoiro até o límite co convento de San Francisco; cando un fuxitivo chegaba era a xustiza do Hostal a que se encargaba del, o que hoxe é o economato do hotel, os almacéns de víveres, era naquela época a carcere polo que entrar nos terreos non garantía ao que fuxía librarse de penar a súa culpa, de feito os axustizamentos producíanse na propia praza, aínda que os diferentes criterios podían facer que a pena fose máis benevolente.

Reportaxe: Imaxe do Hostal dos Reis CatólicosCoñecendo a historia do Hostal chámanos a atención que se construíu, século XVI, en tan só 10 anos pero moito máis preto do noso tempo tivo lugar a reforma que o converteu en Parador, en 1853, e que se fixo en tan só 9 meses. Cando se abriu o vello hospital de Galeras abandonouse o edificio e Franco decidiu convertelo en Hostal dos Reis Católicos coa esixencia de que estivese listo para o 24 de xullo do 54, desa época proceden moitas pezas de arte que se encargaron a distintos artistas para decorar o hotel; o día da inauguración aloxáronse multitude de persoeiros,  entre eles estaba o Cardeal Roncalli que meses despois accedería ao papado co nome de Xoán XXIII polo que a habitación que usou converteuse na suite do Cardeal. Nesa mesma habitación aloxouse recentemente a chanceler Merkel, pero antes que ela usárona Mick Jagger, Charlton Heston ou Helmut Kohl quen fixo necesario, polos seus case dous metros e 180 quilos de peso, adaptar unha das camas.

Son infinidade as anécdotas e historias que encerra o edificio, pero un simple paseo polos seus patios pódenos dar idea do que foi e do que segue sendo, que o tome o lector como unha recomendación adecuada para calquera momento é a mellor maneira de rematar esta, a todas luces, insuficiente narración.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies