How it Ends, Beirut e Incredibles 2 pasan esta semana polo microscopio de Mandingo

0

As estreas deste luns 13 de agosto da man de Mandingo van dende o drama apocalíptico HOW IT ENDS, ao thriller político BEIRUT e a última produción de Pixar, a comedia de acción INCREDIBLES 2. Moito que contar sen caer nos temidos spoilers.

Que a Humanidade (e os seus tolos dirixentes) teñen moitas veces a teima de xogar a ser deuses coa Natureza e tentar modificala-destruíla-terraformala sen pensar nas posibles consecuencias é algo que por desgraza, vai na xenética depredadora da especie que semella a máis intelixente que vive no planeta.

O cine ben con guións orixinais, coma é o caso de hoxe, ou adaptados de novelas recolle habitualmente tales desfeitas.  O escrito do novel Brooks McLaren non ten nada de orixinal pero leva cun certo interese a travesía que teñen que facer un pai (Forest Whitaker) e o seu xenro (Theo James) dende Chicago a Seattle para recoller a filla embarazada, no medio duns cambios climatolóxicos catastróficos. Perda da enerxía, caídas de avións, treboadas bíblicas, pánico nas masas… e nin idea de por qué acontecen tales feitos.

Dámolo por bo (a non explicación da orixe deste armaxedón) se a historia vai por bo camiño, coma inicialmente semella nos primeiros vinte minutos, e incluso ata ben chegado o final ten unha certa tensión narrativa, aínda que nada novo cóntanos o director David M. Rosenthal a filmes da mesma temática como a demoledora THE ROAD (2009) de Hillcoat e que Joe Penhall adapta con mestría da novela homónima de Cormac McCarthy.

Pero o grande erro de HOW IT ENDS é a conclusión do mesmo, que é un auténtico despropósito e que déixanos coa faciana de papamoscas integral coa boca aberta e todo. Final abrupto e non conclusivo que fainos preguntar: pero de verdade que remata así?. En serio?. E non é a primeira vez que vexo isto nunha película, o que xa comeza a ser preocupante, se o que pretenden é sorprender aos espectadores coa súa “orixinalidade”. Sorprender sorprenden, pero pola pésima execución dunha longametraxe que sí que ten un certo brillo na modesta pero eficaz produción e nuns escasos pero ben feitos CIG (lembran un pouco a esa apoloxía visual gozada no 2012 de Emmerich).

Non anda moi fino ó Whitaker a hora de seleccionar os seus papeis dende que gañase o Oscar coma Mellor Actor Principal pola notable THE LAST KING OF SCOTLAND (2006) de Kevin Macdonald. Pero supoño que xantar ai que xantar e os garavanzos de balde non os dan.

Moi prescindible título que non podo recomendar.

Pero por fortuna, a Sétima Arte ten unha longa vida por diante cando atopas con achados do nivel do BEIRUT (2018) de Brad Anderson e maiormente do texto que asina Tony Gilroy, un escritor dos mellores da súa xeración. Ovación solemne para o negro sobre branco do plumilla.

Gilroy, autor dos guións de xoias coma DOLORES CLAIRBONE (1995), MICHAEL CLAYTON (2007), a triloxía orixinal das peripecias de Jason Bourne ou a formidable ROGUE ONE (2016) de Gareth Edwards, obséquianos cunha historia vintage ambientada, inicialmente, no Beirut de 1972. Cidade lumínica, brillante, envexa doutras capitais veciñas que, por desgraza, está a piques de estoupar coma unha pota, consecuencia da presión desmedida que tres anos despois sufrirá a cidade e o país, nunha tremenda guerra civil que deixará ó Líbano descuartizado por tódolos rincóns. E tales feridas mortais non curan nen sequera hoxe en día coma ben nos contara o cineasta Ziad Doueiri no seu filme L´INSULTE (2017).

O noso protagonista é Mason Skiles (grande a interpretación do actor Jon Hamm) analista político e mediador de grande valía que traballa na embaixada dos EE.UU. no país do Oriente Próximo. Todo vaille de fábula ata que un acontecemento muda do revés o seu mundo. Dez anos despois, Mason, que dalle a botella para esquecer a súa ruína vital vese voltando a orixe dos seus pesadelos cunha misión que ten a obriga de solucionar “para onte”.

O guión de Gilroy data de 1992. Por aquel tempo, o texto pasou polos estudos de cinema sen éxito, xa que os filmes de grandes asuntos políticos non tiñan moita aceptación na despreocupada mocidade da época. Vietnam esqueceuse e a década dos Setenta, que tantos e tan bos filmes de denuncia alumou queda só para os hippies melenudos e os librepensadores izquierdosos. Xente sospeitosa de tentar limpar as cloacas que teñen os Estados e denunciar esas “axendas ocultas” coma amosara Ken Loach na memorable HIDDEN AGENDA (1990).

Pero tras o éxito de ARGO (2012) que levou o Oscar o Mellor Filme e gañou 232 millóns de dólares de recadación, as máquinas rexistradoras empezaron a soar con forza a todo aquilo que cheirara a intrigas políticas, espionaxes e guerras sucias. Non semellaba Anderson cineasta capaz de levar con bo tino esta rodaxe, pero sorprende a medida e comedida dirección, cunha cámara con encadres móbiles que mostra a desfeita no que converteuse a antiga xoia do Mediterráneo.

O director recoñece a influencia de filmes coma a formidable THE YEAR OF LIVING DANGEROUSLY (1982) de Peter  Weir ou das “le carrerianas” THE SPY WHO CAME IN FROM THE COLD (1965) ou TINKER, TAILOR, SOLDIER, SPY (1979). Excelentes vimbias para facer un formidable cesto. E Anderson consígueo de cheo, apoiado ben é certo por un traballo de fotografía do debutante Bjorn Charpentier que dalle ese ton de cinema europeo, honrando o traballo de cámara na man que fixera o mestre Roger Deakins para o SICARIO de vai tres anos.

Trinta e tres días de rodaxe na cidade marroquí de Tánger (excelentes as localizacións que atrapan coma actor perenne e silente) que levan a máxima nota no seu deseño de produción de Arad Sawat lembrámonos do seu traballo para o conto de medo israelí BIG BAD WOLVES (2013). Coidados decorados, magnífica dirección na arte de Ian Baille -outrora responsable da imaxinería do filme REIGN OF FIRE (2012)- e un descomunal traballo no vestiario de Carlos Rosario.

E como acontezo a dicir, a mellor montaxe é a que non nótase. Chapeau para a edición de Andrew Hafiz, áxil, lixeira, eficaz, imperceptible. Canto axuda no ritmo do filme este manipulador de tesoiras!. E que pericia a de Anderson plantexando o filme con poucas tomas e dúas cámaras rodando ao mesmo tempo.

¿De quen é o filme, na realidade?. ¿Dos produtores, do guionista, do editor, do director, dos actores (magníficos todo eles, especialmente Rosamund Pike)?. De todos e de ningún. De feito, a película é nosa, dos espectadores. Unha sorte poder disfrutala.

E para rematar e tal e coma adiantábamos na pasada semana, temos que falar do polo de agora derradeiro traballo de meu admirado cineasta Brad Bird, autor dese magnífico conto de nenos para adultos que foi THE IRON GIANT (1999) e que levoulle a asinar por Pixar, onde xa vai catorce anos escribiu e dirixiu a obra mestra THE INCREDIBLES.

Dicía Bird que só contaría máis historias da familia Parr se polo menos a calidade fora igual ou superior a orixinal. Pois ben, directamente xa vos digo que conseguiuno novamente. Ab-so-lu-ta-men-te formidable o filme que no Estado estreouse o pasado 3 de agosto. Non chega a cota de grandeza da primeira pola sinxela razón que o epílogo non ten a resolución tan elaborada coma a disfrutada no 2004. É moito máis simple e lixeiramente previsible, pero as risas e as emocións están garantidas.

E se queremos rascar na superficie, atopamos moita responsabilidade na actualidade política e social que está a vivir o pais estadounidense nos últimos anos. Non pasa desapercibido a asunción dos roles principais nas identidades femininas, como notorio apoio aos movementos MeToo e Time´s Up que dende vai tempo apoiamos coma imprescindibles e necesarios (e non só para os EE.UU.).

Pero tamén van unhas boas labazadas para errante política que nese país leva dende dous anos. No principio do filme, Rick Dicker advirte ao matrimonio Parr: “os políticos non entenden as persoas que fan o ben só por que é o correcto. Póñenos inquedos”. E lóxicamente, cancelan o programa estatal de superheroes , deixando a familia Parr nunha situación compricada.

Ambientada na estética de principios dos Sesenta é un triunfo total no seu deseño visual da man e da pericia do inxente equipo de xenios que a compañía californiana ten no seu reparto. Traballadores que recoñecemos doutras producións da compañía fundada no 1986 e que da man de John Lasseter chimpou ata a cima da popularidade global.

Todo o que podo dicir sobre INCREDIBLES 2 é que non deixedes escapar a oportunidade de ollala na grande pantalla e, por suposto, nas súas voces orixinais. E xa que falamos dos talentos na voz dos grandes actores que ten o filme, unha mención especial a Bud Luckey que fora o primeiro Rick e que faleceu sen poder dar a voz na secuela. Faino para esta ocasión o actor Jonathan Banks que consegue igualar o rexistro e por intres, lémbranos o máis rabudo Walter Matthau posible.

Non quero esquecer a memorable música que compón outra vez Michael Giacchino, unha explosión de endorfinas sónicas que impídenos abandonar a butaca ata xusto os créditos finais.

Lasseter nunca foi moi dado de facer secuelas que rematan por fartar aos espectadores de tanto que estiran a narrativa goma de mascar e coincido; pero cando a historia paga a pena coma é o caso do filme de Bird, merco cos ollos pechados.

Mais nada por hoxe. Vémonos nos cinemas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial