Avanza o verán e continúa a anemia na grella de filmes a proxectar, así que a Mandingo non lle queda outra que remexer polas diferentes opcións de estreas nas diversas canles de pago ¡será por cartos!) e mesturar grande e pequena pantalla para a crónica deste luns 9 de xullo.

Levado polo rum-rum positivo que escoitei polas redes sociais sobre o filme I FEEL PRETTY (2018) coma un conto orixinal e reivindicativo da beleza afastada dos cánons tan esaxerados que as tiranías das firmas de moda e revistas parellas someten a tod@s os que pensan que o máis importante é o aspecto externo e o qué dirán de un, se non leva os pantalóns a altura das axilas ou a barba coma un príncipe etrusco, fun o cinema para disfrutar do que eu coidaba ía ser unha boa labazada a toda esa impostura “demodé” artificiosa e vácua.

Son xa tantos anos facendo este traballo que rara vez tentan colarme un truño de maneira inconsciente. Imos, que moitas veces teño que facer de tripas corazón e visionar filmes que sospeito non me van gustar, pero é estrano que o meu sentido arácnido non me alerte sobre un filme que non merece a pena velo. E mira ti por onde, a pasada semana debeu estar desconectado.

A historia que asinan a dupla profesional Abby Kohn (escritora cunha carreira moi na liña das correntes actuais reivindicativas das mulleres que traballan no Grande Hollywood) e de Marc Silverstein e que tamén fanse cargo da realización, na que é a súa ópera prima na longametraxe, é unha oportunidade perdida de facer outro tipo de conto distinto os argumentos sonrosadiños, de unicornios multicores e nubeciñas que soltan purpurina.

Renee, é unha muller xove, acomplexada polo seu aspecto a nivel de ter unha inseguridade extrema no seu contacto coa xente coa que ten que convivir. Traballa nun lúgubre soto, coma testadora de produtos cosméticos dunha grande firma. O seu soño é ser recepcionista da firma na súa sede central, sita nun rañaceos da glamurosa “5th Ave” de NYC. E de certo hai unha vacante pero é sabedora que co corpo que ten vai ser moi complicado así que inspirada pola visión do neno da penosa BIG (1988) que “quere ser maior” (aquí sí que o zumbido que tamén ten Peter Parker, avisoume que algo xa non ía ben), chimpa do sofá e vai tirar unha moeda a unha fonte no medio dunha treboada. E…

E acontece algo que fai que a rapaza vísese coma unha super top model. Ten tanta seguridade en si mesma que é coma un tornado que arrastra coa súa enorme personalidade e confianza a todos os que se achegan a ela, incluída a CEO da firma para a que traballa. Tanto éxito profesional mestúrase coa historia romántica que vive cun mozo (baleira dunha proposta críble e que só o grande papel que interpreta o actor Rory Scovel salva por intres).

Pero un gran poder conleva unha grande responsabilidade, que diría o Mestre Yoda e a rapaza non sabe administrar ben a voráxine coa que vive o seu día a día.

Vou parar de contar o filme aquí por que xa vai máis spoilers dos que non quero escribir, pero esta produción é unha lamentable perda de tempo. Nada que obxectar a nivel da técnica, pero o discurso final que quere ser unha homenaxe a muller traballadora común que non lle importan as aparencias, nin as engurras, nin as lorzas de máis, está baseado, para que merquen unha liña de maquillaxe económica. En fin, de facelo triángulo coas mans…

Dentro do sub-xénero (se é que o hai) de filmes sobre o mundo da Moda, podemos disfrutar da crueldade da Miranda Priestly que borda Mery Streep na notable THE DEVIL WEARS PRADA (2006) de David Frankel ou a formidable PHANTOM THREAD (2017) de P. T. Anderson; pero esta nimiedade vai máis no sendeiro daquela desafortunada película que Robert Altman dirixira no 1994 baixo o título tan pretencioso de PRÊT-À-PORTER.

Filme só dixerible para esixencias moi menores.

E continuando coa procura de cinema afastado dos canles de distribución ordinarios, tiven a oportunidade de disfrutar dunha moi humilde pero dignísima produción de cinema do Perú, que aborda os escuros anos co país andino sufriu con sangue e mortes baixo os anos de terror masivo que supuso as accións terroristas de Sendero Luminoso.

LA HORA FINAL (2017) de Eduardo Mendoza narra os esforzos do Grupo Especial de Inteligencia  (GEIN) por investigar o paradoiro do “Presidente Gonzalo”, alcume que os fanáticos colaboradores do grupo terrorista daban a Abimael Guzmán, líder maoísta dunha organización criminal que dende a clandestinidade (1976) e o seu comenzó na loita armada (1980) ata a súa captura no 1992, rematou coa vida de 31.331 seres humanos, según os datos manexados pola Comisión de la Verdad y la Reconcialización. Escalofriante.

O que fora un notorio catedrático de Filosofía, tivo a súa particular epifanía egomaníaca de trocar a sociedade peruana a golpe de coches bomba, execucións masivas, xenocidios sen escrúpulos e barrer aldeas enteiras. Non importaba nin as idades nin o xénero. Se non estabas con eles, eras obxectivo. Tan nivel de odio só é comparable o réxime dos Xemeres Vermellos da Camboia do Pol Pot que víramos na THE KILLING FIELDS (1984) de Roland Joffé e na inhumanidade medieval do réxime que os talibáns queren instaurar no Mundo. De certo, o proxecto de Guzmán era primeiro triunfar no Perú (ainda que tivera que matar o 90% da poboación) para poder exportalo seu éxito o resto do planeta. Imos, un “visionario iluminado”.

Dicíamos antes da lixeireza orzamental do filme, pero non coma demérito, por que na realidade, nótase que está excepcionalmente ben aproveitados os recursos cos que Mendoza e Gustavo Sánchez -que por estes paraxes o lembramos polo filme PANTALEÓN Y LAS VISITADORAS (2000)- manexan na produción.  De feito a dirección artística de Cecilia Herrera é de nota maior, e os vestiarios e o deseño nos sets de rodaxe ambientando os anos daquela época é meritorio.

O filme xoga con varias propostas estéticas, dende a cámara na man, ata unha rodaxe que mestura o hiperrealismo documental cunha planificación cinematográfica que non rechina. Todo o contrario; potencia as cotas de realidade que pretende axudado pola fotografía sen estridencias pero perfectamente na medida do tiro de cámara que fai Julián Arnau. De mérito para os aparellos técnicos que usaron e que agradécese por que dan un ton diferente as producións que estamos acostumados a visionar. Semella que vai máis vida fora da éxida das Arri Alexa ou das Panavision.

Gustoume moito esta non tan sinxela historia (ten os lóxicos erros deste tipo de filmes, pero non desentonan na liña argumental principal), disfrutei da caseque inexistente banda sonora (que aparece só cando é realmente necesaria, ben polo bo oído de David Romero) e da edición no primeiro corte de Ángela Vera e da montaxe final do propio Mendoza.

Filme recoñecido polas institucións culturais do seu país e que o director adica os seus pais. Outro cinema é posible. Só chega con ter unha boa historia que narrar, e no caso de LA HORA FINAL, teñen fío dabondo para texer unha bufanda do tamaño da que levaba o Cuarto Doutor. Mestura de xéneros que lémbranme a contraintelixencia da HIDDEN AGENDA (1990) de Loach, as indagacións vistas no remake de Scorsese que filmara no 2006 THE DEPARTED (esas azoteas destartaladas de Lima, fermosamente filmadas), eses arrabaldes capitalinos que lévanme a CIDADE DE DEUS (2002) de Meirelles, na ollada preocupada de Gabriela (¡qué ben a actriz Nidia Bermejo!) e nas dores profundas e sinceras das facianas que os actores directa ou indirectamente tiveron que ver, sufrir e escoitar na vida real.

Unha mágoa cando o home loita contra o home, e unha traxedia cando é entre irmáns. Por aquí tamén, por desgraza, sabemos algo de iso.

A pesares, ou quizáis grazas a liviana produción, e unha longametraxe moi, pero que moi recomendable.

Se nos vindeiros días non prodúcese o Primeiro Contacto cunha raza alieníxena, o luns seguiremos a falar de imaxes proxectadas a 24 fotogramas por segundo.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies