Se un se coloca na Praza do Obradoiro de costas á Catedral darase conta de que o edificio do concello pecha a praza polo esquerda pero non sucede así pola dereita, se nos achegamos ao pequeno miradoiro poderemos contemplar desde o alto a capela de San Frutuoso que según conta a lenda foi a responsable de que a casa consistorial tivese uns metros menos.

No S. XVI, no terreo que está as costas do actual edificio do concello de Compostela,  había unha pequena capela chamada da Vera Cruz á que un enfermeiro, Bartolomeu Barreiro, no século XVII  regalou unha imaxe da Virxe da Angustia.  En 1750, e sen que se coñezan as razóns,  comeza a ser moi frecuentada polos fieis que aseguraban a súa capacidade de realizar milagres, o aumento de esmolas foi tal que se pensou en construír un novo templo que é o que hoxe atopamos as costas do concello.

A nova igrexa chamouse da Angustia de Abaixo por contraposición á de arriba ou da Quinta Angustia que xa existía. Si atendemos a imaxinería a igrexa é tamén da sexta Angustia xa que representa a recepción do corpo de Xesús pola súa nai, o sexto dolor de María segundo a tradición católica.

O edificio encargouse a Lucas Ferro Caaveiro que desde facía uns anos sucedera a Fernando Casas Novoa como mestre de obras da Catedral. Como moitos dos seus traballos a igrexa concibiuse para ser vista desde un plano superior pero uns anos despois comézase a pensar a construción do Palacio de Raxoi, hoxe concello, e a Ferro Caaveiro encárganlle o deseño da fachada. Caaveiro atópase co dilema de renunciar a que a igrexa sexa vista desde o alto ou non aproveitar todo o espazo do que dispuña para a fachada de Raxoi. A outra teoría que explica o tamaño da fachada do concello fala dunha disputa co de aquela Hospital Real, hoxe Hostal dos Reis Católicos, que consideraba que se invadían os seus terreos.

Sexa como fora o feito é que hoxe dispomos dun recuncho privilexiado para contemplar   o cumio da Igrexa de San Frutuoso e as estatuas das catro virtudes cardinais, prudencia, temperanza, fortaleza e xustiza, que a coroan. As pezas son obra dos escultores Gregorio Fernández e Francisco de Lens e é habitual que a xente  comente o seu parecido coas catro sotas sen saber que, a dicir dalgúns expertos,  os deseños da baralla española inspiráronse nesas catro virtudes.

No interior chámanos a atención unha cúpula con forma de media laranxa que lembra á de San Pedro de Roma aínda que os expertos atopan en todo o conxunto grandes diferenzas.

O templo está situado xunto ao antigo cemiterio de peregrinos e nun dos seus laterais podemos contemplar esculpida unha caveira coa lenda “como me ves vereite, como te vexo vinme” unha dose de realismo que pasa desapercibida aos visitantes do labirinto que se asenta sobre o vello camposanto.

En 1920 a Catedral decide sacar fora do templo a capela de San Frutuoso; como se busca a proximidade e non se pensa en construír unha igrexa específica para o santo decídese ocupar a da Angustia de abaixo que desde aquel momento pasa a cambiar a súa denominación pola que hoxe coñecemos.

Bibliografía: estudiosgallegos.revistas.csic.es

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial