Imaxinando Compostela, un proxecto expositivo coa mirada posta no 2021

0

Compostela, 10 de xullo do 2019 – O Consorcio de Santiago presentou o conxunto de exposicións Imaxinando Compostela, un proxecto expositivo que durará ata o Xacobeo 2021.

Imaxinando Compostela iniciou a súa andaina a pasada semana coa inauguración da mostra Figurando Lembranzas na Fundación Granell. Tratase en este caso do traballo de 17 pintores galegos que estiveron exiliados en Latinoamérica. Son obras de Abreu Bastos, Ángel Botello, Arturo Souto, Castelao, Eugenio Granell, Isaac Díaz Pardo, Laxeiro, Maruja Mallo, Luís Seoane, Manuel Pailós e Mario Fernández Granell que reflicten as influencias que estes artistas recolleron nos países de acollida. Permanecerá ata o mes de setembro. É a primeira dunha serie de exposicións, 3 este ano, que iran abrindo de aqui ao ano 2021.

Imaxinando Compostela, un proxecto expositivoA seguintes exposicións terán como espazo elixido a Casa do Cabido e centraranse na fotografía. Este xoves inaugurarase a que leva por título A paisaxe e a súa pegada I, catro fotógrafos amosarán a súa particular visión da paisaxe do Camiño de Santiago e da cidade. Son instantáneas de Alberte Peiteavel, Javier Teniente, Sheila Pazos e Tino Viz. É a primeira parte dunha exposición que terá continuidade cunha segunda mostra, A paisaxe e a súa pegada II, que tamén se exhibirá na Casa do Cabido durante os meses de outubro, novembro e decembro; nesta ocasión con instantáneas de Xoán Soler, Andrea Costas, Eva Díez e Denís Estévez.

O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da Cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentaba o proxecto esta mañá. Ao acto asistiron ademais a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o responsable de Exposicións do organismo interadministrativo, Juan Conde; xunto á comisaria deste proxecto expositivo, Mercedes Rozas.

O nexo de unión desta proposta é a relevancia e a relación dos patrimonios cultural, natural e inmaterial. Nesta liña, tal como explica a comisaria, “contémplase a concorrencia de artistas de distintas xeracións e variados xeitos de actuación, así como de múltiples e mesturados espazos de intervención”.

Imaxinando Compostela, un proxecto expositivo“A confluencia de circunstancias especiais como a que se produce no ano 2021, coa celebración do Ano Xacobeo, leva a trazar coordenadas converxentes con compoñentes vinculados ao Camiño de Santiago, e máis concretamente coas entradas á cidade compostelá. A intervención artística servirá de porta aos que chegan de fóra a través da ruta milenaria e de abeiro cultural aos que viven na cidade” -indica Mercedes Rozas-.

Na súa intervención, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, puxo de manifesto que “estamos a dezaoito meses do Ano Santo. É un reto e temos que prepararnos para enfrontalo. Millóns de persoas van vir a Santiago en 2021 e moitas máis van ter a súa mirada posta na cidade. É unha oportunidade para que sexa un éxito extraordinario tamén dende o punto de vista artístico e cultural. E precisamente nesta proposta, Imaxinando Compostela, unha serie de artistas galegos van poñer en valor a nosa paisaxe a través do seu traballo”.

Unha nova exposición xa confirmada para 2020

Tempo no Camiño é o título da exposición que xa está confirmada para o vindeiro ano e que permanecerá aberta ao público na Casa do Cabido de xuño a outubro de 2020. Recóllese o concepto do territorio como identidade común a través da obra de artistas que traballan cos elementos da natureza desde distintos e ben diferentes rexistros. Trátase dunha xeografía da mirada, de deterse nos pequenos detalles do contorno, facendo da paisaxe un concepto dinámico. Nesta mostra os creadores tomarán o espazo da Casa do Cabido como referencia da intervención.

Por outro lado, estase a traballar noutra parte do proxecto chamada Arte na rúa para o período 2020-2021, co Camiño de Santiago como argumento de fondo en todas e cada unha das formulacións artísticas. Os posibles espazos expositivos serán espazos públicos da cidade vencellados ao Camiño, aínda que cómpre avanzar no financiamento desta parte do proxecto, en colaboración con outras institucións.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial