Desde hai uns meses a miña filla lémbrame con insistencia que aos seus amigos regálan ou regalaronlles un smartphone pola Primeira Comuñón. Así que ela, que ten uns papás ultratecnolóxicos, vai camiño de ser a rariña da clase (e en breve, de todo o cole) que non ten, non xa un teléfono, senón un smartphon coa súa tarifa de datos e demais equipación.
Fai xa un par de anos que o agasallo estrela das primeiras comuñóns (e reis, e aniversarios, e…) é un teléfono intelixente. Cao súa conectividade 3G, como mínimo, en calquera momento e lugar. Coa connivencia, faltaría máis, das empresas de telefonía móbil, que mostran os mesmos escrúpulos que calquera traficante.
Se hai uns anos a mente infantil amparábase até extremos ridículos, mentres os perigos físicos derivados propios da infancia considerábanse lances do xogo, agora a tortilla deuse a volta á española. Nun mundo no que as randeeiras protexense ata o absurdo para evitar un brazo roto, expomos as mentes dos nosos infantes a perigos que nin coñecemos.
Porque un smartphone non é un teléfono. É unha cámara de fotos, e de vídeo, e unha gravadora de audio, e un computador persoal avanzado con máis potencia que todo o programa Apolo, con conectividade 24/7 a calquera lugar do planeta, nas mans dun rapaz de 9 anos. O perigo non son as chamadas, nin o SMS ou MMS, controlables mediante a factura. O quid do asunto está na conexión de datos, que permite navegar e usar redes sociais sen molestias, a uns nenos que, nin por idade nin, espero, por vivencias, teñen aínda unha idea clara de como funciona o mundo.
Das compañías de telecomunicacións, ese reverso tenebroso dos supertacañóns, falamos outro día, bile mediante. Hoxe falaremos das familias que se lanzan a este vórtice sen un criterio de contraste sopesado.
Quero crer que quen regala un smartphone a un rapaz de 9 anos ( ou de 10, ou de 11) non é consciente, en realidade, do que pode facer un móbil actual. Cre que o móbil son 3 ou 4 grupos de whatsapp, mirar o correo electrónico, revisar o tempo, e, talvez, botarlle un ollo ao Facebook. Non sabe que a idade mínima para que un rapaz poida decidir sobre os seus propios datos persoais ou sobre a súa propia imaxe son os 14 anos, razón pola cal ningún neno menor desa idade pode ter Facebook, nin Twitter, nin Instagram, nin conta de Google/Gmail/Youtube. E os menores de 16 anos usan Whatsapp só se están emancipados ou con consentimento paterno (ou sexa, que os pais somos responsables do que fagan).
Non sabe que a simple instalación de certas aplicacións supón o alta en servizos de tarificación adicional que xerarán cuantiosas facturas a final de mes.
Non sabe que pode navegar comodamente por toda a rede como o faría nun computador e que os únicos obstáculos que atopará son os deseños web arcaicos que unicamente protexen contra contidos obsoletos.
Cren que cedendo á presión social e regalando un móbil os seus fillos estarán máis integrados, pero o certo é que tamén estarán máis expostos a un mundo de abusos sen control.
Non se trata de ser a Sra. Scrooge da telecomunicación. Faltaría máis. Son firme defensora do uso de tablets na escola e de que os nenos teñan acceso a esta ferramenta. E aquí hai unha serie de matices crave. Unha tablet non é un móbil, conéctase mediante WiFi, o que a volve máis controlable. Quen ten o router ten a tixola polo mango. Unha tablet ten un certo tamaño, polo que talvez non a leven a todas partes e comeranse antes a batería. Unha tablet dálles acceso ao mundo, pero non campan ás súas anchas de modo indiscriminado.
Se o que quere é que teña a posibilidade de contactar con Vd (ou viceversa ) comodamente porque as circunstancias así o aconsellan, probe a darlle un móbil sen datos, que permita chamar e enviar mensaxes. Algo sobradamente testeado, controlable, e que cumpre a súa función.
Cando demostrase que é cabal no uso da tablet e as chamadas de teléfono será cando poida ir dándolle maiores responsabilidades. Aos poucos. Aprender a ser cidadán dixital é un proceso que non termina nunca.