O inglés Jon Brokenbrow novo presidente da Asociación Veciñal Río Sarela

0

Compostela, 7 de novembro do 2017 – Os veciños de San Lourenzo e Carme de Abaixo votaron por unanimidade a nova Xunta Directiva que estará presidida por Jon Brokenbrow.

Jon Brokenbrow, inglés de Bristol,  leva un cuarto de século vivindo en Santiago, e ven de converterse no novo presidente da Asociación Veciñal Río Sarela, un cargo que asumiu o pasado venres con “moita honra” e coa intención de “dinamizar o barrio de San Lourenzo e Carme de Abaixo, escoitar aos veciños e involucrar a todos os sectores e xeracións na mellora da nosa contorna e da cidade”.

A Xunta Directiva da Asociación Río Sarela, fundada en 1977, foi votada por unanimidade na asemblea extraordinaria celebrada o pasado sábado. No equipo que preside Brokenbrow figura xente con moita experiencia no movemento veciñal, como Fernando Peleteiro (vicepresidente actual e antigo presidente do colectivo), Ángel Lado (secretario e vicepresidente con Peleteiro) ou Alfonso Castelao. Xunto a eles completan a nova directiva Juan Martínez (tesoureiro), María Torre, Ángel Carreira, Álvaro García e Vicente Mandado como vogais.

De esquerda a dereita aparecen: Vicente Mandado (Vogal), Juan Martínez (Tesoureiro), Ángel Lado (Secretario), Ángel Carreira (Vogal), María Torre (Vogal), Alfonso Castelao (Vogal), Jon Brokenbrow (Presidente), Fernando Peleteiro (Vicepresidente) e Álvaro García (Vogal)

Tradutor de libros infantís e periodista, Jon Brokenbrow leva case tres décadas vivindo en España. Os últimos 25 anos na Carballeira de San Lourenzo, diante do local social do colectivo veciñal. Ilusionado co apoio que lle amosaron os veciños, o novo presidente asume o cargo “cunha visión clara do obxectivo que queremos acadar, escoitar as persoas que viven no barrio para axudar a resolver os problemas que nos afectan a todos e mellorar a súa calidade de vida, sen esquecernos de atraer ás novas xeracións que chegan ao barrio”.

Coa intención de coñecer de primeira man as peticións dos habitantes de San Lourenzo e Carme de Abaixo, a nova directiva convocará unha asemblea para o vindeiro sábado 18 de novembro, na que “queremos concretar as primeiras actuacións que imos levar a cabo”.

Mentres, e para facilitar a comunicación cos veciños, a directiva puxo en marcha a páxina de Facebook da asociación (@riosarela) e está a traballar na construción dunha páxina web.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies