Lalín abre a Carpa Mahou con tres showcookings

0

Lalín, 23 de febreiro do 2019 – Todo listo en Lalín para que esta fin de semana empece a funcionar a Carpa Mahou no campo da feira, un dos grandes atractivos da edición número 51 da Feira do Cocido.

A Carpa Mahou, unha instalación tipo iglú, totalmente transparente e ampliada ata os 85 metros de longo por outros 20 de ancho, abre oficialmente ao público ás 12.00 horas coa mellor gastronomía para a Feira do Cocido de Lalín.

Tres grandes referentes da cociña de Vangarda en Galicia, todas elas cunhas Estrela Michelín nos seus restaurantes, ofrecerán cadanseu showcooking a través dos que poñerán en valor as virtudes culinarias do prato galego por excelencia, o Cocido de Lalín. Trátase das cociñeiras Mahou Inés Abril de Maruja Limón; Lucía Freitas de A Tafona e da lalinense Belén López, cociñeira en Árbore da Veira. As tres prepararán en directo, ante o público que se achegue ata a carpa, varios pratos inspirados na tradición gastronómica do cocido. Os showcookings comezarán ás 12.00 horas e terán unha duración de entren15 e 20 minutos cada un. Despois da exhibición culinaria, o público terá a oportunidade de degustar totalmente de balde algunhas das tapas elaboradas previamente polas chefs.

Mahou é un dos principais patrocinadores da Feira do Cocido de Lalín e colabora coa posta en marcha de distintas actividades de lecer para completar a oferta do gran evento gastronómico da capital do Deza. Con esta iniciativa, Mahou quere achegar unha cultura gastronómica de máxima calidade a todas as persoas, compartindo novas experiencias baseadas no sabor máis coidado.

A entrada é completamente libre e de balde, polo que dende o Concello de Lalín se convida a todas e todos os lalinenses a asistir a un acto que permitirá coñecer en vivo as habilidades e o xeito de traballar dalgúns dos novos valores da gastronomía galega. Ao mesmo tempo, o público tamén poderá aproveitar para visitar os postos das 32 firmas que se instalarán durante a fin de semana do Cocido, que celebrará o seu día grande o domingo, 4 de febreiro. A Carpa Mahou que alberga o mercado do Cocido foi unha das apostas do Goberno de Lalín para a Feira do Cocido neste mandato e gozou de gran éxito dende o primeiro ano da súa instalación (2016). Púxose en marcha co obxectivo de renovar a mostra gastronómica e, ao tempo, aportarlle ao festexo un toque de maior calidade e modernidade dándolle absoluto protagonismo ao produto de calidade e ás nosas excelentes materias primas.

Seguridade no Cocido

Por outra banda, O Concello de Lalín lembra que por mor da montaxe do operativo para a Feira do Cocido e a celebración dos actos haberá restricións ao tráfico en diferentes vías do centro de Lalín. Así, dende este sábado quedarán pechadas á circulación e ao estacionamento as rúas Principal e Loriga. O propio domingo tamén estará prohibido estacionar dende as oito da mañá, en todo o percorrido a rúa Bos Aires e a rúa Cacharela, para facilitar o desenvolvemento do desfile do Cocido. Tampouco se permite o estacionamento dende as oito da mañá do domingo diante do Concello e en diferentes rúas da zona do Regueiriño, nas que se van habilitar os lugares para o aparcamento de autobuses.

Feira do Cocido

Finalmente, o 24 de febreiro terá lugar o día grande da Feira do Cocido, que este ano celebra a 51ª edición e que contará como cada ano, cun plan especial que tratará de garantir a fluidez na circulación e a seguridade dos milleiros de persoas que se acheguen a desfrutar dos actos da Feira, para evitar calquera tipo de incidencia.  O obxectivo principal é o de eludir as conglomeracións de vehículos no centro -que permanecerá en gran parte pechado ao tráfico- de modo que aqueles visitantes que se acheguen no seu coche se vaian derivando cara a periferia, onde hai grandes espazos habilitados para o estacionamento. Do mesmo modo, os buses que se despracen a Lalín terán á súa disposición os aparcadoiros das grandes áreas comerciais do casco urbano, así como o Campo da Feira novo.

Os corpos de seguridade tamén aconsellan neste día manterse atentos ás pertenzas persoais, xa que as aglomeracións de poden ser aproveitadas para realizar furtos. Este ano volverase instalar en Lalín un centro operativo da Axencia de Emerxencias de Galicia (AXEGA), dende onde se coordinará todo o operativo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial