Lalín xa ten candidatas ao premio aldea singular

0

Lalín, 7 de xaneiro do 2018 – Doade, Cercio, A Xesta e Xaxán serán as candidatas na terceira edición da distinción aldea singular que entrega o concello de Lalín.

A distinción Aldea Singular foi posta en marcha polo Goberno local de lalín coa pretensión de poñer en valor o rural recoñecendo a aquela aldea ou parroquia do municipio que máis destaque na defensa e conservación da súa contorna natural, ambiental, do seu patrimonio histórico, cultural ou artístico, así como en iniciativas de impulso económico, social, cultural, integración veciñal etc. As parroquias que finalmente presentaron a súa candidatura en tempo e forma foron A Xesta, Cercio, Doade e Xaxán. O galardón será entregado dentro dos actos oficiais da 50 Feira do Cocido, que se celebra o vindeiro domingo, día 4 de febreiro.

Os proxectos para Doade e Cercio foron presentados polas asociacións Amigos do Museo Casa do Patrón e Asociación Cultural A Carballeira de Cercio, respectivamente, mentres que os de A Xesta e Xaxán as formalizaron as asociacións de veciños parroquiais. Esta distinción pioneira ten unha dotación económica de 15.000 euros que o núcleo gañador debe investir en actuacións que redunden beneficiosamente para conxunto de veciños e sempre sobre terreos e espazos de dominio público. Así, os investimentos deberán estar relacionados con obras de construción ou rehabilitación, limpeza, sinalización, recuperación de espazos, mellora de alumeado público ou aforro enerxético, melloras e/ou construcións de saneamentos, canalizacións etc.

O xurado que valorará os proxectos presentados vai manter a primeira reunión nos próximos días, coa finalidade de emitir o fallo na segunda quincena do mes. Este tribunal está composto polo alcalde de Lalín, que será o presidente, e polos concelleiros e concelleiras de Urbanismo, Cultura, Rural e Facenda. Nesta edición tamén formará parte do xurado un concelleiro designado pola oposición, así como un técnico municipal de urbanismo, un profesional independente da arquitectura  e o paisaxismo, un artista de relevancia cultural e un experto medioambiental. O grupo  valorará a conservación urbanística e arquitectónica de cada candidatura, a súa integración na paisaxe e o coidado dos seus valores naturais, sen esquecerse da súa actividade sociocultural e do proxecto de actuacións presentado, outorgándolle a condecoración a aquela que obteña maior puntuación dun total de 100 puntos.

O Goberno de Lalín quere mostrar o seu agradecemento polo esforzo realizado por cada unha das parroquias candidatas nesta terceira edición do premio. “Aínda que polo de agora non se entrou a valorar os proxectos, simplemente coa verificación da documentación se pode apreciar o gran traballo dos veciños e veciñas, con propostas moi elaboradas e de gran nivel, que farán moi difícil a decisión do xurado”. 

O Concello de Lalín “continúa coa súa aposta firme pola recuperación, dignificación e dotación de servizos ao rural,  unha prioridade que se reflicte coa posta en marcha deste galardón, que chega á súa terceira edición coincidindo co medio século de vida da Feira do Cocido e que se pretende consolidar no tempo como exemplo dun Concello cun rural vivo, dinámico e exemplar”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial