Lalín abrirá o 5 de maio a décimoterceira bienal de arte “pintor Laxeiro”

0

Lalín, 21 de abril do 2017 – O Salón do Padroado do Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) acolleu a presentación da 13ª Bienal Pintor Laxeiro de Lalín, cuxa exposición central se abrirá ao público o vindeiro día 5 de maio, citando a 21 artistas, dos que 18 son convidados.

Esta edición, que aspira a ser un dos eventos artísticos máis importantes do ano en Galicia aposta pola renovación e por reformular moitas das cuestións vividas con anterioridade, “tratando de replantexar ideas e reflexionar acerca do que foi, é e será a nosa plástica e ampliándose a outros ámbitos de acción como o pensamento, a poesía ou o cinema”, tal e como afirmou o comisario do certame, o lalinense Ángel Calvo Ulloa, que compareceu acompañado do alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e da concelleira de Cultura, Lara Rodríguez.

Poñer en mans dun comisario a dirección, algo que xa ocorrera noutras dúas edicións, reafirma un compromiso coa arte galega e, ao mesmo tempo establece un punto de ruptura co anterior.  Así, a 13 Bienal de Lalín presenta un formato renovado con respecto ás edicións anteriores, cun tema central que articula a estrutura da mesma e que amplía a outras disciplinas coma o da poesía, o cinema ou o pensamento o seu campo de acción. “Nun instante no que a arte galega pretende dun xeito non regulado definir a súa relación co pasado, esta edición da Bienal trata de preguntarse se realmente existe un vínculo entre pasado, presente e futuro e reflexiona acerca de como se suxire esta ollada”, apuntou Calvo Ulloa.

A exposición central, que se abrirá ao público o vindeiro 5 de maio no Museo Municipal de Lalín, será o punto de partida de case tres meses de actividades. Inicialmente esa mostra estará composta por 21 artistas convidados que suporán un breve percorrido polo pasado e presente da plástica galega e que presentarán unha serie de traballos históricos coma no caso de Xoán Torres ou Armindo Salgueiro, así como traballos de recente creación de artistas coma Alejandra Pombo, Diego Vites, Lúa Ribeira ou Tamara Feijoo. Ademais, dentro do programa de adquisicións de obra que a Bienal realizou dende os seus comezos, posibilitouse a realización de dous proxectos específicos propostos ás artistas Emma Crichton e Irene Grau en relación a dous temas claves a nivel local e nacional como son o estado actual do legado de Antonio Taboada Ferradás “Wily” e o conflito que dende hai anos manteñen os veciños de Lalín coa compañía eléctrica Gas Natural-Fenosa para evitar a tala do souto de Casas Vellas. O resultado destas dúas investigacións poderá verse dentro da mostra do Museo Municipal e entrarán a formar parte da colección do Concello de Lalín. Como figura destacada da Bienal, haberá unha selección de traballos en fotografía de Emilio Araúxo.

Máis alá da exposición central, desenvolveranse outras liñas que contarán con programas específicos no campo do pensamento e o debate, dentro do cal se desenvolverán nos días 2, 9 e 16 de xuño tres palestras que reunirán no Salón de Actos da Biblioteca Municipal a diferentes figuras de recoñecido prestixio na cultura galega e estatal que debaterán a propósito das cuestións que propón a Bienal. 

O 24 de xuño, como acto central da sección dedicada á poesía, que dirixiu Chus Pato, terá lugar unha lectura que reunirá en Lalín ás e aos poetas Xoán Carlos Rodríguez, Estíbaliz Espinosa, Carlos Negro, Ana Romaní, Oriana Méndez, Antón Blanco e Alfonso Traficante, que representan novamente esa conexión do pasado, presente e futuro da nosa poesía.

Para pechar esta edición da bienal, os días 7, 8 e 14 de xullo terá lugar o programa de cinema, elaborado polo Cineclube de Compostela e no que se vai presentar unha ollada arredor do cinema en Galiza.

Como clausura desta edición, presentarase o catálogo que contará non só coa habitual selección de traballos mostrados na exposición, senón tamén unha selección de materiais relativos a tódalas actividades realizadas nos case tres meses que vai durar, así coma unha selección de textos históricos que supoñen un material de incalculable valor para o estudio da arte no noso país.

O alcalde de Lalín agradeceu á dirección do CGAC a posibilidade de presentar neste espazo a mostra e puxo de relevo a aposta do Goberno local polo mundo da cultura. Nestes sentido dixo sentirse moi ilusionado coa Bienal e con que esta sexa comisariada por Ángel Calvo “un lalinense xa recoñecido internacionalmente e cun futuro máis ca prometedor por diante”. Ao mesmo tempo subliñou “a volta de torta” outorgada a esta edición coa introdución de disciplinas como a poesía ou o cinema e convidou a todas  e todos os lalinenses e a todos e todas as galegas a visitar un certame de referencia a nivel galego no ámbito da arte e da cultura. Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, mostrouse orgullosa de poder presentar este evento artístico “no que é un luxo contar cun comisario da categoría de Ángel Calvo, que lle imprimiu un xiro tan importante á Bienal introducindo novas actividades transversais”.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies