Lalín, 23 de outubro do 2017 – O Goberno de Lalín levará ao próximo Pleno a proposta para establecer unha bonificación do 95 por cento no IBI para explotacións gandeiras e agrarias.
A concelleira de Facenda, Teresa Varela, explica que con esta medida “contribuirase a reducir considerablemente a carga fiscal que soporta o noso medio rural, ao tempo que se afianza de maneira clara e inequívoca o apoio do Concello a un sector estratéxico e dinamizador fundamental da nosa economía produtiva e que se considera de especial interese municipal”. Trátase, en palabras da edil, dun obxectivo “ao que xa está a contribuír a histórica baixada de impostos levada a cabo polo Goberno municipal este ano”, coa redución do IBI ao mínimo que permite na actualidade a lexislación estatal (0,4% para os bens de natureza urbana e 0,3% para os inmobles de natureza rústica).
De forma específica, Teresa Varela indica que co establecemento desta bonificación “preténdese tamén reducir e paliar as consecuencias da revisión catastral impulsada polo Goberno central e que vai a producir un impacto importante sobre os bens inmobles do rural”, que verán como se incorporan ao catastro instalacións agrarias tales coma establos, granxas e naves, que ata o de agora non tributaban polo IBI e que comezarán a pagar por este imposto.
En concreto, a bonificación do 95 por cento na cota íntegra do imposto aplicarase a aqueles inmobles nos que se desenvolvan actividades agrícolas ou gandeiras, e que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias tanto sociais como de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración. Neste sentido, cómpre salientar que se entenderán como inmobles destinados ao desenvolvemento de actividades agrícolas ou gandeiras aqueles que, de acordo coa normativa do catastro inmobiliario, estean cualificados como de uso principal agrario. Esta declaración corresponderalle ao Pleno da Corporación e acordarase, previa solicitude dos posibles beneficiarios, polo voto favorable da maioría simple dos seus membros.
A bonificación poderá solicitarse mediante o modelo normalizado que estableza o Concello, dende o día 1 de xaneiro ata o 31 de marzo do próximo exercicio, e a súa concesión manterase para os exercicios sucesivos ata que se modifique ou derrogue a ordenanza. A concelleira de Facenda explica que “aínda que a vontade política do Goberno local era que a bonificación se aplicase de oficio, sen necesidade de petición previa, a lei de catastro obriga a que teña que realizarse esa solicitude por parte dos posibles beneficiarios”.