Lalín pide a cidadanía responsabilidade no consumo de auga

0

Lalín, 12 de agosto do 2017 – A Concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, realizou un chamamento á cidadanía de Lalín a quen lle solicita “a máxima responsabilidade no consumo de auga”.

A edil alerta de que o río do que se realizan as captacións está “baixo mínimos, chegando a descender o nivel de auga no estanque de acopio, situado en Catasós, ata 60 centímetros dende que se fixo o primeiro chamamento no mes de xullo”. A falta de precipitacións orixina que os ríos non sexan capaces de recuperar a auga ao ritmo suficiente que esixe o bombeo, feito polo que foi necesario botar man do depósito de auga de reforzo situado en Botos.

Ante esta “preocupante situación” Celia Alonso demanda a solidariedade da cidadanía e solicita que se racionalice o consumo e se empregue auga para aquilo que sexa estritamente necesario. “Non podemos malgastar nin unha pingueira, porque a auga non é un ben infinito, senón que nesta época pode chegar a ser un recurso escaso”, indica. Deste xeito pídelles aos veciños e veciñas de Lalín que “actúen coa maior prudencia e apliquen medidas de aforro para evitar futuras carencias. Entre estas medidas fai referencia, por exemplo, a que se pechen as billas para afeitarse ou lavar os dentes, que non se utilice a auga apta para o consumo en tarefas de regadío, que a xente se duche no canto de bañarse, ou que se vixíen posibles fugas na rede de subministro. Non obstante, Celia Alonso insiste en que “o máis importante é que a cidadanía tome conciencia da situación e sexa consciente de que é imprescindible facer un uso racional e adecuado da auga”.

Neste contexto, o Concello de Lalín xa adoptou medidas para evitar o gasto innecesario no rego de parques e xardíns. Esta política preventiva aplicarase durante todo o verán co obxectivo de garantir o subministro durante a época de máis calor.

A concelleira de Medio Ambiente volveu informar de que o Concello non quere ter que chegar a realizar restricións no consumo, debido a que esta medida “podería ser incluso contraproducente”. A concelleira refírese a que moita auga se podería chegar a perder debido a que “a poboación tendería a acumular máis da necesaria naqueles momentos do día no que o subministro estivese habilitado”. Así mesmo, sinalou que os cortes poderían causar problemas técnicos na acometida.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies