Lalín reduce a convocatoria de prazas de policía local a unha

0

O incumprimento da estabilidade orzamentaria no exercicio 2015 debido á compra do párking obriga a reducir á metade o número de contratados. Nos vindeiros días o departamento de Emprego elaborará a lista de admitidos e excluídos nun procedemento ao que se presentaron preto de 200 persoas

Lalín, 11 de novembro do 2016 – O Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente para dar continuidade ao proceso selectivo para a incorporación de novo persoal da policía local, tal e como informou hoxe a concelleira de Emprego, Katia Procino. Finalmente sairá a oposición libre unha única praza.  Nun principio estaba prevista a contratación de dous axentes, debido a que os informes do departamento de intervención enviados ao Ministerio de Facenda a comezos do pasado ano indicaban que estas incorporacións non poñerían en perigo o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria do exercicio 2015, o que permitiría unha taxa de reposición de persoal do 100%. Finalmente e, tras corrixir co citado ministerio un erro administrativo que paralizou temporalmente o proceso, emitiuse un novo informe no que se conclúe que, unha vez realizada a liquidación do orzamento do 2015, se incumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria. Isto débese a que Facenda obriga ao Concello a computar os gastos derivados da compra do Párking Aldea Grande no mesmo exercicio. Porén e, en virtude do establecido na Lei de Orzamentos Xerais do Estado do 2015, permítese continuar co proceso selectivo, pero reducindo ao 50% a taxa de reposición. Polo tanto só poderá sacar a concurso unha praza.

O proceso selectivo non comezará novamente, senón que continuará no punto no que se encontraba no momento da súa paralización. Deste xeito, durante os vindeiros días procederase por parte do departamento de Emprego do Concello a elaborar a lista de admitidos e excluídos nun procedemento ao que se presentaron preto de 200 aspirantes. Deste modo, está previsto que as probas de oposición libre, que incluíran exames teóricos e probas físicas, se desenvolvan durante o mes de decembro, para que o axente seleccionado se poida incorporar á Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) no mes de xaneiro para realizar as prácticas previas á súa incorporación no posto do Concello como persoal en propiedade.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial