Lalín creará un cinto verde peonil

0

Lalín, 9 de abril do 2019 – O Concello de Lalín vén de recibir o proxecto definitivo de execución e definición dos diferentes tramos do denominado Cinto Verde de Lalín, que contempla tamén a dirección facultativa da obra.

O cinto verde  inclúe, na primeira fase, actuacións en 9 zonas diferentes cunha superficie total de 20.868 metros cadrados. Esta iniciativa conta cun importante orzamento dentro da estratexia Lalín Ssuma 21 financiada con fondos europeos FEDER dentro do programa operativo 2014-2020, que alcanzará  nesta parte uns 660.000 euros de investimento. O proxecto ten o Paseo do Pontiñas como eixo principal e, utilizando camiños xa existentes creará un nó de conexións peonís que mellorarán a mobilidade urbana a pé e que enlazarán de modo natural con puntos do entorno da vila como Donramiro e, ademais, achegará o propio paseo ao casco urbano.

Como criterio xeral as solucións propostas no proxecto técnico teñen por obxecto a preservación e mellora das condicións paisaxísticas dos diferentes tramos. As actuacións propostas no proxecto para os diferentes treitos son as seguintes:

T1 Lalín Arena

O tramo 1 correspóndese coa zona de conexións de sendas peonís situadas na parte traseira do Lalín Arena. Neste punto substituírase unha escaleira con chanzos de madeira e problemas de esbaraxe cando chove por outra de pedra. Ademais, acondicionarase un treito de camiño con zahorra estabilizada e cunetas laterais empradrizadas.

T2 Camiño do Muíño.

O tramo 2, denominado Camiño do Muíño, une o Pontiñas con Donramiro e coa parte traseira do Lalín Areana. É un camiño tradicional situado entre cerres de mampostería e rodeado de carballos que conserva un importante valor. O seu pavimento de terra atópase en mal estado de conservación. Porén, proponse a súa substitución por zahorra artificial estabilizada que conseguirá unha superficie firme. O pavimento terá unha capa transversal e evacuará a auga cara as cunetas laterais.

T3 Camiño da Costa

O treito 3, denominado Camiño da Costa, conéctase cos tramos 1 e 2 e é de características similares a este último, aínda que con pendentes máis acusadas. A súa primeira parte, que se corresponde coa rúa Camiño da Costa,  está asfaltada e dá acceso a varias vivendas. A continuación presenta un pavimento de terra cunha forte pendente no inicio que será solucionada cunha escaleira de esquisto labrado. Noutro treito, tamén de considerable pendente, será preciso crear unha rampla-escaleira para facilitar a accesibilidade. O camiño será dotado de cunetas laterais para recoller a auga e nalgunhas zonas crearanse muros de mampostería coas pedras caídas que se atopan actualmente sobre o camiño.

T4 Filgueiroa

O tramo 4 iníciase no camiño asfaltado que comunica a Avenida do Empalme co núcleo de Filgueiroa. O seguinte tramo parte deste camiño en dirección norte e adéntrase nunha zona intensamente arborada con camiño de pavimento pobre de asfalto e grava e rodeado nalgunhas partes de muros de mampostería. Como actuación o proxecto propón a utilización de pavimento brando para conseguir unha superficie máis regular. O camiño terá unha pendente transversal cara os lados co obxecto de recolectar as augas. Nun dos extremos deste treito atópase o Pontiñas ao que se accede por unha escaleira de  madeira que será substituída por outra de pedra.

T5 Carballeira da Crespa

O treito 5 conecta o núcleo de Filgueiroa polo norte atravesando a Carballeira da Crespa, co Paseo do Pontiñas no punto que se une ao tramo 4. Trátase dun camiño tradicional que na súa parte central presenta zonas de importante pendente. De maneira similar aos demais camiños tradicionais, o pavimento proposto para mellorar a accesibilidade e conseguir unha superficie regular consistirá na aplicación dunha base branda de zahorra artificial e grava compactada con evacuación de auga cara os laterais.

T8 Monte da Pena

O ámbito do Monte da Pena viuse bastante afectado pola construción da Rolda Leste e a rotonda do Carefour. Orixinariamente nesta zona había un camiño que daba acceso ás fincas próximas e ás proximidades do rego de Cabirtas que contan cun atractivo importante. A proposta para este treito ten por obxecto principal a recuperación ambiental da zona e a potenciación dos valores paisaxísticos. Deste xeito, mediante sinxelas actuacións recuperaranse elementos estruturantes do lugar para converter o Monte da Pena nun dos puntos de interese principal do Cinto Verde no que descansar e desfrutar da natureza. Entra as accións inclúese a recuperación de taludes e a rexeneración da capa vexetal, a recuperación do treito do antigo camiño que comunicaba coas fincas próximas, a limpeza de especies vexetais en todo o ámbito, a construción dunha escaleira de pasos de pedra para facilitar o acceso á zona superior, ou a construción de tres zonas de descanso dotadas de bancos de granito e asentos de madeira.

T10 rúa do Regueiriño

Na zona do Regeuiriño levarase a cabo unha das actuacións máis importantes do proxecto. A rúa do Regueiriño conecta o Pontiñas coa praza de Galicia e o centro da vila e na actualidade ten un claro carácter urbano. O tratamento proposto pretende establecer unha transición difusa entre o carácter eminentemente urbano do centro de Lalín e a paisaxe do Pontiñas. Seguindo os criterios técnicos do anteproxecto plantéxase a supresión dun dos carrís de circulación e do aparcamento en batería para crear unha franxa verde que separe a actual rúa, que se ampliará cun carril bici, da calzada. A franxa verde funcionará como elemento de biorretención e filtrará e recollerá a auga para o rego das especies plantadas. Ao outro lado e vinculada ás canchas deportivas, crearase outra área verde con zonas de estacionamento que se intercalarán con árbores e cuberta vexetal que proporcionará sombra. Esta actuación permitirá, en definitiva, aproximar o Pontiñas a poucos metros do centro urbano.

T11 Área de descanso

Crearase unha zona de descanso próxima ao núcleo de Filgueiroa que se resolverá con pavimentacións e bancos entre os árbores que posibiliten o descanso, sempre empregando formas e materiais que armonicen co espazo existente.

T12 Camiño Avenida Xosé Cuíña

O tramo 12 que baixa ao Paseo do Pontiñas dende a rotonda da Av. Xosé Cuíña, mellorarase con pavimento de zahorra e con cunetas de evacuación de auga similares aos dos demais arranxos en camiños tradicionais.

O Cinto Verde de Lalín é un dos proxectos máis significativos dentro da estrataxia Lalín Ssuma 21. Casares  afirmou estar moi satisfeito co proxecto de RVR Arquitectos e fixo fincapé en que esta actuación vai constituír un dos eixos vertebradores da nosa vila e vai reforzar o Paseo de Pontiñas como a referencia que todos os lalinenses temos de zona urbana verde.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial