Lalín estrea curtametraxe documental co gallo do 50 aniversario da Feira do Cocido

0

Lalín, 5 de xaneiro do 2018 – O Concello de Lalín presentou oficialmente a curtametraxe documental sobre os 50 anos da Feira do Cocido. Trátase dunha peza audiovisual que  pasará a formar parte do material promocional da  festa máis sobranceira dos lalinenses no ano no que cumpre medio século de vida.

O acto de presentación da curtametraxe tivo lugar na Biblioteca Municipal coa presenza do alcalde, Rafael Cuíña, o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, e o responsable da produtora que realizou o documental, Emilio Fernández.

O documento audiovisual, de 8 minutos de duración,  funciona como unha reseña sobre a Feira do Cocido e sobre o que este evento gastronómico supón para o pobo de Lalín e para o crecemento deste concello. A súa finalidade é a de promocionar a Feira e achegala ao espectador a través da prosa de Álvaro Cunqueiro, que aparece ficcionado no vídeo e que vai narrando a secuencia durante a súa viaxe a Lalín para ofrecer o pregón da primeira Feira do Cocido.

A peza foi confeccionada estudando e botando man de gran cantidade de documentación e material gráfico pertencente a diferentes arquivos.  Mestura imaxes actuais e outras antigas que amosan como eran os primeiros anos da feira e da vila de Lalín, buscando transmitir a esencia do pobo lalinense e da súa festa gastronómica.

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, explicou que a execución deste documental encádrase dentro das diversas iniciativas e accións promocionais postas en marcha polo concello con motivo das vodas de ouro da Feira do Cocido. Considera que é primordial, dentro destas propostas, contar cun documental que explique o que a Feira supón para  Lalín en termos tanto económicos como socioculturais. Porén, anunciou que será unha das ferramentas principais de difusión desta edición, polo que se vai proxectar a través das redes sociais, pero tamén levarase noutras actividades promocionais e  cederase aos establecementos que o desexen como elemento ambientador. O concelleiro agradeceu o traballo de Emilio Fernández e do seu equipo destacando que “foi unha proposta que nos gustou dende o primeiro momento e que quedou excelente no seu resultado”. Finalmente resaltou que o documental non conta coa presenza de políticos “porque aínda que hai moitas persoas que poderían merecer ter saído, quixemos darlle o protagonismo absoluto á cidadanía”.

O alcalde de Lalín pechou o acto destacando que “estamos encantados con este documental que nos gusta especialmente pola idea de que Álvaro Cunqueiro fai de fío condutor,  xa que a Feira do Cocido, ademais de gastronomía e economía, tamén é cultura”. O rexedor considera que a peza “vai gustar moito e vai ter gran impacto, agradecendo o traballo realizado pola produtora e pola concellería de Turismo para sacala á luz.

FEIRA DO COCIDO DE LALÍN. 50 ANOS DE HISTORIA E GASTRONOMÍA. from Agencia Arthur Gordon on Vimeo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial