Lalín inicia a demolición do antigo colexio Manuel Rivero

0

Lalín, 26 de febreiro do 2019 – O Concello de Lalín iniciou as obras de demolición do antigo colexio Manuel Rivero, unha das iniciativas para a rexeneración urbana do barrio do mesmo nome.

O derrubo do Manuel Rivero forma parte da estratexia Lalín Suma 21, cofinanciada nun 80% por fondos FEDER no marco do programa operativo de crecemento sostible, POCS 2014-2020. O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, supervisou o inicio das actuacións e informou de que estarán concluídas no prazo aproximado dun mes. Como primeiro paso estase a proceder á retirada selectiva de enseres e mobiliario, así como elementos de tabiquería, falsos teitos, escaleiras etc. Finalmente eliminaranse os muros e as cimentacións ata deixar a zona completamente limpa e explanada.

O ámbito de actuación comprende o total da parcela do antigo colexio, cunha superficie de 1.523 metros cadrados, dos que 1.014 están ocupados pola edificación. As edificacións que compoñen o conxunto do antigo colexio son 3: dous espazos docentes de idénticas características e un terceiro edificio que era destinado a ximnasio. Como lembrou González Casares, o montante total que se prevé destinar ao Plan de recuperación social do Manuel Rivero ascende a máis dun millón de euros. O investimento permitirá desenvolver diferentes actuacións e poñer en valor unha superficie total de máis de 3.500 metros cadrados. O obxectivo e avanzar nun novo modelo de vila e  recuperar unha zona que levaba anos en estado de abandono e completamente deteriorada. Na zona do colexio o proxecto contempla a construción dun albergue de peregrinos convertendo o espazo nunha praza. Por outra banda rehabilitaranse as vivendas sociais dos mestres como vivendas de alugueiro de baixo custe e reordenarase o tráfico e os aparcamentos buscando convertela nunha rúa de prioridade peonil.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial