Lalín lanza o primeiro programa de compostaxe individual

0

Lalín, 7 de maio do 2019 – A concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, vén de anunciar que o Concello de Lalín poñerá en funcionamento nos vindeiros días o primeiro programa de compostaxe individual.

Como sinalou a edil, nesta primeira fase do plan de compostaxe poñeranse a disposición dos veciños e veciñas 60 composteiros que cede a Deputación de Pontevedra a través do Plan Revitaliza. Outros 10 módulos serán reservados polo Concello para centros educativos e para posibles necesidades de recambio ou reposición de pezas.

A entrega dos composteiros realizarase mediante solicitude previa por rexistro no Concello de Lalín e a súa asignación efectuarase por estrita orde de entrega das solicitudes. O prazo para entregar as instancias abrirase o mércores e permanecerá habilitado ata que se cubra toda a oferta. Cada veciño beneficiario farase responsable do composteiro que lle será entregado en modo de préstamo e en ningún caso pasará a ser privado. Os usuarios deberán facer un uso correcto do mesmo.

Cada estación será examinada, como mínimo, dúas veces ao ano por técnicos municipais e por mestres composteiros da Deputación, que tamén se encargarán de manter o control que garantirá que o proceso de creación de compost se desenvolva de maneira adecuada. No caso de non facerse un uso adecuado, o composteiro poderá ser retirado e entregado a outra persoa que o solicite. En todo caso coa entrega de cada elemento, tamén serán facilitadas as instrucións de uso e toda a información e formación necesaria para a súa utilización e, no caso de dúbida, os usuarios sempre poderán contactar co Concello ou cos mestres composteiros. Por outra banda, cada usuario, deberá encargarse do transporte do composteiro á súa vivenda.

Celia Alonso fixo fincapé en que a posta en marcha dos composteiros individuais “é unha gran noticia tanto para o medio ambiente como para o Concello e para os propios lalinenses, xa que contribuirá a reducir a cantidade de residuos sólidos que se envían a Sogama e, ademais, o composte xerado será revertido ás persoas colaboradoras que o poderán empregar como abono de primeira calidade. A xestión dos residuos é un dos principais problemas aos que teñen que facer fronte os concellos. Neste senso, como explicou a concelleira, “a compostaxe preséntase como unha gran alternativa coa que xestionar o lixo orgánico de maneira totalmente ecolóxica, que ademais nos permitirá seguir reducindo custes, polo que a intención do Goberno é reforzar os programas de compostaxe no vindeiros mandato”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial