Lalín contará cun novo estacionamento próximo aos xulgados

0

Lalín, 5 de marzo do 2018 – O concello de Lalín habilitará unha nova área de estacionamento, próxima a zona dos xulgados, o que a converterá na vila da súa categoría con máis prazas de aparcamento.

Os concelleiros de Urbanismo e Obras, Nicolás González Casares e Francisco Vilariño, visitaron a finca que será acondicionada como estacionamento. Trátase dunha parcela de propiedade municipal que no futuro podería cambiar de uso se o planeamento urbanístico o precisase.

Os concelleiros explicaron que  o acondicionamento servirá para poñer en valor este predio, de 1.500 metros cadrados, para poder ofrecer ata 50 novas prazas de aparcamento gratuítas a menos de 2 minutos a pé do centro da vila. O proxecto, ademais de dotar de pavimento a superficie, apostará por incluír equipamentos axeitados e unha solución estética e integrada nun entorno urbano como o Regueiriño, de modo que a actuación tamén contribuirá á rexeneración urbana dun terreo que actualmente se atopa en malas condicións e que xa é empregado para estacionar, polo que se pretende que estea en perfecto estado.

Actualmente o proxecto técnico para a creación desta área de estacionamento atópase en fase de redacción, mais dende o Goberno agárdase que estea concluído axiña e poida ser presentado en poucos días. Calculase que o orzamento necesario para a actuación roldará os 45 mil euros.

A reforma deste solar converterá a Lalín na vila galega da súa categoría cun maior número de prazas de estacionamento habilitadas nas proximidades do centro, pois ademais deste espazo, o campo da feira tamén permite o aparcamento de decenas de coches totalmente de balde, ao que hai que sumarlle o párking Aldea Grande.

Francisco Vilariño e Nicolás González Casares fan fincapé na utilidade cidadá que alcanzará este novo espazo que se vai inserir por completo nun entorno urbano como o Regueiriño, con importantes edificios administrativos, pero sendo tamén unha zona residencial e próxima a espazos lúdicos e deportivos como o Paseo do Pontiñas, ou culturais, como a Biblioteca ou o Museo Municipal. Ademais, indican, a iniciativa tamén vai na liña dun modelo de mobilidade urbana adaptado ás persoas, que foxe da acumulación de vehículos no centro, facilitando o seu estacionamento na periferia máis próxima.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies