Lalín considera “papel mollado” o borrador de convenio para o novo centro de saúde

0

Lalín, 7 de maio do 2018 – O Goberno de Lalín cualifica de “papel mollado” o borrador de convenio de cooperación remitido ao Concello pola Consellería de Sanidade para a construción dun novo centro integral de saúde.

O executivo lalinense considera que o borrador de acordo para o centro de saúde é “unha tomadura de pelo e supón un novo engano aos lalinenses por parte da Xunta, pois semella que non teñen a máis mínima intención de poñer en marcha este proxecto tan necesario e a súa única intención coa remisión deste borrador é a de gañar tempo” . Según explican desde o concello Sanidade non determina no documento nin características mínimas do centro, nin tampouco especialidades, prazos de execución, nin estimación algunha de investimentos, polo que indica, “estamos ante unha nova cortina de fume” e esixe que “se o goberno galego quere ter un mínimo de credibilidade na construción do centro sanitario, debe aclarar con urxencia este tipo de cuestións”.

No documento a consellería de Sanidade pídelle ao Concello de Lalín que lle ceda integramente a propiedade da parcela situada no Alto de Vales que no proceso de expropiación superou os 300 mil euros de custe. A maiores, a Consellería de Sanidade tamén esixe que o Concello se faga cargo de todos os gastos de urbanización da parcela, incluído o aparcamento. Ante este plantexamento por parte de Sanidade, o Goberno municipal alerta de que “estamos ante un flagrante atropelo” e, en base á remisión desta proposta de convenio, o Concello de Lalín xa solicitou as correspondentes aclaracións á Consellería de Sanidade, que son fundamentalmente de tipo urbanístico, pois a expropiación foi motivada no seu momento para a construción dun novo complexo sanitario e, polo tanto, a Consellería debe especificar con claridade os detalles e características do proxecto antes de realizar este tipo de esixencias ao Concello.

O Goberno de Lalín tamén expresa a súa máis absoluta disposición para levar a cabo o convenio definitivo de colaboración que permita a construción coa máxima prontitude dunha nova infraestrutura sanitaria en Lalín, pero aclara que a Xunta non nos pode demandar ese tipo de cheques en branco, porque incluso dubidamos da súa legalidade e porque asinándoo non estariamos defendendo o patrimonio municipal. De feito, o executivo entende que ademais de delimitar e concretar en que consiste o centro sanitario, a cesión en propiedade sen reserva algunha da parcela á Consellería supón unha cláusula aberta e unha concesión discrecional que ten que ser reconducida á obriga de construción e posta en funcionamento en prazos determinados por parte da Consellería de Sanidade do novo centro. Porén, o Concello pídelle á Xunta que se faga constar expresamente que, no suposto de non cumprir estas obrigas de construción e de posta en funcionamento do centro de saúde, que resulte, os terreos reverterán a Lalín de xeito automático, co contido do artigo 111 do Regulamento de Bens (obriga de construír o centro en cinco anos e mantemento nos trinta anos seguintes) e coa obriga de indemnizar. Por tanto, o Concello insiste en esixir que se marquen, como mínimo, prazos, investimento e características técnicas e especialidades da infraestrutura, pois do contrario a sinatura deste acordo é inadmisible.

O concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, xa remitiu unha carta á Consellería de Sanidade solicitando a aclaración de moitos dos mencionados puntos, pois a vontade do Concello de Lalín é clara  e pasa por poñer en marcha de maneira inmediata os mecanismos necesarios para a execución do novo centro de saúde, “pero dende o Concello non podemos regalar parcelas municipais a cambio de ningún compromiso”, afirma.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies