Lalín proxecta un novo parque de ocio para cans

0

Lalín, 22 de outubro do 2017 – A concelleira de Medio Ambiente, Parques e Xardíns, Celia Alonso, vén de anunciar o proxecto de creación dun novo parque de ocio para cans en Lalín.

A posta en marcha desta nova infraestrutura dá resposta a unha vella reivindicación dos veciños do casco urbano, que demandaban un espazo adaptado ao esparexemento das mascotas e dos seus donos. Finalmente a área ubicarase nun espazo verde actualmente sen uso da zona do auditorio, concretamente, preto do lateral sur deste edificio. A superficie habilitada para o ocio canino será 1.500 metros cadrados. O Concello conta cun orzamento duns 20.000 euros para a súa creación e, segundo a concelleira, a obra será adxudicada proximamente, co obxectivo de que poida estar finalizada antes de rematar o ano.

Celia Alonso, visitou o espazo xunto co tenente de alcalde, Nicolás González Casares, e apuntou que “non foi doado atopar un lugar que non estivese moi desprazado do centro e que reunise as condicións para albergar un parque para cans, tales como contar con auga ou coa presenza de sombra”. “Así mesmo, elixiuse este espazo porque moitos cidadáns xa tiñan a costume de pasear nesta zona os seus cans, de xeito que dentro das múltiples posibilidades baralladas pola concellería, finalmente pareceunos o sitio máis axeitado”, engadiu a concelleira.

A necesidade desta infraestrutura responde a que Lalín, que conta cunha alta poboación canina, goce dun espazo no que os cans poidan correr libremente, xogar, divertirse e exercitarse, xa que adoitan pasar longo tempo en espazos reducidos e, máis, tendo en conta que no resto da vila, incluído o Pontiñas, é obrigatorio que as mascotas paseen con correa. Por outra banda, o parque de ocio canino bríndalles aos cans a oportunidade de relacionarse entre eles e aos donos que comparten afección por estes animais de intercambiar experiencias ou coñecementos. Non obstante, Celia Alonso lembra que “aínda que a prioridade da área é que os cans estean soltos, deben estar sempre baixo a supervisión dunha persoa responsable, pois non se pode deixar o animal no parque e desentenderse del”.

A zona que se vai utilizar (1.500 m2) corresponde toda ela a pradeira. Será cercada cunha malla simple duns 2 metros de altura para evitar fugas e cun punto de acceso formado por unha porta abatible con cerramento exterior. Tamén se instalarán dúas billas independentes permitindo o seu uso para persoas e cans, así como un bebedeiro de aceiro con buraco na parte central para evitar o estancamento da auga. Por outra parte colocaranse xogos que permitan aos animais saltar e exercitarse e un “pipican” con zona circular decorada e valada no seu perímetro. As deposicións sólidas deberán ser retiradas polos amos das mascotas e depositadas nas papeleiras.

Carteis

A concelleira de Medio Ambiente aproveitou para aclarar que os carteis recentemente colocados polo Concello en diversas áreas nas que se fai referencia á prohibición da presenza de cans, se deben a que as mascotas non poden estar en zonas de xogo habituais de nenos e nenas. Isto débese á que, tal e como establecen as normativas ao respecto, estes espazos deben ter garantidas condicións axeitadas de limpeza e salubridade, o que non é posible coa presenza masiva de cans. A concelleira lembrou que nos carteis propios de diversos parques xa se contempla a prohibición de mascotas, feito que incumpren moitos cidadáns, polo que o que se fixo foi simplemente reforzar a sinaléctica.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies