займ срочно

Lalín prepara distintas actuacións na Serra do Candán

0

Lalín, 29 de abril do 2019 – Lalín levará a cabo durante o verán un novo e importante proxecto para mellorar servizos, entornos e infraestruturas situadas, principalmente, en zonas da Rede Natura 2000 da Serra do Candán.

O novo programa levarase a cabo no marco do denominado “Plan Candán”, un plan  que busca a promoción e posta en valor desta serra, destinándose nesta fase un total de 102.006,59 euros. Esta cantidade  é procedente do Fondo de Compensación Ambiental 2019 que xestionou no Goberno o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, e cuxa resolución favorable desta achega xa lle foi comunicada ao Concello de Lalín.

O programa servirá para acondicionar camiños, mellorar a seguridade viaria nalgúns puntos, acometer drenaxes e mellorar sumidoiros, cubrir de xeito estético colectores do lixo e incluso retirar vertedoiros. Todas estas actuacións servirán para dar resposta ás demandas veciñais e para contribuír ao desenvolvemento rural e a habitabilidade dos espazos situados -principalmente- en plena Rede Natura.

Deste modo, o proxecto contemplará, en primeiro lugar, a mellora do firme e das drenaxes do camiño que une os núcleos de Acevedo e o alto de Liñeiras, na parroquia de Zobra, que conta con máis dun quilómetro de lonxitude e presenta actualmente un estado de importante deterioro. Por outra banda, no lugar de Moa proxéctase a execución de melloras na seguridade viaria nos accesos ao núcleo, o adecentamento da zona na que se ubica o local social e a mellora da iluminación pública. Así mesmo, contémplase a instalación de elementos de cubrición dos colectores do lixo para incrementar as condicións estéticas do lugar e aminorar o seu impacto na paisaxe.  

No caso de Bustelos (Vilatuxe), o Concello acometerá a mellora da drenaxe e do saneamento de pluviais co obxectivo de evitar as riadas sobre a estrada nos períodos de moita chuvia. Neste núcleo, ao igual que en Moa, tamén se instalarán elementos estéticos para cubrir os colectores e integralos na paisaxe. Outra das actuacións máis importantes dentro deste plan levarase a cabo no lugar de Portela, onde se eliminará o vertedoiro de inertes existente para adecentar posteriormente esta superficie e transformala nun espazo de uso veciñal.

Finalmente, a única actuación que se acometerá nunha zona externa á Rede Natura levarase a cabo na parroquia de Filgueira coa mellora do firme do camiño que atravesa a carballeira e dá acceso ao local social e que comunica, ao mesmo tempo, a zona co polígono Lalín 2000 e coa parroquia de Santiso.

Trátase dun plan de actuacións que permitirá seguir incrementando os servizos no rural e dar resposta a cuestións moi importantes para os veciños e veciñas que habitan a Serra do Candán. O Concello de Lalín vén realizando nos últimos anos un esforzo dentro do Plan Candán destinando recursos aos espazos da Rede Natura, onde polas súas condicións especiais de protección pode ser especialmente complexa a execución de obras e investimentos en beneficio dos veciños e veciñas que, deste xeito, se poden solventar. Este novo programa implica intervencións nalgúns dos lugares máis afastados do municipio, que amais de teren un enorme valor ambiental teñen que contar cos servizos públicos adecuados para  a súa habitabilidade. Neste sentido, xa se acometeron nos últimos meses varias actuacións  neste territorio dentro do programa, tales como a creación da rede de sendeiros, o proxecto de saneamento de Zobra ou a mellora dos sistemas de abastecemento en Vilatuxe e Lebozán.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies