Lalín remata un verán de actividades centradas na conciliación

0

Uns 450 rapaces e rapazas participaron nos campamentos urbanos, no campamento do mar e na escola de verán. González Casares valorou moi positivamente o desenvolvemento das diferentes actividades e indicou que a intención do Goberno e seguir nesta liña de cara a próximos anos

Lalín, 02/09/2016 – Preto de 450 rapaces e rapazas participaron este ano nas actividades xuvenís estivais programadas polo Concello de Lalín (escola de verán, campamento urbano e campamento no mar), no que supón, segundo o concelleiro de Benestar Social “o maior esforzo en aras da conciliación xamais realizado neste concello”. O Goberno de Lalín imprimiulle a estas actividades un marcado carácter social, con máis de 200 prazas gratuítas, destinadas a menores de familias con escasos recursos. Así mesmo, por primeira vez, a entrada ás piscinas exteriores tivo prezos reducidos e foi gratuíta  para as familias en dificultade socioeconómica.

González Casares valorou moi positivamente o desenvolvemento das diferentes actividades xuvenís da época estival. Á boa marcha dos campamentos urbanos sumouse o éxito rotundo do campamento no mar, que este ano tivo lugar na localidade coruñesa de Cabana de  Bergantiños. A boa acollida desta actividade, que discorreu nunha paraxe natural espectacular e nunhas instalacións propicias para o desfrute dos nenos e nenas, fixo que o Goberno de Lalín teña a intención de repetir experiencia o próximo ano, coa colaboración do Concello de Cabana.

A escola de verán, iniciada o ano pasado, reforzouse este ano prolongándoa durante todo o período estival non lectivo.  A iniciativa, ideada e desenvolvida polo Goberno municipal, serviu como modelo de integración, ao tempo que cumpriu o seu obxectivo fundamental: garantir que os menores de familias con dificultades socioeconómicas puidesen acceder a unha alimentación equilibrada e variada durante o verán, independentemente de que no transcurso do curso escolar fosen beneficiarios ou non do comedor. A Escola de Verán  do Concello de Lalín estivo aberta a todas as familias do municipio, indistintamente da súa situación, para evitar, deste xeito, que se poidan producir posibles procesos de estigmatización dos rapaces.

As actividades xuvenís do verán tamén teñen a intención promover actividades educativas alternativas durante o período estival, favorecer o desenvolvemento integral dos menores, promover hábitos de vida saudable e actividades que fomenten a convivencia, a integración e a participación, así como facilitarlles ás familias a conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Unha vez rematados os campamentos, realizarase unha valoración máis profunda dos mesmos, entendendo o Goberno de Lalín que a liña actual será seguida nos próximos anos.

Por outra banda, Nicolás González Casares, adiantou que de cara o ano que vén, grazas ás posibilidades que ofrece a ampliación do espazo de lecer da piscina exterior, tratarase de desenvolver no recinto unha programación cultural e deportiva propia da piscina. Esta programación ofrecerase fundamentalmente pola mañá, aínda que cabe a posibilidade de realizar sesións, como concertos a última hora da tarde. Así mesmo, está previsto que, en vista da demanda,  a piscina exterior abra o ano que vén durante o mes de xullo ata as 21.00 horas e buscarase unha ampliación do período de apertura, incluso dende o final do curso escolar.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial