Lalín saca a concurso a reforma da Praza da Vila

0

Lalín, 15 de marzo do 2019 – O concello de Lalín ven de sacar a concurso público o proxecto de reforma da Praza da Vila , un dos espazos máis concorridos da cidade.

A concelleira de Parques e Xardíns, Celia Alonso, explicou que a mellora permitirá “poñer en valor de maneira moi importante un dos espazos urbanos neurálxicos Lalín, facéndoo máis atractivo, accesible, equilibrado e funcional para toda a veciñanza”. Trátase dunha intervención moi ambiciosa que transformará e mellorará a Praza da Vila e que conta cun orzamento de licitación de 319.998,80 euros. As empresas teñen un prazo de 20 días  para presentar as súas ofertas. Deste modo, como adianta a concelleira, o obxectivo é que o proxecto, tras superar os diferentes trámites administrativos do proceso de contratación, se adxudique no mes de maio e se execute durante o verán para poder estrear o novo parque no mes de setembro.

Os pregos da licitación inclúen entre os criterios de adxudicación avaliables como melloras diversos puntos a ter en conta. Entre eles establécese a redución do prezo sinalado como máximo no prego. Tamén se terá en conta favorablemente a incorporación ao proxecto dun sistema de control intelixente da iluminación da praza adaptado e controlable a través da plataforma Smart City Lalín que se puxo en marcha a través da estratexia financiada con fondos europeos Lalín Ssuma 21 e que deste xeito relaciona ambos proxectos. Así mesmo, valorarase positivamente a substitución a conta da empresa de todas as luminarias e o mantemento da área de xogos dende a recepción do obra ata un máximo de 12 meses ou a ampliación do prazo de garantía.

O Goberno municipal fai fincapé no feito de que con esta intervención se mellorará por completo a calidade do espazo urbano da Praza da Vila para os veciños, co acondicionamento e integración das zonas separadas nun único espazo. A reforma tamén significará a revitalización e o rexuvenecemento urbano en beneficio e proveito dos veciños de Lalín, en especial de nenas e nenos coa creación de novos xogos, con deseño exclusivo e adaptado ao entorno, para diferentes grupos de idades.  Con este obxectivo, faise unha proposta que solventa o desnivel existente entre a zona máis alta e máis baixa da mesma, xerando un percorrido que guía ao usuario e que a fai moito máis accesible e cómoda para os cidadáns. Para materializar isto vanse realizar unha serie de bancais, xerando plataformas a distintas cotas. Por outra banda, para marcar límites e delimitar espazos, empregaranse diferentes solucións de pavimento. Os xogos do parque van ser en todo caso un punto fundamental do proxecto, con zonas para diferentes grupos de idade e con deseño único e novidoso, feito ex profeso para este espazo.

En calquera caso, e para diminuír o risco de impacto por alteración de elementos e relacións que xa forman parte da memoria colectiva, procederase á reciclaxe urbana de diferentes elementos. É o caso da fonte de xogos de auga, cuxos vasos se van aproveitar para convertelos nun montículo para a zona de xogo. Desta maneira, a fonte converterase nun elemento diferenciador, integrado no terreo, e que tamén servirá para xogar, pero conservando os elementos característicos do seu perímetro. Esta primeira fase, que comprende á zona máis próxima á Igrexa, incluirá a instalación de zonas de xogo cilíndrico e redes, areeiro, tobogáns, trampolín, túneles, medias olivas, semiesferas de caucho, pasos elevados, xogo trepa ou anel inclinado, entre outros. 

Nunha fase posterior tamén se reciclará o palco da música, ao tempo que se reubican as esculturas e o monolito conmemorativo no lugar de maior visibilidade. No que respecta ás árbores, e sempre contando coas proteccións necesarias, formarán parte dos xogos infantís, que se deseñaron de maneira única para este lugar.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial