Pablo Romeo, Armando vázquez e a hostalería local, Lalinenses do 2017

0

Lalín, 18 de Nadal do 2017 – O xurado dos premios Lalinense do Ano decidiu recoñecer as traxectorias neste 2017 do activista Pablo Romeo, como Lalinense do ano, dos valores da cociña e a hostalería local, no premio colectivo e a traxectoria vital do escritor, historiador e xornalista, Armando Vázquez, na distinción a toda unha vida.

Os premios serán entregados, como vén sendo tradicional, antes do comezo do concerto de fin de ano que ofrecerá a Banda de Lalín, o próximo día 30 de decembro.

Lalinense do ano

O xurado decidiu outorgarlle o premio Lalinense do ano 2017, na categoría individual, á persoa que máis sobresaíu polo seu traballo no ano en curso, ao activista, veciño da parroquia lalinense do Noceda, Pablo Romeo. Romeo é vicepresidente da ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) e responsable local deste entidade. A pesar da súa xuventude (30 anos), leva moito tempo vinculado a este colectivo, sendo un membro moi activo do mesmo. En Lalín é sobradamente coñecido polo seu traballo para sensibilizar a poboación e dar a coñecer en Galicia a problemática do pobo saharauí e pola súa loita a favor da liberdade e os dereitos deste pobo ante as circunstancias de exilio nas que vive, sufrindo as consecuencias dun conflito que xa perdura no tempo 41 anos .

Pablo Romeo é, ademais, o coordinador en Deza do programa de acollida de nenos e nenas saharauís, Vacacións en Paz. A través desta iniciativa os menores refuxiados poden realizar durante a súa estancia en Galicia revisións médicas, mellorar a súa alimentación, afastarse das altas temperaturas etc. Para poder levala a cabo, Romeo traballa durante todo o ano coordinando este programa e buscando axuda económica mediante iniciativas sociais e culturais, que recentemente tamén lle serviron para ser distinguido co premio provincial á xuventude no apartado de iniciativa social. Dando mostra da súa implicación coa causa, Pablo Romeo doou a cantidade económica deste premio (2.000 euros) á ONG Sogaps. Ademais da súa vinculación á loita polo pobo saharauí, Romeo destaca pola súa alta participación na actividade social lalinense. É membro directivo da Peña Celtista Siareiros Dezaos e foi elixido en 2016 alcalde de barrio da parroquia de Noceda, cargo que ostenta na actualidade.

Premio colectivo aos novos talentos da hostalería local

En canto á categoría colectiva, os membros do xurado decidiron recoñecer  os novos valores da cociña e a hostalería local, que, grazas ao seu traballo e talento están conseguindo que Lalín sexa, a cada paso, unha referencia de maior dimensión no ámbito da gastronomía. No ano no que a Feira do Cocido cumpre o medio século de vida, os membros do xurado consideraron especialmente adecuado recoñecer a traxectoria deste grupo de mozos e mozas lalinenses que, en moitos casos, son o relevo xeracional de históricos e distinguidos restaurantes e locais de Lalín.

A boa labor e traxectoria dos mozos e mozas restauradores do municipio fai que a noso concello sexa cada vez máis recoñecido no exterior pola calidade dos nosos produtos e por unha gastronomía que é unha das mellores cartas de presentación de Lalín e que funciona como un eixo dinamizador da economía local. A implicación dos novos talentos da restauración lalinense para alcanzar estes obxectivos foi visible, por exemplo, na iniciativa promovida polo Concello de Lalín, “Lalín con gusto”, que reuniu a comezos de mes a 10 restauradores e a centos de persoas que non quixeron deixar pasar a ocasión de contemplar en directo o seu traballo e degustar as súas novidosas propostas culinarias. Participaron nesta actividade: Belén López (Gastrobar Doña Maruja), Patricia Galego (Bodegón A Cunca), Alberto González (Casa Currás), Álex Iglesias (Restaurante Cabanas), Diego López (Restaurante La Molinera) Ana Buján )Restaurante Asturiano), Davinia Rielo (Restaurante Catro Camiños) Xaime Rodríguez (Café Bar Kubos), Xan Martínez (Café A Lareira) e Diego López Dapena (profesor Escola de hostalería Belarmino Fernández).

Toda unha vida a Armando Vázquez Crespo

Na sección de premio á traxectoria de toda unha vida, a persoa elixida para o recoñecemento foi o historiador, escritor e xornalista, Armando Vázquez Crespo. Natural da parroquia de Bermés, desenvolveu gran parte da súa traxectoria profesional en Madrid. Non obstante sempre estivo moi ligado ás súas raíces lalinenses. Vázquez Crespo foi membro e colaborador de numerosos medios de comunicación aínda que, neste caso, o xurado recoñeceu especialmente o seu traballo e as súas colaboracións e publicacións divulgativas sobre a historia e o patrimonio histórico de Deza e de Lalín con obras como “A comarca de Deza” (1989, 1997), en colaboración con Daniel González Alén e Memoria do tempo en Deza” (2009). Tamén destacan as súas investigacións sobre o patrimonio histórico da Serra do Carrio.

Xurado

O xurado estivo presidido polo alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e non fixeron propostas nin votaron políticos. Estivo composto por numerosos colectivos, entidades sociais, clubs deportivos, bandas de música e alcaldes de barrio.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies