A Lei de montes e a súa aplicación centra o debate no pleno de Lousame

0

Lousame, 21 de maio do 2018 –  A aplicación da Lei de montes centrou o debate da sesión plenaria ordinaria de maio en Lousame, a raíz dunha moción presentada polo grupo municipal socialista. Previamente, o Pleno deu o visto bo a dous trámites para a realización de dúas importantes obras para a veciñanza: o aglomerado da estrada entre a planta de compostaxe e a localidade de Servia e o saneamento na Filgueira e Seixido.

Así o Pleno aprobou, cos 6 votos a favor do PP e as 3 abstencións do PSOE, unha modificación orzamentaria de 165.051,9 euros para o arranxo con aglomerado do camiño dende o cruce da planta de compostaxe da Mancomunidade ata Servia, incluído no Plan de Aforro e Investimentos (PAI 2017). Unha pista que se atopa moi deteriorada e que foi un compromiso da alcaldesa, quen asegurou “non podo entender a abstención do PSOE á realización desta obra”. O concelleiro do Partido da Terra, Xosé Tubío Rodríguez, estivo toda a sesión incorporándose e retirándose do debate, polo que só votou en dous dos puntos.

Saneamento Filgueira e Seixido

O Pleno tamén aprobou, cos  6 votos a favor do PP e as 43 abstencións do PSOE e do Partido da Terra, renunciar ao procedemento de expropiación forzosa e volver á tramitación ordinaria no proxecto de “Saneamento en Filgueira, Seixido e Servia”. Teresa Villaverde explicou que “fomos ao proceso expropiatorio porque ao propietario do terreo lle faltaba certa documentación que finalmente conseguiu, polo que se volvemos ao procedemento ordinario poderemos axilizar as obras, que xa están adxudicadas, en máis de 6 meses”.

Este proxecto é frotio dun convenio de colaboración asinado por Augas de Galicia e o Concello de Lousame por un importe de 200.000 euros, que serán financiados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia. O proxecto atrasouse porque Augas de Galicia non considerou idóneas as parcelas propostas para a instalación da depuradora, polo que houbo que adquirir novos terreos.

Lumes forestais

Na quenda de mocións, o PSOE presentou unha na que pedía que “se aposte polo rural buscando a súa revalorización, que as propias administracións cumpran coa normativa, posto que xa se falou de facer talas preventivas que non se levaron a cabo, que se amplíe o prazo para poder cumprilo e que se eliminen as sancións”, explicou Julio Paradela. O voceiro do grupo socialista considerou que “esta lei, que vén do ano 2012, tivo tempo suficiente para ser aplicada e nos parece un despropósito que en tan pouco prazo e por vía executiva se obrigue a unhas cortas que van en prexuízo dos veciños”. Neste sentido, insistiu en que a saca da madeira incidirá nunha baixada do seu prezo, que non hai na bisbarra suficientes empresas de roza e que a maioría dos propietarios son de idade avanzada.

Teresa Villaverde recordoulle ao concelleiro socialista que “a lei é de 2007, dato que interesadamente omite nesta moción, e daquela a franxa que se establecía era de 100 metros, non 50 como agora”. A alcaldesa lembrou toda a actuación realizada dende o Concello nesta cuestión, onde a oficina de Urbanismo está asesorando a toda a veciñanza do municipio sobre as obrigas de roza e corta de acordo ao establecido na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os lumes forestais de Galicia.

Villaverde insistiu no que leva dicindo nas distintas reunións celebradas coa veciñanza: “o que hai que centrarse é arredor das casas. Imos centrarnos nos núcleos e que non haxa casas nas que lles entre o monte. As notificacións ten que facelas o Concello e só as fará aos grupos de risco”. Unha afirmación ante a que o voceiro socialista incidiu en que “se tes monte e non o tes limpo, vanche coller e vanche ir enriba túa. A culpa é dos propietarios por non limpar. É unha tala indiscriminada de madeira que prexudica aos propietarios”.

Público presente

Unha afirmación ante á que a alcaldesa de Lousame pediulle ao voceiro socialista “que non falte á verdade porque asustar é facilísimo. Lembre que as sancións xa estaban recollidas tanto na Lei de 2007 como na de 2012, pero quen ten que notificar é o Concello”. Neste sentido, lamentou a convocatoria realizada polo PSOE de Lousame á veciñanza para que asistira ao “pleno ordinario no que se debaterá a Lei de Montes que a tantos veciños preocupa”. “Iso é falso. As leis debátense no Parlamento e os seus compañeiros de partido dixeron que non era unha cuestión de política, senón de país, para que ninguén quede sen casa”, lembrou Villaverde, quen lanzou unha pregunta á vintena de veciños e veciñas presentes entre o público: “o Concello de Lousame sancionou a alguén o ano pasado? Non”. Porén si indicou que “no Concello si que lle dixemos a algún veciño que tiña que rozar. E a maioría o fai de bo grao. Pero tamén hai quen non o quere facer e a eses llo notificamos e remataron por facelo”.

Villaverde explicou que “falei coa Consellería antes de vir ao pleno e todos coincidimos en que hai que poñerse a andar. Todos sabemos que o 31 de maio é imposible e que na Fegamp están tratando tamén de buscar financiación para os Concellos, porque temos máis de 80 núcleos sobre os que actuar”. Por iso, Villaverde Pais lanzoulles unha mensaxe tranquilizadora aos veciños: “se temos plantacións preto das casas con piñeiros, eucaliptos, acacias e incluso mimosas, esas as temos que cortar. Logo podemos intoxicar todo o que queiramos pero en Lousame temos que poñernos ao lado das casas. Non podemos ter plantacións cerca das casas”.

Non sancións

Xosé Tubío, que previamente preguntara ao PSOE que definira exactamente o que pedía na súa moción, preguntou se o Concello de Lousame tiña elaborado un Plan de Incendios, ao que a alcaldesa respondeu que está encargado pero non finalizado. “Entón é imposible sancionar a ninguén porque non ten Plan de Incendios. Existen plans de defensa contra incendios no Distrito, que teñen que integrar nos instrumentos urbanísticos municipais. Ata que iso aconteza, é imposible que o Concello adopte medidas contra ninguén”. Porén, anunciou o seu apoio á moción do PSOE porque “simpatizo coa moción, aínda que só teña un sentido propagandístico”.

Neste sentido, Villaverde explicou que “o Concello o que si pode facer é actuar dentro do núcleo e eu quero empezar por aí: libremos as casas do lume”. Así mesmo, anunciou o voto en contra do seu grupo porque se trata “dunha moción fora de contexto e na que, ademais, se minte”. A moción foi finalmente rexeitada cos 6 votos en contra do PP e os 4 votos a favor de PSOE e Partido da Terra.

Renuncia concelleiro

No resto da sesión aprobouse, coas 3 abstencións do PSOE, unha moción do PP co gallo da fin da ETA na que se pide o compromiso de manter vivo o recordo ás vítimas, velar por que o relato do acontecido sexa veraz, solicitar que se sigan investigando os 300 casos que aínda non foron xulgados e amosar a gratitude ás persoas, entidades, institucións e corpos e forzas de seguridade na súa loita contra o terrorismo.

Na quenda de rogos e preguntas, o concelleiro do Partido da Terra anunciou que ás 00:16 horas do venres presentara a súa renuncia ao cargo, polo que pediu que se inicie o procedemento para nomear ao seguinte da lista, criticando a función do Pleno e todos os organismos municipais, dos que dixo que “non serven para nada” e cualificou como “teatrillos”. Asegurando que “eu xa non son concelleiro”, abandonou a sesión sen atender ás respostas expresadas polo resto da corporación nin á intervención posterior do público, que tivo lugar unha vez levantado o Pleno.

O voceiro do PSOE cualificou de “unha falta de respecto” o feito de que os concelleiros do Partido da Terra non asistan nin aos plenos nin a ningunha reunión de traballo. Punto no que coincidiu a alcaldesa de Lousame, quen lle lembrou ao concelleiro do Partido da Terra que “non asistiron a ningunha reunión ás que foron convocados para tratar asuntos do máximo interese para os veciños e veciñas de Lousame”. De feito, a de onte foi a primeira presenza plenaria de Xosé Tubío no pleno municipal dende que tomara posesión na sesión de novembro de 2017, momento no que abandonou aquel pleno.

Unha vez levantada a sesión, Teresa Villaverde deulle a palabra ao público presente para responder ás súas dúbidas sobre como lles afectaba a lei ás súas fincas e plantacións, insistindo en que as actuacións vanse realizar nos núcleos, preto das vivendas. Unha vez empezada a sesión, tres persoas entraron cunha pancarta que dicía: “o monte galego en loita. Non ás sancións. Non ás expropiacións. Si á concentración”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial