Lírica Gatronímica, libros galegos desde Compostela

0

Unha iniciativa online para enviar libros galegos gratuitamente por todo o mundo foi posta en marcha pola asociación Fillos de Galicia, afincada en Compostela,  apelando á solidariedade entre galegos.

libros galegos para o mundo desde Compostela Santiago de Compostela, 11 de outubro do 2016 – A entidade pioneira no uso de Internet para tender pontes entre Galiza e a súa diáspora, Fillos de Galicia, vén de poñer en andamento unha campaña online para financiar 40 envíos con libros de poesía, gastronomía e antroponimia galegas a calquera lugar do mundo onde unha persoa galega os solicite.

Segundo explican no seu web oficial e na páxina da campaña na plataforma de “crowdfunding” Verkami, o motivo de apelaren á “fraternidade pangalega” —empregan un lema baseado no dos Irmandiños: “Libri Fratresque Gallaeciae”, é dicir, “libros e irmáns galegos”— é a total ausencia de apoio económico por parte da Xunta de Galicia.

Afirman que é a primeira vez desde 2002 que a Secretaría de Emigración do goberno galego lles denega integramente as subvencións solicitadas a esta entidade, que o vindeiro ano cumprirá dúas décadas traballando polo mantemento da galeguidade no exterior.

Fundada en 1997 por Manuel Casal, un informático de orixe galega nado no País Vasco, a comunidade virtual (antecesora das actuais “redes sociais”) de “Fillos de Galicia” foi o cerne do que nacería posteriormente a asociación cultural do mesmo nome, todo un referente na cultura galega na Internet nos primeiros anos do século. De feito, no ano 2003 o seu creador recibiu o premio de ensaio “Galeguidade” cunha obra na que defendía o papel de Internet para a conservación da identidade galega na diáspora.

Nestes últimos anos a asociación centrou o seu labor na publicación e difusión de libros de temática galega, que adoita enviar a calquera persoa de orixe galega que os solicite por medio de Internet, o cal veu facendo nos últimos anos grazas ás subvencións da Xunta de Galicia complementadas sempre con fondos propios. Porén, este ano os envíos de títulos como “Nomes galegos de hoxe e de onte”, “Antoloxía poética da diáspora galega” ou “Xantares galegos”, “están no aire”, afirman desde Fillos, e dependen de que as persoas comprometidas coa cultura galega colaboren economicamente, o cal poden facer mediante a plataforma Verkami desde 5 euros e soamente até o día 24 de outubro.

A campaña utiliza nas redes sociais a etiqueta #LiricaGastroNimica
e ten como enderezo breve http://vkm.is/liricagastronimica

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial