займ срочно

O sector do mar e a Federación Ecoloxista Galega súmanse a loita contra a Mina de Touro – O Pino

0

Bisbarra, 19 de Nadal do 2017 – A Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON continúa sumando apoios na súa loita e recibe o da Plataforma en defensa da Ría de Arousa e da Federación Ecoloxista Galega.

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa ven de anunciar que presentará unha moción conxunta en todos os concellos costeiros das provincias de Pontevedra e A Coruña para esixirlle á Xunta que paralice a reactivación da mina de cobre de Touro polos graves efectos tóxicos que tería a súa explotación no río Ulla e no marisqueo e pesca da ría de Arousa.

A PDRA considera que permitir a reapertura da mina pode provocar “consecuencias catastróficas” xa que se trata dunha “bomba de reloxería” que podería afectar non só a ría e ao “tecido socioprodutivo arousán” (do que viven 30.000 persoas), senón tamén á “saúde pública”. Insisten tamén dende a plataforma en que a concesión poría en risco a principal área de produción de moluscos da UE, a captación de auga potable de trece municipios e “afectaría irremisiblemente a riqueza medioambiental” de espazos protexidos da ría, como o Parque Nacional das Illas Atlánticas e a Zona de Especial Conservación Ulla-Deza.

Pola súa banda a Federación Galega de Confrarías de Pescadores solicitou tamén á Consellería de Economía, Emprego e Industria que se pronuncie en contra de darlle autorización administrativa ao megaproxecto mineiro polas súas posibles “repercusións ambientais e produtivas para a ría de Arousa.”

Os concellos do Ulla instan á Xunta a desestimar o proxecto

A conca do río Ulla é a que non deixa de sumar oposicións ao proxecto e nas últimas semanas xa se manifestaron en es sentido as corporacións de Vilagarcía de Arousa, Lalín, Santiso, Vedra, Rianxo, A Estrada, Teo, Vila de Cruces e recuaron nas súas posicións iniciais Touro e O Pino.

Vedra presentará ademáis alegacións ao proxecto. Entre os dezaoito puntos que alega, destaca o risco e perigosidade das dúas balsas de lodos, residuos e compostos químicos empregados na separación do cobre, as cales suman unha superficie de 269 hectáreas, e que, tal como detallan nas alegacións, traen á memoria catástrofes coma a de Aznalcóllar.

 Novas preguntas á Comisión Europea

O sistema fluvial Ulla-Deza (zona Rede Natura) e a ría de Arousa (Complexo Ons-O Grove e Rede Natura) foron tamén o foco de atención nas preguntas que o eurodeputado José Blanco formulaba á Comisión Europea sobre o proxecto de apertura da mina de cobre. Incidindo no demoledor informe da Sociedade Galega de Historia Natural, o socialista preguntoulle á Comisión se considera a compatibilidade deste proxecto coa lexislación europea en materia de protección da natureza.

Os sindicatos maioritarios da comarca tamén se unen para rexeitar o proxecto

As centrais sindicais maioritarias na comarca de Compostela (CCOO, CIG e UGT), ante o proxecto de apertura da explotación mineira veñen de manifestarse tamén publicamente opoñéndose a un proxecto que terá “un impacto ambiental inasumible, un impacto sobre a saúde preocupante, un impacto económico negativo e un impacto social que xera unha forte alarma e rexeitamento en toda a contorna. Que fende, de xeito traumático, un horizonte onde a integración poboación-medio, a calidade de vida… queda nun segundo termo, cando aínda non se esqueceron as consecuencias no pasado desta explotación mineira.”

Novo informe desfavorable da Federación Ecoloxista Galega

Logo do demoledor informe presentado pola Sociedade Galega de Historia Natural, estes días ve a luz o informe solicitado pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas á Federación Ecoloxista Galega no que denuncia “a negativa continua da Sección de Minas da Xefatura Territorial de Economía, Emprego e Industria da Coruña en proporcionar copia dos expedientes relativos aos diversos dereitos mineiros” que “impide á Federación Ecoloxista Galega emitir un informe que permita valorar o conxunto do proxecto, unha vez que nin tan sequera foi posible verificar se os dereitos aos que fai referencia a empresa están vixentes ou caducados” e insta ao ente, en base á Convención de Aarhus, a facilitar no prazo de quince días copia íntegra dos expedientes relativos aos 10 dereitos mineiros solicitados.

Así mesmo, a Federación denuncia o fraccionamento de proxectos “ben para evitar trámites legais necesarios, ben para ocultar o seu impacto global ou para minimizar a oposición social ao mesmo proxecto” e incide no plano que ilustra as afeccións e alcance sobre o territorio do proxecto global proposto pola empresa, os 122 km2 que Atalaya Mining anuncia no “Touro Progress Annoucement” do pasado cinco de xuño.

O informe da FEG tamén critica a infravaloración do problema das drenaxes ácidas de mina, un fenómeno contaminante definido polos efluentes ácidos (de baixo Ph) e considerables concentracións de metais pesados disoltos que se producen como consecuencia da oxidación de minerais sulfurosos. Neste senso, a Federación considera que “a explotación que agora se pretende reanudar, ampliándoa de xeito colosal, ven sendo un dos principais focos produtores de drenaxes ácidas de mina na cunca do Ulla” e cuestina que o informe do profesor Lottermoser incluído no proxecto, “alerta de que as concentracións medias de Cd, Co, Cu, Mo, Sb, Se e Zn son consistentemente elevadas, superando as concentracións do solo en ata tres ordes de magnitude.” Ponse como exemplo o caso do cadmio, unha substancia “perigosa prioritaria e coñecido axente canceroxénico” que no rego Pucheiras presenta valores de “1.45 (Puch-3) e 0.93 (Puch-11) microgramos/litro, frente ao valor máximo permitido de 0.08 (NCA-MA) e 0.45 (NCA-CMA) microgramos/litro.”

En base á información actualmente dispoñible, a Federación Ecoloxista Galega considera que se está producindo unha “fragmentación artificiosa dun proxecto mineiro de dimensións maiores, denominado pola empresa promotora como Proyecto Touro, sobre o que existe información feita pública pola empresa, pero que non é referido na documentación sometida a exposición pública, máis alá de datos circunstanciais. Independentemente desta situación, da análise da documentación presentada despréndese que as afeccións hidrolóxicas, ambientais, paisaxísticas e patrimoniais, así como a destrución e deterioro do tecido socioeconómico (en particular do agro-silvogandeiro) e a posta en risco severo da vida e integridade de núcleos de poboación, e das fontes de abastecemento de auga para consumo humano e agrogandeiro, tornan inviábeis e insustentábeis as actuación propostas na documentación exposta.” É así que, á vista das consideracións expostas, a propia Federación Ecoloxista Galega informa desfavorablemente.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies