Lolo Penas e Joselyn Daniel vencen na XXIII Carreira Pedestre Popular de Noia,

0

Noia, 2 de setembro do 2019 – Os atletas Lolo Penas Blanco (Club Atletismo O Pino) e Joselyn Daniel y Brea Abreu (Sociedade Gimnástica de Pontevedra) gañaron a XXIII Carreira Pedestre Popular de Noia.

A Populare de Noia disputouse na noite do pasado sábado polas rúas da vila e nela tomaron parte máis de seiscentos atletas. O alcalde de Noia, Santiago Freire, foi o encargado de dar a saída á proba absoluta, momento no que se realizou unha sentida homenaxe a Manolo Paz Suárez (Noia, 1933) que aos seus 86 anos vén de gañar as probas dos 200 e 400 metros no Campionato de España Máster e que participará do 9 ao 12 de setembro nos Campionatos de Europa Máster.

Joselyn Daniel gaña a Popular de Noia

Joselyn Daniel gaña a Popular de Noia

Penas Blanco, que repite triunfo por segundo ano consecutivo, foi no grupo de cabeza durante toda a proba e destacouse dese grupiño nos derradeiros 500 metros, cando corría pola rúa Rosalía de Castro. Ese sprint permitiulle chegar a meta cun tempo de 24 minutos e 24 segundos, case un minuto e medio menos co seu tempo o ano pasado, para un total de 8 km de distancia da proba. A tan só tres segundos do gañador entrou o segundo clasificado, o portugúes Nuno Costa (Tambre Bike & Running). O arxentino Facundo Ismael Medard (Triatlón Arteixo) completou o podio cun tempo de 24 minutos e 31 segundos.

A anécdota da proba protagonizouna Romaric Forques (San Miguel de Marín) quen chegou tarde á saída da proba e partiu cun minuto de desvantaxe con respecto aos seus compañeiros. Aínda así, o atleta chegou en sexta posición (primeiro na categoría Sub 23), cun tempo de 25 minutos e 13 segundos, o que indica que, de ter saído co pelotón, posiblemente estaría desputando a vitoria da proba.

Lolo Penas gaña a Popular de Noia

Lolo Penas gaña a Popular de Noia

Na categoría feminina, Joselyn Daniel y Brea Abreu rachou co dominio de Paula Mayobre nas últimas edicións da Carreira Pedestre Popular de Noia. A atleta da Sociedade Gimnástica de Pontevedra gañou cun tempo de 26 minutos e 49 segundos, entrando no posto 18 da proba absoluta. Mayobre (Club Atletismo Clínica Dental Seoane) entrou case medio minuto despois (27:11), no posto 22 da xeral. Completou o podio feminino Sandra Mosquera Losada (Adas Proinor) cun tempo de 28 minutos e 26 segundos, que lle valeron o posto 46 da xeral.

Clasificacións

Na clasificación por equipos, o gañador foi un ano máis o Atletismo Sar-Vermú Petroni. Onde si houbo cambios foi no resto do podio, ocupado polo Club Atletismo O Pino e o Tambre Bike & Running. Levaron cadanseu premio en metálico de 200, 100 e 75 euros, respectivamente. Pódense consultar todas as clasificacións na páxina web de EME-Sports: https://eventos.emesports.es/inscripcion/xxiii-carreira-pedestre-popular-de-noia/clasificaciones/&lang=es

Saída da  Popular de NoiaOs premios, tanto das categorías absoluta como escolares, foron entregados polo alcalde de Noia, Santiago Freire; o concelleiro de Obras, Martín Fernández Godón; o homenaxeado Manolo Paz Suárez; e Marisol Mayo, vicepresidenta do Club Atletismo Noia. O Concello de Noia agradece a colaboración prestada por Protección Civil de Noia, Policía Local, Cruz Vermella Noia e Asociación de Voluntarios de Protección Civil de Noia, Pobra do Caramiñal, Mazaricos e Outes no desenvolvemento da proba. A XXIII Carreira Nocturna Pedestre Popular forma parte do VII Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña e desenvolveuse baixo o control técnico da Delegación de Santiago da Federación Galega de Atletismo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial