Lousame presenta a Festa da Froita que organizará en setembro

0

Lousame, 21 de agosto do 2018 –  A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a presidenta da asociación deportiva e cultural Senda XXI, Manoli Filgueira, presentaron a primeira edición da Festa da Froita.

O campo da festa de San Roquiño, na parroquia de Tállara, será o lugar, o domingo 2 de setembro, no que se celebre a primeira edición da Festa da Froita. O evento está organizado polo Concello de Lousame e as asociacións + de 3, Uned Senior Lousame e asociación deportiva e cultural Senda XXI.

A Festa da Froita englobará outras dúas actividades de gran éxito en anos anteriores: a terceira edición do “Encontro de saberes e sabores” e a cuarta edición do roteiro de sendeirismo “Camiño do mercado”, ás que haberá que engadir numerosas actividades paralelas: mostra de alimentos, demostracións ao vivo de antigos oficios, actuacións de música tradicional… Neste sentido, a alcaldesa de Lousame agarda repetir a gran participación acadada en edicións anteriores dos encontros, que tiveron lugar na praza de Teodomiro Hidalgo e en Toxosoutos.

Teresa Villaverde explica que “con esta primeira Festa da Froita queremos ofrecer un lugar onde expoñer a froita autóctona de Lousame e da comarca, dando visibilidade ao traballo que se está facendo para coñecer que froitas e onde se plantaban en Lousame, porque non debemos perder a riqueza en froita que ten esta zona”. Unha iniciativa á que poden sumarse todos os veciños e veciñas de Lousame que desexen expoñer as súas producións, para o que deberán anotarse previamente na Casa da Cultura ou no teléfono 981 825 780. A inscrición é de balde.

Festa da froita

Os postos participantes na “Festa da Froita” disporanse nunha carpa instalada no campo da festa de San Roquiño o domingo 2 de setembro, en horario de 11:00 a 21:00 horas. Canda eles, estarán os postos participantes no III Encontro de Saberes e Sabores, onde produtores locais poderán ofrecer os seus produtos do campo e de artesanía: cestas, ebanistería, mel, oleiros, produtos da horta, encaixes… De feito, xa está confirmada a participación de numerosos artesáns da comarca que farán demostracións ao vivo dos seus antigos oficios: canteiro, alfareiro, carpinteiro, palilleira, ferreiro…

Ás 13:00 horas está programada unha cata de froitas autóctonas e hortalizas, tras a que se entregarán os primeiros “Premios da Froita”. Durante a xornada, as demostracións ao vivo de artesáns e artesás estará amenizado pola música de grupos folclóricos locais. Ademais, ás 18:00 horas terá lugar unha actuación da Banda de Música de Lousame; mentres que ás 20:00 horas terá lugar un espectáculo de maxia:” O afiador”.

Roteiro

Máis madrugadores serán os participantes no roteiro “Camiño do Mercado”, que este ano chega á súa cuarta edición e que cambia o seu tradicional percorrido polo Sanguiñal por outro circular, con saída e chegada no propio campo da festa de San Roquiño. “É un roteiro de 5 quilómetros, moi sinxelo e recomendable para toda a familia, que sairá ás 10:00 horas do campo de San Roquiño e volverá ás 13:00 horas, cumprindo así un desexo de Teresa de que había que rematar nun mercado, e por primeira vez se vai conseguir”, explica Manoli Filgueira, presidenta da asociación deportiva e cultural Senda XXI.

Filgueira indica que “ao longo do percorrido a xente estará acompañada por técnicos municipais e membros de Senda XXI, e poderán asistir a distintas actuacións teatrais en varios puntos do percorrido e relacionadas coa contorna rural e a picaresca”. Así mesmo, os camiñantes visitarán unha exposición de Ché Tembra na Casa do Tarela. A alcaldesa de Lousame felicitou a Senda XXI “polo traballo ben feito e por facer unha actividade inclusiva, para todas as persoas”, como demostra a participación dun grupo de rapaces e rapazas da asociación Misela.

A participación é totalmente gratuíta, se ben é preciso anotarse previamente no Concello de Lousame (981 82 04 94), na Casa da Cultura (981 82 57 80) ou a través da web municipal.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial