займ срочно

Lousame aproba unha nova ordenanza do IBI que reduce os gravames

0

Lousame, 5 de novembro do 2017 –  O pleno municipal de Lousame aprobou inicialmente a modificación da ordenanza fiscal reguladora do IBI, que reduce os gravames para rústica e urbana e establece novas bonificacións para familias numerosas e inmobles onde se desenvolvan actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario.

Os cambios no IBI foron aprobados cos 6 votos a favor do PP e as 3 abstencións do PSOE, xa que nin o concelleiro do BNG nin o do Partido da Terra asistiron á sesión. A ausencia deste último fixo que non puidera tomar posesión do seu cargo, polo que o seu nomeamento quede pendente para unha próxima sesión plenaria.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, salientou que “a nova ordenanza do IBI rebaixa en 20 puntos o tipo de gravame para inmobles de natureza rústica e 5 puntos para a urbana, ademais de establecer bonificacións do 90% do imposto para familias numerosas e do 95% para inmobles onde se desenvolvan actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario”. A nova ordenanza do IBI reduce do 0,65% ao 0,45% o tipo de gravame para os inmobles de natureza rústica e do 0,55% ao 0,50% aos de natureza urbana, unhas rebaixas que os veciños e veciñas de Lousame notarán xa no ano 2018.

Unha vez aprobada inicialmente, o Concello de Lousame procederá agora á exposición pública da ordenanza por un período de 30 días antes de proceder á súa aprobación definitiva. Así mesmo, o Concello de Lousame levará a cabo nas próximas semanas unha campaña informativa entre a veciñanza xa que, aínda que os gravames se aplicarán de xeito directo, no caso das bonificacións é o interesado quen ten que solicitalo, sen que haxa a posibilidade de que a Administración inicie o procedemento de oficio. Lousame levaba dende o 2003 coa mesma ordenanza fiscal.

Debate plenario

No debate plenario, o voceiro municipal socialista, Julio Paradela, xustificou a abstención do seu grupo en que a ordenanza non recollía todos os puntos que se aprobaran na moción presentada polo seu grupo en maio de 2017. “O espírito da moción non se reflicte na modificación da ordenanza”, indicou Paradela. Un punto ao que a alcaldesa de Lousame respondeu que “o Concello de Lousame fixo todas as modificacións que nos permite a lei. Na moción pedíanse cousas que se trasladaron ao Ministerio pero nós non podemos cambiar a lei”.

O voceiro socialista respondeu responsabilizando ao Concello da realización da revisión catastral en Lousame e de vender o slogan “Impostos cero no rural” cando non é certo. Teresa Villaverde pechou o debate puntualizando que ese slogan se refire ás transmisións patrimoniais que se fagan no rural e asegurando que “é unha mentira absoluta dicir que é o Concello quen fixo a revisión catastral cando é o Catastro que o fai”. Finalmente, Villaverde convidou a Paradela a fixar unha reunión con responsables do Catastro a próxima semana para aclarar todas estas cuestións, convite que non foi aceptado polo voceiro socialista.

Complementario

Finalmente o pleno municipal aprobou, cos 6 votos a favor do PP e as 3 abstencións do PSOE, modificar o Plan Complementario da Deputación da Coruña, que estaba orzamentado en 215.715,6 euros (febreiro de 2017) e que finalmente viuse reducido a 132.112 euros. Iso motivou que o Concello de Lousame tivera que renunciar a acometer un dos dous proxectos incluídos inicialmente.

Así, o Plan Complementario investirá 132.112 euros en Lousame para o arranxo do camiño entre Cruído e Seoane, así como para a mellora dos accesos a Figueroa. O arranxo en formigón do vial principal de Carantoña e a segunda fase do acondicionamento do interior de Arxellas quedará para un próximo programa.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies