Lousame licita o Servizo de Axuda no Fogar

0

Lousame, 13 de outubro do 2018 –  O pleno municipal de Lousame aprobou, cos 6 votos a favor do grupo de Goberno e as 3 abstencións do PSOE, a saída a licitación do Servizo de Axuda no Fogar, na modalidade de dependencia.

A alcaldesa, Teresa Villaverde, explicou que o servizo de axuda no fogar  “é fundamental para a atención aos nosos maiores e dependentes no noso municipio. O SAF de dependencia foi dos primeiros que sacamos a licitación e agora toca volvelo a sacar pois, ademais de rematarse o contrato, este ano temos 2.400 horas máis concedidas pola Xunta de Galicia”. O servizo sae na modalidade de procedemento aberto cun prezo de 664.413,29 euros e dous anos de duración.

 Abstención

O voceiro socialista, Julio Paradela, xustificou a abstención do seu grupo en que “non nos gusta o sistema de puntuación, porque prima máis a parte económica, 60 puntos, que o servizo que se presta e pensamos que isto vai en detrimento do servizo”, ademais de criticar que “nas bases non se di que se teña que coller persoal de Lousame” e lamentar que se deixe de prestar este servizo directamente dende o Concello.

Teresa Villaverde explicou que “non é a privatización dun servizo porque dende que se implantou o SAF de dependencia sempre foi prestado por persoal alleo ao Concello”, ademais de puntualizar que “aínda que nos gustaría que o persoal fora todo de Lousame, non podemos poñer iso nas bases porque, simplemente, non sería legal”. Aínda así lembrou que “as actuais traballadoras teñen que ser subrogadas pola empresa adxudicataria, e a maioría son veciñas de Lousame”.

Sobre o criterio de valoración, Villaverde recordou que “é o mesmo co da Deputación, prímanse os criterios obxectivamente valorables, como é o prezo, sobre os subxectivos. É o que marca a normativa”. Unha vez aprobado polo pleno municipal, o expediente de contratación será publicado o próximo luns 15 de outubro no Perfil do Contratante do Concello de Lousame para dar inicio o procedemento de contratación.

Os concelleiros do BNG e do Partido da Terra non asistiron á sesión.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial