Lousame inicia a construción dun novo parque infantil no Sanguiñal

0

Lousame, 29 de xuño do 2019 –  O Concello de Lousame vén de iniciar as obras de construción dun novo parque infantil no Sanguiñal (Tállara), no que investirá 44.279 euros.

A alcaldesa, Teresa Villaverde, explica que ademais dos tradicionais xogos e solo de caucho, o parque do Sanquiñal “levará unha tirolina e, co tempo, queremos cubrilo para que os nenos e nenas poidan xogar nel no inverno. Podemos facelo porque é unha zona abrigada e que se presta a facelo, noutros lados é moito máis complexo”.

O de Tállara sería, deste xeito, o primeiro parque infantil cuberto do municipio, se ben Villaverde Pais sinala que se trata dun proxecto a longo prazo pois “antes de cubrir ese parque temos que dotar de columpios a San Xusto e Vilacova, que é onde actuaremos o vindeiro mes. Gustaríanos facer máis pero non podemos facelos todos á vez”. As obras teñen un prazo de execución de seis meses, se ben se agarda que poidan estar rematadas este mesmo verán.

Parque do Sanguiñal

O novo parque terá unha superficie de 231 m2, cun pavimento de seguridade continuo de caucho para protección fronte a caídas e con espesores variables, dependendo dos requirimentos de seguridade de cada un dos xogos instalados. Así, o novo parque infantil do Sanguiñal contará coa novidade dunha tirolina de aceiro inoxidable para usuarios a partir dos 4 anos, dotado dunha plataforma de saída e un asento de caucho que se desliza sobre unha altura de un metro.

Así mesmo, o parque disporá dun equipo combinado para nenos maiores de 3 anos formado por torre con tellado, muro de escalada, rede vertical de cordas e tobogán; un xogo de muelle individual con forma de pato e outro dobre con forma de polo; un columpio con asento-cesta para nenos de 2 a 8 anos e un columpio mixto de dúas prazas; e un trampolín de salto para nenos maiores de 3 anos. Todos os xogos asentaranse sobre unha base de formigón e cumprirán coa rigorosa normativa europea. Finalmente, colocaranse 24 metros de valado para o peche do parque en madeira de pino vermello do norte.

Esta actuación únese á realizada este mesmo mes de xuño na parroquia de Camboño, onde o Concello de Lousame investiu case 18.000 euros para dotar de novo equipamento a este parque infantil. Unha actuación acometida con cargo ao Remanente Líquido de Tesourería e que permitiu dotar a este parque dun pavimento de seguridade continuo de caucho para protección fronte a caídas e catro xogos: dous de muelle, un columpio e un equipo combinado para nenos maiores de 3 anos formado por torre con tellado, muro de escalada, rede vertical de cordas e tobogán. Así mesmo, o Concello de Lousame agarda poder iniciar ao longo do próximo mes a renovación e mellora dos xogos do parque infantil de Vilacova.

Nos últimos catro anos o Concello de Lousame leva investidos máis de 200.000 euros na construción e mellora de parques infantís no municipio: no CPI Cernadas de Castro, no Punto de Atención á Infancia de Tállara, na Casa da Cultura e nas unitarias de Escabia e Béxeres.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial