Pleno cargado de contido en Lousame

0

Lousame, 22 de xuño do 2020 – O pleno extraordinario celebrado en Lousame aprobou abundantes decisións sobre o estado e os servizos do concello ademais de axudas pola crise do Covid19.

A sesión de Lousame celebrouse de xeito telemático e todos os puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade (salvo unha acta anterior que se aprobou coa abstención do voceiro do BNG por non ter asistido á mesma).

A sesión comezou coa anulación dunha modificación de crédito por 13.500 euros para aprobar unha nova modificación polo mesmo importe e así cambiar esa partida do Capítulo VI ao Capítulo VII dos orzamentos. Trátase da achega municipal a unha obra de mellora dun viario emprazado fronte á estrada das Bouciñas cara Cruído, incluída no Plan Hurbe.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que este cambio está motivado polo feito de que inicialmente era o Concello quen ía licitar esta obra, polo que a partida se incluíu no capítulo de investimentos, pero finalmente vai ser licitada pola Xunta, polo que hai que cambiala a transferencias correntes. O proxecto ascende a un total de 136.000 euros e o Concello de Lousame terá que achegar estes 13.500 euros no 2020 e outros 27.000 euros no ano 2021.

IDAE e depuradora

Tampouco houbo debate na segunda modificación de crédito, desta vez por 201.777,89 euros, “para a realización de varias actuacións que consideramos necesarias e, como temos débeda bancaria cero e un remanente líquido de tesourería para gastos xerais de 552.608,62 euros, en vez de acudir a un crédito imos facer estas obras con cargo ao remanente”, explicou a alcaldesa lousamiá.

Entre as obras incluídas neste crédito extraordinario figuran a segunda fase da mellora do alumeado público en Lousame, que se vai licitar en breve por case un millón de euros, dos que o Concello lousamiá deberá achegar máis de 92.000 euros. Así mesmo, mellorarase dous camiños en Cruído e en Ces, organizaranse as zonas dos patios no colexio público Zernadas de Castro, eliminarase unha curva perigosa na Escabia (a través dun desmonte que permitirá mellorar a visibilidade nesa zona) e substituirase a depuradora de Maxide.

Teresa Villaverde asegura que se trata dunha obra urxente pois “xa tivemos que baleirala un par de veces con camións cisternas e compre arranxar canto antes as deficiencias que ten”. Un proxecto no que se investirán máis de 47.000 euros.

Por outra banda, o Pleno aprobou inicialmente o expediente expropiatorio para executar o proxecto “Sendeiro dende  a ponte de Abelendo a Carabeiras. Paralelo ao río Lobo”, na parroquia de Tállara. Villaverde Pais explicou que “é un proxecto financiado con fondos europeos que levamos tempo querendo facer e que finalmente nos foi concedido” e adiantou que o sendeiro será “moi respectuoso tanto co bosque de ribeira como cos elementos patrimoniais presentes”.

Covid-19

Finalmente, o pleno ratificou a resolución da Alcaldía de participación do POS+ Adicional da Deputación da Coruña. Así, os 32.753,14 euros da achega 1/2020 foron destinados a gastos sociais extraordinarios da Covid-19, mentres que dos 122.824,28 euros da achega 2/2020, destinaranse 66.800 euros para a mellora do camiño entre O Bargo e Fontefría (na parroquia de Toxosoutos). Os outros 56.000 euros irán a gasto corrente.

A alcaldesa convocou aos dous voceiros dos grupos da oposición a unha xunta de voceiros na tarde de hoxe luns 22 de xuño para analizaren as actuacións realizadas polo Concello de Lousame durante a Covid-19 e debater propostas de actuación. Neste sentido, Villaverde adianta que “estamos traballando xa en habilitar unha partida para conceder axudas ás empresas de Lousame que precisen facer investimentos en medidas de seguridade pola Covid-19. Neste momento estamos vendo de como fixar esas bases para poder facer a convocatoria”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial