Lousame prepara nunha reforma integral da piscina municipal

0

Lousame, 16 de marzo do 2019 – O pleno municipal de Lousame aprobou por unanimidade destinar o POS+ da Deputación a unha reforma integral da piscina municipal e a pavimentación do viario entre Servia e a estrada de Padrón.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que “hai moitos concellos da provincia aos que non lles deu tempo a presentar proxectos, no caso de Lousame tiñamos un proxecto para facer melloras na piscina municipal co que tentamos conseguir unha subvención nominativa e puidemos refacelo nos últimos días para poder presentar nesta convocatoria”. Un plan que contempla un investimento de 163.777,48 euros na reparación da piscina municipal, “impermeabilizando o vaso e reparando as instalacións da sala de máquinas, así como outras melloras como a ampliación e novo pavimento para a zona de praia e arranxos na zona das duchas e na carpintería interior”, explicou a alcaldesa lousamiá.

Actuacións

O proxecto, que ten un prazo de execución máximo de 3 meses, inclúe a substitución do sumidoiro do vaso por outro novo con rexilla de plástico, a revisión e selado de inxectores do vaso da piscina, a colocación dunha nova electrobomba centrífuga, dun novo caudalímetro electromagnético, dunha nova sonda a nivel e dun novo circuíto de tuberías, válvulas e accesorios precisos para o vaso da instalación. Así mesmo, instalarase unha nova fontanería na sala de bombas, un novo cadro eléctrico e dous novos reguladores de pH e cloro da piscina.

O proxecto contempla tamén a impermeabilización do vaso da piscina cunha membrana antiesvarante e a instalación dun novo pavimento para todo o exterior mediante soleira de formigón armado sobre encachado de pedra granítica. Ademais, ampliarase a zona de praia da piscina en 4 metros e colocarase unha nova instalación de electricidade para o alumeado exterior, con novas luminarias de tecnoloxía LED. “Deixarase prevista unha canalización para poder instalar nun futuro placas solares para colocar cara a sala de bombas”, adiantou Villaverde.

O outro proxecto, orzamentado en 83.540,67 euros, contempla o pavimentado do viario entre Servia (parroquia de Vilacova) e a estrada de Padrón. “Nestes días rematamos o arranxo dos accesos ata esta aldea dende a planta da Mancomunidade, estamos trallando na instalación da depuradora e a finais do verán agardo poder facer esta pavimentación dende Servia ata a estrada de Padrón”, apuntou Villaverde Pais.

Debate

O voceiro do PSOE, Julio Paradela, votou a favor da proposta, se ben amosouse disconforme coa hora da convocatoria do pleno, que impediu a asistencia do resto de concelleiros socialistas. “Hai que conciliar. Puidemos facelo ás 9:00 horas e estráñame que se esperara a última hora, pois isto aprobouse o 1 de marzo e vostede é deputada provincial”, afirmou Paradela, quen se abstivo á hora de aprobar a urxencia da moción.

Villaverde explicou que “no Pleno aprobouse ese día, pero a cantidade que lle corresponde a cada concello aprobouse despois. Os seis anexos que hai que subir hoxe antes das 14:00 horas, chegaron onte xoves a última hora e os funcionarios non tiveron a documentación ata onte, polo que non podiamos convocar ás 9:00 porque non estaba todo listo. Estamos a favor de conciliar e hai unha concelleira do Grupo de Goberno que tampouco puido vir, pero non podemos perder un investimento coma este”.

O voceiro socialista replicou que a primeira documentación foi enviada pola Deputación o día 8 de marzo, ao que a alcaldesa explicou: “efectivamente, recibimos a documentación o venres, pero non se puido traballar nela ata esta semana. Por sorte tiñamos un proxecto feito e puidemos revisalo todo durante estes días, pero non estivo rematado ata onte xoves ás 18:00 horas”. Neste sentido, lembrou que “sei que hai moitos concellos que non poderán acudir a este plan simplemente porque non tiveron tempo para elaborar proxecto ningún”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial