Lousame aproba a ordenanza fiscal que rebaixa 20 puntos o gravame do IBI rústico

0

Lousame, 26 de Nadal do 2017 – O pleno municipal de Lousame aprobou definitivamente a modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles, IBI, que reduce os gravames para rústica e urbana e establece novas bonificacións para familias numerosas e inmobles onde se desenvolvan actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario.

A rebaixa do IBI foi aprobada tras rexeitar, nunha sesión extraordinaria e urxente, a única alegación á modificación da ordenanza presentada polo PSOE. A aprobación contou cos 5 votos a favor do PP e as 3 abstencións do PSOE, xa que nin o concelleiro do BNG nin o do Partido da Terra asistiron á sesión.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, xustificou a urxencia da convocatoria en que “queremos que a modificación entre en vigor en 2018 e para iso ten que estar aprobada antes do 1 de xaneiro porque, do contrario, prexudicaría gravemente a todos os veciños de Lousame”. A rexedora criticou a presentación da alegación socialista “dende maio estivo exposta esta ordenanza na páxina web. Tiveron 6 meses para facer alegacións e non poñer en risco algo que beneficiará a todos a veciñanza de Lousame. Paréceme unha irresponsabilidade”.

Villaverde salientou que “a nova ordenanza do IBI rebaixa en 20 puntos o tipo de gravame para inmobles de natureza rústica e 5 puntos para a urbana, ademais de establecer bonificacións do 90% do imposto para familias numerosas e do 95% para inmobles onde se desenvolvan actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario”. A nova ordenanza do IBI reduce do 0,65% ao 0,45% o tipo de gravame para os inmobles de natureza rústica e do 0,55% ao 0,50% aos de natureza urbana, unhas rebaixas que os veciños e veciñas de Lousame notarán xa no ano 2018.

Alegacións

Durante o debate das alegacións presentadas polos socialistas, Villaverde explicou que hai xurisprudencia que permitiría a aprobación da ordenanza sen necesidade de convocar a sesión plenaria “porque como concelleiros que son teñen outras vías para facer este tipo de alegacións pero, nun exemplo de transparencia, preferimos traelo a Pleno”. A alcaldesa de Lousame deu lectura a un informe técnico sobre as alegacións presentadas, que se reducen a tres puntos: considerar que o Concello non fai uso de toda a marxe que lle permite a Lei para a introdución de bonificacións, reproducir o artigo 74 do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais (TRLRFL) para que se inclúan novas bonificacións e solicitar que o Concello defina o que se entende por inmobles de características especiais para facer unha interpretación ampla das bonificacións potestativas.

Entre as bonificacións solicitadas polo PSOE figuraban facer extensiva a bonificación de ata o 90% do IBI para familias numerosas ás familias onde residan persoas ascendentes dependentes ou en situación de especial vulnerabilidade ou desemprego de longa duración. Ademais de criticar a “excesiva documentación xustificativa para a aplicación das bonificacións”, os socialistas tamén pedían bonificacións para cada unha das diversas clases de cultivos existentes.

Alegacións non posibles legalmente

O informe técnico establece que “non é legalmente posible que o Concello de Lousame defina o que se entende por inmobles de características especiais (BICES)” xa que iso “é unha competencia estatal regulada por Lei e, polo tanto, non susceptible de consideración discrecional polo Concello”. Algo semellante ocorre coas bonificacións solicitadas por parados ou dependentes xa que “non é legalmente posible posto que o TRLRFL, ao regular esta bonificación, só prevé o concepto de familia numerosa, sen introducir ningún outro tipo de situación de vulnerabilidade familiar”.

Finalmente, sobre a posibilidade de incluír novas bonificacións, o informe de Intervención Municipal advirte que “é preciso efectuar un estudo económico-financeiro que analice o impacto das mesmas no equilibrio orzamentario, na estabilidade orzamentaria e no límite do gasto non financeiro obtido da rega do gasto”. Algo que, de facerse agora, impediría que os veciños e veciñas de Lousame puideran acceder ás reducións do gravame e ás bonificacións que se aplicarán a partir de xaneiro. “Tiveron dende maio que se publicou para facer achegas sen poñer en risco real algo que vai a beneficiar a toda a veciñanza”, criticou Teresa Villaverde.

Críticas da oposición

Pola súa banda, o voceiro socialista, Julio Paradela, comezou criticando a revisión catastral realizada en Lousame “que cargou edificacións que antes non se recadaba por elas” e considerou que esta ordenanza “o que rebaixa é circunstancial, pois moitos viron incrementado o valor das súas vivendas. Estamos gravando nun concello rural e con carencias tremendas en materia de infraestruturas”. Ademais, asegurou que “me gustaría saber o número de veciños aos que lles afecta esta ordenanza porque ninguén ten a documentación en regra”. Finalmente, sobre as críticas por presentar as alegacións no último día posible, Paradela indicou que “as alegacións deben atenderse” e criticou que “a realidade é que tamén os orzamentos tiñan que aprobarse en decembro e se aprobaron en setembro”.

A alcaldesa de Lousame respondeu que “a ordenanza vai beneficiar a todos os veciños e veciñas de Lousame porque todos van ver como se rebaixan os gravames do IBI, de 0,65 a 0,45 en rústica, que é a maioría dos veciños, e de 0,55 a 0,50 en urbana. Ademais hai bonificacións para certos sectores”. Sobre a documentación, Villaverde explicou que “se pide o DNI, o certificado de actividade e de non ter débedas pendentes coas administracións. O problema é que en moitos casos o propietario do inmoble e o que desenvolve aló a actividade non son a mesma persoa”. Neste sentido indicou que “se lles dixo que tiñan que intentar corrixilo para outros anos”.

Teresa Villaverde pechou o debate lembrando que os orzamentos municipais sempre se aprobaron en decembro ou xaneiro e que “se se produce un atraso é por falta de persoal fundamental como a secretaria-interventora e de contabilidade”. Sobre a crítica á falla de infraestruturas, Villaverde recoñeceu que “queda moito por facer, pero hoxe hai vinte depuradoras máis que cando chegou este equipo de Goberno e en saneamento imos facendo algo cada ano. Onte mesmo publicouse o de Seixido-Filgueira”.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies