Lousame recibe a documentación histórica do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia

0

Lousame, 5 de decembro do 2018 –  A presidenta da ARD Ría de Muros – Noia, Teresa Villaverde, vén de recibir o traballo “Recompilación e análise da documentación histórica. Camiño de peregrinación a Santiago de Compostela pola Ría de Muros – Noia”.

O traballo foi dirixido polos investigadores Marcial Rodríguez, arquitecto, e Mario César Vila, historiador e arqueólogo. Según a alcaldesa de Lousame “A conclusión do estudo é que existen testemuñas arqueolóxicas, históricas e documentais suficientes que acreditan a historicidade do Camiño a Santiago pola Ría de Muros – Noia”.

Nos próximos días presentarase un oficio na Xunta de Galicia a efectos de que se poida iniciar o expediente por parte da Dirección Xeral de Patrimonio para o recoñecemento deste camiño como unha ruta con historicidade, tal e como se recolle no artigo 73 da Lei 5/2016 de 4 de maio de Patrimonio Cultural de Galicia. Así mesmo, solicitarse unha entrevista co conselleiro de Cultura para entregarlle persoalmente unha copia deste estudo de historicidade.

Documentación

Marcial Rodríguez apunta que o traballo recolle “documentación concreta. É un informe que recompila, expón e ordena toda unha serie de acontecementos e evidencias que permiten avalar a historicidade do camiño. Todo moi sinxelo e con probas constatables, é dicir, que apareza o documento”. O informe propiamente dito ocupa 52 páxinas, mentres que a documentación histórica suma outras duascentas máis.

“Nesta historicidade incorren factores que son puramente xeográficos, como é o feito que supón a conexión marítimo – terrestre dos portos de Noia e Muros coa cidade de Compostela. Pero son os documentos históricos os que fundamentan a construción do relato”, sinala Mario César Vila. Entre esta documentación figuran a restauración do Portus Apostoli na Carta Fundacional da vila de Noia no ano 1168; a visita, vinte anos antes, da escuadra de Darmounth, con navíos ingleses, franceses e alemáns; ou as crónicas dos cruzados Arnolfo e Osborne “que dan fe de que dende alí levouse a cabo unha ruta de peregrinaxe a Compostela e que, como é lóxico, estaría implantada con anterioridade”, conclúe o estudo.

Tres séculos despois, nárrase o relato da viaxe dun comerciante veneciano, Pietro Querini, que chega en 1431 ao porto de Muros e realiza unha peregrinación a pé ata o sepulcro do Apóstolo. Un século máis tarde, en 1524, hai referencia á chegada de cincuenta peregrinos franceses a Muros. “Hai unha carta do rei Carlos V, pedindo que teñan clemencia cos peregrinos apresados, e que está no Arquivo da Catedral”, engade Marcial Rodríguez.

O estudo conclúe que “toda esta documentación histórica suxire un feito xacobeo neste camiño de conexión das vilas costeiras de Muros e Noia coa cidade compostelá. Son feitos transcendentes que son recollidos documentalmente, a diferenza doutras peregrinaxes máis comúns ou populares e que documentalmente non quedarían rexistradas, pero que existirían. Pero hai tamén no argumentario deste relato outros feitos a ter en conta: os elementos arquitectónicos, iconográficos e mesmo viarios”.

Neste punto, o traballo chama a atención sobre a existencia dos hospitais, do templo de advocación a Santa María do Camiño (Muros) ou a porta da Virxe Peregrina (Noia), así como aos numerosos exemplos da iconografía xacobea presentes nestas vilas, que son vestixios construídos que ilustran a existencia deste universo peregrino. Outros exemplos son as pontes, o Camiño Real ou “que en Roxos apareza a Pedra da Legua, que era onde daban o xiro”, engade Mario César Vila.

O traballo compleméntase coa recollida de estudos, cartografía, publicacións e imaxes de actividades relacionadas co Camiño nos últimos corenta anos. Dende o libro “El Territorio y los Caminos en Galicia. Planos Históricos de la Red Viaria”, de Carlos Nárdiz (1992) ata a fotografía do acto de sinatura do convenio de colaboración entre os Concellos de Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago para a delimitación do itinerario cultural a Compostela polo ría de Muros-Noia, celebrado o mércores pasado.

Villaverde felicitou a Marcial Rodríguez e Mario César Vila polo seu traballo e sinala que “traballamos para contratar a delimitación do trazado en xaneiro e co obxectivo de conseguir a oficialización do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia como ruta Xacobea antes da celebración do Xacobeo 2021”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial