займ срочно

A veciñanza de Lousame recolle máis de 3.000 topónimos no municipio

0

Lousame, 3 de decembro do 2017 – A casa da cultura de Lousame acolleu a presentación dun traballo iniciado hai máis de 12 anos: a recollida de toda a microtoponimia do municipio.

Un traballo iniciado no ano 2005 e 2006 cun traballo de campo no que participaron técnicos e concelleiros do Concello de Lousame, membros da Real Academia Galega e, sobre todo, máis dun cento de veciños e veciñas do municipio que colaboraron na recollida de 3.000 topónimos.

Uns veciños e veciñas que foron nomeados un a un pola alcaldesa Teresa Villaverde, quen destacou “o labor altruísta que fixeron, recollendo e conservando toda esta riqueza toponímica de Lousame”. “Era unha pena que todo este labor se perdera e agora, doce anos despois, vemos o resultado do seu traballo”, apuntou Villaverde Pais, quen lamentou que “como a maioría dos que sabían como se chaman os lugares son a xente maior, por desgraza moitos dos que participaron no proxecto non poden ver agora o resultado”.

Neste sentido, Vicente Feijoo, experto en toponimia da Real Academia Galega, explicou que a crise económica motivou que este proxecto de recollida de topónimos a nivel autonómico “fose paralizado no ano 2011 e teño que agradecer a persoas como Teresa polas presións que fixo para que se volvese a poñer en marcha e poder hoxe ofrecer aos veciños e veciñas de Lousame o froito dese traballo que fixeron de forma altruísta”.

3.000 topónimos

Vicente Feijoo explicou que a microtoponimia é “unha riqueza que se está perdendo” cando “non hai rexión en Europa con tantos microtopónimos como Galicia, que está toda escrita, onde cada leira ten o seu nome e nos conta algo da historia dese lugar”. Neste sentido, indicou que en Galicia hai unha media de 45/50 topónimos por Km2, o que supón entre 1,5 e 2 millóns de topónimos. “En Lousame hai máis de 3.000 e ten nomes moi antigos. Aquí os nomes das parroquias teñen entre 1.500 e 1.800 anos de antigüidade”.

Feijoo explicou que “este patrimonio está desaparecendo, sobre todo pola desaparición da xente maior, que é quen coñece eses nomes, e polo abandono das aldeas do rural”, polo que aproveitou para presentar unha ferramenta informática, que está sendo desenvolvida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e que permitirá que o traballo de campo realizado en Lousame poida facerse tamén no resto de municipios de Galicia. “A xente poderá enviarnos unha imaxe do lugar e o microtopónimo que coñece e que, se o consideramos correcto e o validamos, poderá ver como se incorpora ao arquivo”, explica Vicente Feijoo, quen animou aos veciños e veciñas presentes a seguir enriquecendo eses 3.000 microtopónimos de Lousame.

Significado dos nomes

Ademais da lembranza a todas as persoas que participaron na recollida destes máis de 3.000 topónimos, o momento máis entretido da presentación foi a explicación da orixe dos nomes das parroquias de Lousame e daqueles lugares polos que se interesaron as persoas que estaban no auditorio da casa da cultura. Así, Vicente Feijoo explicou que “Lousame” colle o nome de “un sitio onde había moita lousa e ten unha antigüidade de entre 1.700 e 1.800 anos”.

No caso das parroquias, Camboño é de orixe prerromano e significa “Curva”; Fruíme e Lesende son antrotopónimos, é dicir, levan o nome de dous romanos que tiñan a súa vila aló: Frominius e Elisindus, respectivamente; Tállara tamén é un nome prerromano e significa “río”; Toxosoutos toma o sseu nome do feito de ser unha zona onde había toxos moi altos; e Vilacova é o nome máis recente do municipio e xorde dunha combinación de “Villae” (a casa de campo dun señor romano) e “cova”, por unha depresión no terreo.

Na quenda de preguntas, Feijoo explicou tamén a orixe de topónimos de municipios veciños como Noia, do que dixo que “é prerromano, moi antigo e un dos máis duros de roer para saber de onde procede”; ou Riveira, “que é con B por moito que se empeñen en poñelo con V xa que vén do latín riparia e todos eses P evolucionaron en B, non en V”.

Durante a súa charla, Vicente Feijoo explicou tamén como consultar esta información, dispoñible no Nomenclator e en toponimia.xunta.es. Así mesmo, salientou a importancia  de contar cunha correcta xeolocalización dos topónimos e microtopónimos de cada municipio. Ademais da riqueza que supón a conservación deste patrimonio, Feijoo puxo exemplos de como a microtoponimia pode servir de axuda á hora de, por exemplo, localizar un incendio ou unha emerxencia (xa que cada microtopónimo está xeolocalizado e pódese enviar as coordenadas aos equipos de intervención); ou á hora de elaborar un PXOM ou facer calquera tipo de obra.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies