Lousame aproba o proxecto de saneamento en Filgueira e Seixido

0

Lousame, 19 de novembro do 2017 – O Pleno de Lousame aprobou por unanimidade o proxecto de saneamento en Filgueira e Seixido, así como o inicio dun expediente de expropiación dunha finca.

O pleno comezou coa toma de posesión de Xosé Tubío Rodríguez como concelleiro polo Partido da Terra. O novo concelleiro empregou a mesma formula ca os seus predecesores e prometeu cumprir coas obrigas do seu cargo e “por imperativo legal” acatar a Constitución e respectar á Coroa. Unha vez asinada a súa acta e de recibir os bos desexos do resto de concelleiros, abandonou o salón de plenos.

O acordo de saneamento, tras a marcha de Tubío,  foi tomado polos concelleiros dos grupos municipais do PP e do PSOE xa que o representante do BNG non asistiu á sesión.

O proxecto construtivo para levar o saneamento a Filgueira e Seixido, incluído nun convenio máis amplo asinado coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio por un importe de 200.000 euros, xa que tamén contempla o saneamento de Servia, na parroquia de Vilacoba. A alcaldesa Teresa Villaverde explicou que “a primeira actuación que temos que facer é dende o Seixido ata a a depuradora, despois os ramais secundarios porque sen a canalización principal e a depuradora non podemos facer o demais. Despois, para chegar a toda a aldea de Filgueira haberá que facer cando menos tres ramificacións”.

Villaverde lembrou que este proxecto é froito dun convenio de colaboración asinado en xullo de 2016 por Augas de Galicia e o Concello de Lousame, que será financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia. A alcaldesa explicou que cando se quixo poñer os terreos a disposición de Augas de Galicia se atoparon cun problema de herdanzas na documentación dunha das parcelas e, ante a imposibilidade de contactar cun dos seus propietarios, decidiuse traer ao pleno o inicio dun procedemento de expropiación desa parcela por vía urxente para que as obras poidan comezar canto antes. No caso de Servia, a alcaldesa explicou que os técnicos de Augas de Galicia desaconsellaron a utilización da parcela destinada a albergar a depuradora e sinalaron a idoneidade doutra parcela próxima, que se está a estudar nestes momentos.

O Pleno tamén aprobou a terminación do procedemento para a adquisición dos terreos para o vial de enlace entre a DP 4201 e a DP 1105, obra realizada en 2013, e o recoñecemento das obrigas de indemnización pola adquisición dos terreos por un importe de 5.854,80 euros. Villaverde explicou que non se conseguira culminar este expediente porque algúns dos propietarios non puideron presentar toda a documentación esixida. “O Concello de Lousame consignou no seu día a partida para o pago, que está depositada na Caixa Xeral de Depósitos, e aqueles que aínda non cobraron teñen dez anos para facelo, sempre que presenten a documentación solicitada”, explicou Villaverde.

Na maioría dos casos pendentes, a problemática é que os propietarios dos terreos non teñen actualizada a documentación dos mesmos por unha cuestión de herdanzas mentres que os 5.854,80 euros son para abonar uns terreos cedidos a maiores por algúns particulares para ensanchar a calzada e aumentar así a seguridade viaria. Un acordo ao que o Concello chegou cos propietarios despois dunha reunión celebrada hai unhas semanas na Casa da Cultura.

Mocións

Na quenda de mocións, PP e PSOE aprobaron unha moción conxunta contra a vaga de lumes que asolou Galicia, despois de que o grupo socialista accedera a retirar o argumentario da súa proposta e engadir as súas solicitudes á moción presentada polo grupo popular. Así, a moción agradece o traballo realizado polos profesionais do operativo de extinción, polas forzas e corpos de seguridade e polos veciños na extinción da vaga de lumes do pasado mes. Tamén insta a todas as administracións a cumprir coas súas obrigas nos traballos de prevención e insta ao Estado e ás Deputacións a sumarse á Xunta de Galicia á hora de achegar axudas para os afectados polos lumes.

A estas peticións do grupo popular, o PSOE engadiu tres máis: creación dun grupo de traballo con todas as forzas políticas, equipos de extinción e expertos para afrontar a problemática dos lumes en Galicia; cuantificar os danos causados polo lume; e aprobar medidas contra a erosión, así como dotar todas as medidas dos fondos precisos para poder executalas.

Tamén se aprobou por unanimidade unha moción do PP co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero na que se insta á Xunta de Galicia a ampliar os programas informativos sobre prevención da violencia de xénero ao ámbito veciñal, iniciativa á que se sumaría o Concello de Lousame. A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, explicou que “cremos que hai que avanzar na concienciación social de que isto é un problema de todos, non só das vítimas. As vítimas sofren en silencio pero os malos tratos non son silenciosos. E os veciños e veciñas son os que están máis preto e poden ser de grande axuda”.

O Pleno rexeitou, cos 6 votos en contra do PP e os 3 a favor do PSOE, unha moción do partido socialista sobre o abandono do medio rural galego. O voceiro socialista, Julio Paradela, explicou que se trataba dun texto presentado por Unións Agrarias e pedía unha ducia de medidas para fomentar o establecemento de poboación no rural e o incremento dos servizos. Teresa Villaverde explicou o seu voto en contra en que “esta é unha moción feita para a Comunidade Autónoma, non para Lousame. Nós apoiamos totalmente o medio rural pero nesta moción se falta á verdade. É certo que hai que loitar contra a despoboación pero tamén é certo que xa se está traballando neste senso. E en Lousame estanse facendo infraestruturas, como o saneamento que acabamos de aprobar, que demostran que se están facendo cousas”.

Finalmente, o Pleno non admitiu a urxencia da moción sobre o Imposto de Bens Inmobles presentada polo PSOE xa que “non hai nada peor que unha media verdade. A revisión do Catastro é algo que vén de Facenda, non do Concello. O Concello fixo todo o que legalmente podía facer, como aprobar unha rebaixa de vinte puntos no gravame do IBI rústico e cinco no de urbana, así como aprobar bonificacións do 90% para familias numerosas e do 95% para inmobles onde se desenvolvan tarefas agrogandeiras”, explicou Villaverde Pais, quen lamentou que “é moi fácil dicir outras cousas e facer demagoxia”, pero lembrou para poder facer todas estas medidas foi preciso a aprobación dos técnicos e non se pode facer nada máis sen incumprir as regras de estabilidade económica do Concello.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies