Lousame constitúe a Mesa Local fronte á Violencia de Xénero

0

Lousame, 6 de maio do 2017 – A subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, María Belén Liste Lázara, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, presidiron o acto de constitución da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame.

Trátase dun instrumento operativo no que están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero co obxecto de procurar unha maior eficiencia na resposta contra esta lacra social.

“Non estamos o suficientemente coordinados”, recoñece Teresa Villaverde, “polo que o primeiro que faremos será un protocolo de actuación para saber coordinarnos entre nós e que estará listo para a próxima reunión da Mesa, que terá lugar o venres 3 de novembro”. Neste sentido, Villaverde Pais explica que “o obxectivo principal é facilitar a detección precoz de casos de violencia, dar unha resposta máis áxil e adaptada ás necesidades das mulleres e que saiban que teñen recursos á súa disposición”.

Pola súa banda, María Belén Liste Lázara disculpou a ausencia da secretaria xeral de Igualdade e felicitou ao Concello de Lousame porque “as Mesas Locais contra a Violencia de Xénero son unha ferramenta fundamental para detectar, previr e para que todos traballemos a prol da erradicación da violencia machista”. Liste Lázara lembrou que os integrantes desta Mesa “sodes os que estades máis cerca da veciñanza e podedes detectar os casos canto antes para que estas mulleres sintan tamén a cercanía dos poderes públicos” A subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero apuntou que “a coordinación na  loita contra a violencia de xénero non custa cartos, pero é clave. Se cada un se dedica ao seu, ao final prexudicaríamos ás mulleres. Que vos poñades cara e vos coñezades é un primeiro paso para traballar de xeito coordinado”.

Obxectivos

A concelleira de Servizos Sociais de Lousame, Silvia Agrafojo, explicou aos presentes os obxectivos específicos da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame, máis aló de promover políticas e actuacións no ámbito municipal para a erradicación da violencia de xénero. “Queremos mellorar a detección precoz dos casos de violencia de xénero, optimizar a coordinación dos axentes implicados nesta loita e así poder ofrecerlles unha atención e unha resposta áxil ás vítimas”, apuntou Silvia Agrafojo.

A maiores, indicou que é preciso “mellorar a protección daquelas vítimas que presenten alto rísco, poñer en común os datos sobre violencia de xénero que dispoñen as distintas entidades representandas na Mesa e impulsar estudos de sensibilización”.

Composición

A creación da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame foi aprobada por unanimidade no pleno municipal do 20 de novembro de 2014. Reunirase de xeito ordinario semestralmente, se ben cabe a posibilidade de convocatorias extraordinarias ante situacións de emerxencia. Estará presidida pola alcaldesa, Teresa Villaverde, e contará con Mónica Castaño Ourille, traballadora social do Concello de Lousame, como secretaria. Estará integrada pola  concelleira de Servizos Sociais de Lousame, Silvia Agrafojo; a Garda Civil de Noia, representada polo sarxento Julio César López González; o CPI Cernadas de Castro, representado pola súa directora Pilar Cobas Cajuso; o CIM de Noia, representada pola psicóloga Julia Veiro Justo; Natividad Hermo Santos, traballadora social de Lousame; e o centro de saúde de Lousame.

Precisamente este último compoñente puxo de manifesto esa necesidade de maior coordinación que pedía a alcaldesa de Lousame, xa que o Sergas enviou a María del Carmen Méndez Iglesias, traballadora social do Centro de Saúde de Noia, como representante do centro de saúde de Lousame (que non conta con traballadora social). Por iso, durante o encontro se acordou que o interlocutor co centro lousamiano sexa unha das enfermeiras do propio centro de saúde.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial