Luís Emilio Batallán e Os Amigos dos Músicos este domingo no Compostela Conversa

0

Compostela, 18 de maio do 2017 –  Nova cita este domingo do Compostela Conversa co cantautor Luís Emilio Batallán e a banda Os Amigos dos Músicos, recente gañadora dos Martín Codax.

‘Ahí ven o Maio’, con este disco (que chegou a vender máis de cincocentos mil exemplares e no que musicaba o popular poema de Curros Enríquez) deuse a coñecer Luís Emilio Batallán na escena musical galega en 1975. Vintedous anos máis tarde, o polifacético artista galego estrea un novo álbum, totalmente rupturista coa súa primeira etapa como músico, no que se adentra nos sons caribeños, ritmos de bossa-nova, bachata, merengue e incluso reggaetton.

Ao mesmo tempo, neste 2017, unha banda de rapaces novos, Os Amigos dos Músicos, editan o seu primeiro disco, que recibe premios alá por onde pasan e no que se inclúe unha emotiva versión da canción do Maio. Eles mesmos citan a Batallán coma unha das suas referencias fundamentais, a pesar dos camiños tan diferentes nos que se atopan as súas carreiras actuais.

Os Amigos dos Músicos son os responsables de que en maio de 2017 sigamos a preguntándonos canto queda do Maio de Curros Enríquez na Galicia actual. Canto daquela primavera que parece que non da chegado, canto dunha poesía imprescindible para entender a cultura galega do último século.

O Maio é o punto de partida dun encontro que se promete épico e que reunirá o próximo domingo 21 de maio a Luís Emilio Batallán e Os Amigos dos Músicos. Xuntos por primeira vez nun escenario, falarán da Galicia de antes e de agora, dos Maios que vivimos e dos que non dan chegaron. Cada un deles ofrecerá ademais un concerto único. Os Amigos dos Músicos presentando o seu primeiro disco e Luís Emilio Batallán sorprendéndonos coas cancións do seu último álbum:  “70 y 29”

COMPOSTELA CONVERSA

Compostela Conversa é un novo ciclo da consellería de Acción Cultural que reúne a artistas con vínculos comúns nun irrepetible concerto dobre. Tras unha breve charla inicial os asistentes poden disfrutar de dous concertos nun ámbito irrepetible.

O público pode enviar as súas preguntas a cada un dos grupos previamente a través da conta de correo electrónico compostelaconversa@gmail.com e os e as artistas responderán o mesmo día do concerto en directo.

As entradas para cada encontro terán un prezo de 10 euros (5 euros para desempregados, maiores de 65 anos, xubilados, menores de 25 anos, estudantes, familias monoparentais, familias numerosas e perceptores de rendas sociais) e poden mercarse a partir desta tarde no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18 a 21 h), no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com.

OS AMIGOS DOS MÚSICOS

Os Amigos dos Músicos recollen no seu primeiro disco un conxunto de cancións nas que xuntan o propio co alleo para dar forma a un discurso fragmentado, no que as distintas voces se van sucedendo, mais no que aos poucos vai emerxendo a coherencia do horizonte.

A banda, que sempre buscou referentes na canción popular galega, establece con este álbum un compás para dirixirse en tal singradura. As coordenadas que, dun xeito simbólico mais tamén obxectivo, marcan Curros Enríquez, Suso Vaamonde, Manuel María e Luis Emilio Batallán son o risón que permite pararse e levantar a vista, mais só para proseguir a viaxe. Unha mostra deste ánimo de descuberta son os seus concertos, nos que Os Amigos dos Músicos presentan o seu amplo rexistro musical a través da sutileza dos cambios de dinámica e a mestura das distintas voces que compoñen a banda.

Despois dun tempo percorrendo os palcos do país, Os Amigos dos Músicos presentan un traballo que máis que un resumo do anterior pretende ser unha introdución a un tempo novo.

Luís Emilio Batallán

Hai pouco, Luís Emilio cumpría corenta maios desde que sacou o seu primeiro disco: “Ahí ven o maio”. Ese que o lanzou á fama a mediados da década dos 70´ e que o converteu no disco máis vendido de todos os tempos. Batallán estivo presente nos escenarios durante catro décadas de música con álbums recoñecidos como “Ballet da nena”, “Eres un fármaco” e en 2007, “Tu retrato”. Luís Emilio é coñecido polo público pola súa habilidade ao musicalizar poemas de grandes referentes da literatura galega como Rosalía de Castro (no disco Había que chegar incorpora o tema “Adiós ríos, adiós fontes” con Pablo Milanés), Celso Emilio Ferreiro (o tan famoso tema “Agardarei”) ou Álvaro Cunqueiro (un dos seus grandes éxitos “Quen puidera namorala” baseado no poema “No niño no voo do vento”) entre outros.

O intérprete regresa aos escenarios cun traballo máis íntimo, máis coidado e máis persoal, máis arriscado. Dedicado á súa nai Ofelia, recentemente desaparecida, “70 y 29” recolle ritmos caribeños, ritmos de bossa-nova, bachata e merengue, incluso reggaetton. Se é que Batallán xa ten rédito e experiencia como para facer o que lle veña en gana. Batallán, en estado puro.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies