Máis de medio milleiro de participantes na V Andaina Terras de Altamira

0

Brión, 28 de maio do 2019 –  A V Andaina Terras de Altamira vén de bater todos os seus récords de participación cun total de 511 persoas tomando a saída desde a Carballeira de Santa Minia.

A terras de Altamira tivo tres posibles percorridos de 14, 36 ou 50 quilómetros polos montes brioneses, segundo a vontade e capacidades físicas dos participantes. Unha proba organizada pola asociación O Esquío no Piñeiro e o Concello de Brión, en colaboración coa Federación Galega de Montañismo e Be One Fitness & Sport.

O alcalde, José Luís García, e o director da V Andaina Terras de Altamirá, José Manuel Trigo, foron os encargados de dar a saída aos participantes, chegados de todas partes de Galicia, así como un nutrido grupo de Portugal. O tempo acompañou, o que permitiu aumentar en 108 persoas o número de participantes con respecto ao ano pasado e quintuplicar a participación rexistrada na primeira edición.

Unha ruta valorada polos participantes

José Manuel Trigo amosou a súa satisfacción polo récord de participación acadado xa que “é a demostración de que as persoas participantes valoran moito a calidade da ruta e o traballo que facemos dende a organización, ademais dunha completa bolsa do sendeirista que este ano inclúe mochila, camiseta técnica, pulseira reflectante e varios agasallos cortesía dos nosos patrocinadores”. Así mesmo, destacou a importancia da participación de xente de toda a xeografía galega e mesmo de Portugal xa que “un dos obxectivos da andaina é fomentar un maior aprecio e respecto polo medio ambiente, baseado no coñecemento nas contornas naturais e as paisaxes que nos ofrece o concello de Brión”.

De feito, os 50 quilómetros polos que transcorriu a proba foron preparados e recuperados expresamente para ela “ao tratárense de antigos camiños en desuso que servían de paso de carros ou de comunicación a pé entre as distintas aldeas e que co tempo foron quedando abandonados trala aparición das estradas e os vehículos a motor. Poderemos un ano mais albiscar fervenzas, pasear entre castelos, importantes igrexas, maxestosas carballeiras, senlleiras aldeas e unha morea mais de puntos de interese que non deixarán indiferente a ningún participante”, explica José Manuel Trigo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial