As primeiras críticas do outono do 18 veñen da man de Mandingo que pola faciana que puxo na redacción sospeitamos que vai un pouco de todo, coma na botica, dende a enésima revisión do noxento paxaro que escribira Chéjov, pasando polo blockbuster alieníxena de quenda e rematando na historia real do exipcio Ashraf Marwan.

Mandingo sabe que adaptar obras do teatro a pantalla (grande ou pequena) non sempre é tarefa sinxela. De feito, aínda que se poden recoñecer as dúas artes coma primas irmáns, non sempre chegan a bo porto tales singraduras. Non imos a destacar aquelas desfeitas que moitos teñen na mente, pero chegar as cotas de grandeza que moitos lembramos nas míticas producións do Estudio 1 da canle estatal non está na man de calquera.

Un pouco diso vemos na adormecida THE SEAGULL (2018) de Michael Mayer, cineasta que no 2012 dirixiu a non moi coñecida miniserie HATFIELDS & McCOYS, revisión histórica da tremenda liorta que tiveron dúas familias na fronteira entre West Virginia e Kentucky pouco despois de rematar a Guerra Civil estadounidense e que recomendamos con entusiasmo.

E non e tanta a culpa do cineasta, coma da complexidade de traducir en imaxes as miradas sibilinas, os amores pasados, os non correspondidos. Pesa e moito, tentar meter nos tres tradicionais actos cinematográficos (presentación, nó e desenlace) unha obra exposta en catro. Non é imposible, pero hai que ter un certo brío no texto a adaptar e aquí Stephen Karam, non vai moi sobrado. E mira que por falta de experiencia non é, porque da produción ocúpase a grande Jane Musky, culpable da xoia GLENGARRY GLEN ROSS (1992), pero claro, se no libreto está un tal David Mamet, algo axuda tamén.

Como é tradición, non vou destripala historia por mor dos temidos spoilers, pero vexo un tanto anémico o ritmo na narrativa dos feitos e non por culpa do elenco artístico onde destaco a Sairse Ronan, actriz chamada a recoller a testemuña da xenial Meryl Streep, a raíña indiscutible do star-system do grande Hollywood, por moito que lle pese ao noso amigo Donald (o pato non, o outro, o da pel laranxa e tupé oxixenado).

Coma dicía, é Ronan unha intérprete que escolle moi acertadamente os seus personaxes, nada acomodaticios e con singularidades rechamantes. Non digo que remate por caracterizar algunha heroína do universo Marvel (que ninguén traballa de balde), pero ten moito mérito a traxectoria profesional da rapaza. Algo no que tamén pode vangloriarse a actriz Annette Bening e que fai seu o rol de diva endiosada do teatro zarista; insoportable nos seus caprichos e que baixo a súa tutela aburre aos seus convidados na mansión do lago, coma se dunha gozosa chiscadela á decadente burguesía buñueliana no EL ÁNGEL EXTERMINADOR (1962) tratara.

Unha mágoa ver que o esforzo nas calidades técnicas non van parellas nas emocións que tentan transmitir. O vestiario de Ann Roth, grande entra as grandes no seu, dilúese entre a errada BSO de Anton Sanko e Nico Muhly, que forza a sentir emocións nas secuencias máis vacuas. Ruboriza ver como a historia está ambientada nos primeiros anos do século XX e decatarnos de que a diva fuma pitillos con filtro (invento do 1936).

Levou tres anos facer esta adaptación no estado de Nova Iorque que non resiste a comparativa, por exemplo, desa marabilla que é a MARY SHELLEY (2017) de Haifaa Al-Mansour. Quedo iso si, co pracer de volver a ollar a formidable presenza de Brian Dennehy, actor da estirpe dos terceiras espadas (non chegan ao salario de secundarios) do vello Hollywood, capaces de soster un tiro de cámara el só, como farían os Lee Van Cleef ou Robert Vaughn.

Para resarcirnos do fracaso que levamos, apostamos pola evasión máis de flocos de millo posible da man do THE PREDATOR (2018) do multidisciplinar Shane Black, persoa pola que teño unha especial querenza por ser responsable dos guións da saga LETHAL WEAPON e que asina esa pequena e descoñecida xoia titulada KISS KISS BANG BANG (2005), filme de humor negro que amosa a outra cara do Hollywood máis petardero.

Non vou ir con voltas amables e directamente cóntovos que a nova película do cara centola extraterrestre é unha colosal deposición orgánica de res, que non ten defensa posible. Si é certo que os diálogos son, na maior parte, enxeñosos (levan o selo inconfundible de Black), pero a historia non ten ni pés nin testa.

Por culpa do cambio climático, o planeta estase a converter nun forno ideal para que os alieníxenas veñan vivir con carácter permanente. Xa non son visitas esporádicas de caza. Teñen planes para facer un Marina d´Or perenne; pero entre eles vai unha insurxencia que tenta axudar a humanidade (vaia!, non son tan malos despois de todo). Coma sempre, o Goberno e as axencias encubertas de quenda, tenta mudar a situación da maneira máis trapallenta de todas. Por suposto, todo vai ó garete.

Para solucionar tal desfeita, o noso heroe o capitán artilleiro McKenna e o seu superdotado fillo (un cativo que ten pinta de acabar coma Sheldon Cooper) van poñelos puntos sobre as ies. Non están sos. Teñen un variado elenco de frikis que cun despreocupado entusiasmo loitan contra ó Predator e os seus cans (novo bicho habemus) caendo coma moscas un tras outro.

Nada que obxectar aos niveis na técnica e na produción. Esta película é a mostra perfecta de que non chega con poñer os cartos que fagan falta, de chamar a Lawrence Gordon, produtor da magnífica PREDATOR de 1987, ou de filmes notables coma os HELLBOY (2004) ou WATCHMEN (2009) entre moitos. Nin contar con Michael Diner -THE REVENANT (2015)- na dirección artística, ou de Larry Fong na fotografía -300 (2006)- ou que Henry Jackman -CAPTAIN PHILLIPS (2013)- asine unha moi boa BSO, homenaxe a mítica composta por Alan Silvestri. Non. Non chega. Senón tes unha boa historia para contar non vale a pena semellante esforzo. (Ou si, que moitos son os que gozan coas propostas valeiras de enxeño e recheas de CIG).

Dicía Black, (que coma curiosidade era o soldado Hawkins no filme de 1987 -o primeiro que morre-) que THE PREDATOR ía ser un reboot, pero que descubriu que tiña que seguir explorando a mitoloxía dos predators e por iso van seguir estirando a goma de mascar ata que a recadación diga o contrario. De feito, o final ten unha evidente proposta de “continuará…”

Mal pinta ten o futuro da franquía e non me sorprende que Arnold Schwarzenegger declinase a súa participación nesta longametraxe, aínda que fora coma nota final nostálxica. Case prefiro a trapallada do ALIENS VS. PREDATOR (2007) ou a prescindible PREDATORS (2010) que volver a ollar este despropósito. Non caerá na miña blurayteca (ou iso agardo, que xa me coñezo).

E coma expiación ante tanto pecado fílmico, deixo para a sobremesa o máis que aceptable biopic do axente dobre Ashraf Marwan, o único exipcio que é considerado un heroe nacional no seu país e no Estado de Israel. Un aspirante a ese “Garbo”, outrora espía da II G. M. que levou as máis altas honras do Imperio Británico e da Alemaña nazi.

Coa lembranza aínda moi fresca da magnífica BEIRUT (2018) de Brad Anderson, votamos novamente a ollada no Oriente Próximo e os eternos conflitos que as relixións e as veciñanzas provocan nesta parte do mundo.

No Exipto de finais dos Sesenta, Marwan loita por trepar no pirámide do Goberno. O rapaz, casou ben coa filla de Nasser, pero non chega para aplacar os recelos do presidente exipcio que ve no mozo a un oportunista. Todo cambia trala morte do home forte da terra dos faraóns e coa chegada de Sadat, a sorte de Marwan (moi ben caracterizado polo actor Marwan Kenzari) muda para ben, non sen asumir tremendos riscos persoais.

Baseado na novela de Uri Bar-Joseph (THE ANGEL: THE EGYPTIAN SPY WHO SAVED ISRAEL), a longametraxe dirixida polo israelí Ariel Vromen ten o mérito de contar co escasamente prolífico guionista David Arata; escritor do libreto da memorable CHILDREN OF MEN (2006) de Cuarón. Se antes falaba da importancia da historia que contar, toda a trama narrativa, os xiros argumentais, as argucias dos protagonistas, o desenrolo das situacións extremas, todo iso está para ben presente no filme THE ANGEL, que non chega ao nivel da mencionada BEIRUT, pero que pasa e con boa nota a criba máis exixente. Só cando achegámonos ao epílogo entendemos o conto de Pedro e o Lobo.

Moi entretido filme de espías que non queren selo e que gaña en interese por tratar dunha historia real; aínda que ben podería entrar máis no desenrolo dalgúns caracteres que na película estaban a berrar a gritos por destacar coma o Gadaffi máis endiosado, esa muller de aceiro tépedo que foi Golda Meir ou o propio Nasser.

Boa produción sen luxos no seu orzamento, pero ben aproveitado para recrear con acerto o Exipto de vai case medio século no Marrocos, pais que estase a converter dende vai uns anos no decorado xigante dos estudios cinematográficos que abordan os conflitos endémicos do patio traseiro da nosa casa.

Por hoxe máis nada. Vémonos nos cinemas ou na cantina de Mos Eisley. Son o que leva o chaleco negro, ao carón do can peludo de dous metros dez.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial