Segundo venres do ano e ante avalancha inmediata de estreas na grande pantalla, imos aproveitala ocasión para falar de tres series televisivas que non terán cabida nas vindeiras semanas pola cantidade de filmes que temos na nosa próxima axenda. Boa escusa para gozar dun fin de semana nos salóns domésticos cunha cunca de caldo e a ineludible manta.

Aínda que o obxectivo principal da nosa crítica semanal son as novidades cinematográficas, non podemos obviar as novas querenzas dos consumidores do ocio audiovisual. Cada vez van máis adeptos as fórmulas de streaming que achegan os nosos fogares tanto longametraxes coma producións como as series, imaxinadas para a pequena pantalla.

É un tema que seguramente terá un posterior estudio dada a segura desfeita comercial dalgunha delas. Polo de agora semella que HBO segue a ter unha posición de clara calidade nos seus proxectos (vai o rumor cada vez máis incómodo de mudar dita calidade por unha maior cantidade -craso erro se chega acontecer-). Tanto a nova plataforma de Disney coma a do dono da plantación global que é o tartufo Jeff Bezos non semellan que teñan moitos atrancos para sobrevivir. Na compañía do rato, todo o relacionado cos mundos da Marvel e STAR WARS son marcas poderosas dabondo para atraer ao Lado Escuro ao máis irredento rebelde; e na Amazon, trala sinatura de explotación dos dereitos dos mundos mitolóxicos xurdidos da imaxinación do xenio Tolkien levan pinta de facer saltala Banca a nivel GAME OF THRONES.

Á festa apúntanse, coma primeira en chegar, Netflix, que a pesares do seu nivel de débeda segue a súa fuxida cara adiante cunha política onde prima cantidade sobre todo o demais. Non merco a estratexia empresarial desta compañía, pero eles verán. Tanto Filmin, Sky e plataformas dixitais de grandes empresas da comunicación que fan insospeitadas alianzas con servizos foráneos de dubidoso gusto teñen unha dura travesía e sospeito que non todas chegaran a bo paradoiro. O tempo (e as leis do mercado audiovisual) ditarán sentenza pero coido que vai moito famento para tan pouca empanada de millo (con navallas e berberechos, xa postos…)

Pero vaiamos polo que nós sabemos facer menos mal que é escribir sobre soños de novicias, cantos de sereas e lendas artúricas mais alá das Portas de Tannhäuser. Coma primeiro convite a rápida ollada a nova serie de animación da Lucasfilm, STAR WARS: RESISTANCE (2018- ), que xusto este mércores pasado ven de confirmar unha segunda tempada para 2019.

Por fortuna, os groupies da saga galáctica temos un recuncho de asilo sacro nas producións capitaneadas por ese xenio namorado da Triloxía Orixinal (1977-1980-1983) chamado Dave Filoni e que desenrola un imaxinario paralelo cheo de respecto as ideas primixenias de George Lucas. Tras dirixilo notable filme STAR WARS: THE CLONE WARS (2008), Filoni liderou a magnífica serie THE CLONE WARS (2008-2014) -terá por certo unha sétima tempada no 2019- onde ofrecía a man cheas toda a información que ansiabamos na decepcionante Segunda Triloxía. Dita serie colmou as exixencias do fandom máis duro e a suma das calidades nas distintas artes foi un gozo total. Pero non contento con isto, Filoni aínda mellorou a aposta e deulle outra volta de torca para contarnos que pasou trala desfeita que supuxo a Orde 66 na memorable STAR WARS: REBELS (2014-2018).

STAR WARS: RESISTANCE é unha serie ambientada coma seis meses antes dos feitos acontecidos no esquecible EPISODE VII (2015). Un mozo torpe e paspán chamado Kazuda convértese nun espía nunha base sita no quinto pino sideral. Alí convivirá coas distintas razas, fará amigos, inimigos e de cando na vez, descubrirá algunha cousa relacionada coa Primeira Orde. Non é moito, pero se o target na audiencia son os mais novos, labor feita por que de ritmo e de estética funciona ben. Cunhas pingas argumentais seleccionadas para que os pais tamén segan as correrías dos protagonistas (os talentos nas voces orixinais de Gwendoline Christie, Oscar Isaac, Anthony Daniels e a propina de Elijah Wood) ou a presenza da Xeneral Organa fan o seu visionado apetecible, pero sen tolemias.

Coma segunda proposta a mini-serie da BBC, THE MINIATURIST (2017), baseada no libro homónimo de Jessie Burton e que dirixe con moito acerto Guillem Morales, cineasta que asinara no 2010 o filme de suspense LOS OJOS DE JULIA. Ambientada na Amsterdam de 1860 (na realidade rodouse na localidade de Leiden por ter edificacións máis vellas) conta a historia dun rico mercador que acorda un matrimonio de conveniencia cunha familia caída na penuria económica. A noiva (de moito mérito a interpretación da actriz Anna Taylor-Joy), chega a cegadora cidade holandesa, pero de inmediato dáse conta que a casa que ten que gobernar é moi diferente as típicas.

A serie ten no seu primeiro capítulo unhas moi interesante propostas argumentais que por desgraza desínflanse no episodio final. Non é unha serie de grande intriga pero si que a recomendo pola historia paralela que vai no seu visionado e non é outra ca demoledora acusación desa sociedade calvinista que basea a súa prosperidade nunha mestura de éxito económico e temor as leis divinas escritas polos homes. Nese apartado, merece moito a pena e se sodes de series “de época” gozaredes pola coidada recreación tanto nos decorados, coma nas vestimentas, a moi elaborada iluminación natural (na fermosa senda gozada na GIRL WITH A PEARL EARRING (2003) de Webber e cunha exquisita foto de Eduardo Serra) e toda a perfección do que son capaces na BBC, que soe ser moita e pulcra.

So dous episodios (de longa duración, iso si) pero que convidan un entretemento non tan lixeiro coma para reflexionar sobre a intolerancia, as envexas e os procesos inquisitivos que tiveron lugar, tamén, na Europa máis progresista non tan publicitadas como as lendas negras dos Austrias moitas delas precursoras dos “fake news” de axentes laranxas ou caciques extremos.

E para rematar a primeira, e sospeitamos derradeira incursión na televisión, do xenial Woody Allen coa súa CRISIS IN SIX SCENES (2016), serie que recoñezo que levaba moito tempo desexando ver pero que na axenda ía deixando para un mellor intre. Supoño que vos pasará coma min, que se na estrea non dades feito por vela, logo complícase moito o seu visionado, pero todo o relacionado co xenio de Brooklyn é material que máis cedo que tarde teño que ver, coma di o bo de Fernando Trueba, “poucos praceres van tan puntuais coma gozar da longametraxe que tódolos anos agasalla Allen os seus incondicionais”. Coincido.

Aínda que Allen non quedou moi ledo polo resultado final (é tremendamente exixente cara súa obra e considera que non ten habilidades para o drama, o cine que el pensa que é o mellor) CRISIS IN SIX SCENES é puro Allen nas situacións, nos diálogos, nos personaxes… Certo é que non ten a dilixencia na cámara dos seus filmes, que abusa moito da “marca de rodaxe” e de moitos tiros fixos na filmación. Vai no detrimento da frescura da interpretación e semella máis teatro rodado coma fixera Bogdanovic na irregular NOISES OFF… (1992), pero si que somos capaces de descifrar chiscadelas dos seus filmes onde a convivencia tranquila doméstica vese alterada por un tsunami de acontecementos que levan a paranoia máis surrealista do protagonista que non é outro que o omnipresente Woody Allen.

Dicía con moita retranca que o motivo de facer unha serie para a compañía de Bezos, foi a insistencia persoal do propio millonario. Rexeitou tantas veces as cada vez máis onerosas ofertas que chegou un intre que “a cantidade de cartos que ofreceume foi total e absolutamente irrexeitable”. Lémbrame moito a explicación que Marx (Julius; non o prusiano) contou nas súas hilarantes memorias GROUCHO AND ME (1959) de como rexeitaba unha e outra vez unha oferta dunha marca de puros para que a patrocinase, ata que a morea de cartos que lle poñen sobre a mesa é tal que acepta, con sorpresa final inclusive, e que recomendo encarecidamente a súa lectura polas impagables anécdotas.

A serie, de feito, non é tal. Na realidade é un filme dividido nos seis capítulos de vinte e poucos minutos que duran. Xa dende o comezo, o Allen máis autoparódico e autoflaxelante arremete sen piedade contra o seu personaxe, un mediocre escritor de publicidade chamado Sidney J. Musinger, apelido que dará felizmente cun acertadísimo equívoco no derradeiro capítulo.

Musinger, que ten na hipocondría un selo de autoría recoñecible, vai casado felizmente con Kay, conselleira matrimonial que pon o contrapunto na balanza doméstica, outrora membro activa de movementos civís pero que coa idade, o máis irreverente que fai e ter un club de lectura coas súas adorables amigas da terceira idade. Ata que chega a revolucionaria Elaine e todo comprícase ao extremo.

Allen aproveita para falar da época na que EE.UU. estivo a piques de liderar unha reforma global contracultural (a finais dos Sesenta) pero que por desgraza sucumbiu aos poderes fácticos da quenda. Unha mágoa por que o Imperio nunca estivo tan preto de iluminar coa sabedoría propia da Ilustración as mentes famentas de progreso, fraternidade, igualdade e liberdade que vían (e seguen vendo) o pais americano coma unha balanza de xustiza global. Xa; xa sei que queda moi bonito todo isto e que na realidade trumpariana vai ser imposible, pero a esperanza é o derradeiro que se perde.

Podería destripar a serie, pero mellor gozar coa operística bufa que lémbranos a primeira etapa cinematográfica de Allen sen esquecernos o enxeño na hora dos diálogos e nas citas propias deste excepcional cómico que para moitos de nós foi responsable do amor que sentimos pola Sétima Arte. Antes de rematala crónica de hoxe, incidir na polifacética Elaine May, escritora e actriz ocasional, responsable dun dos maiores fracasos no despacho de billetes da Historia do Cinema. Ela foi responsable dunha das mais aburridas longametraxes que vin na miña vida (e das vindeiras reencarnacións). Refírome ó ISHTAR (1987), plúmbeo conto oriental, pesadelo sen igual; pero que moi acertadamente a cineasta di “se cada persoa que odia o filme houbera visto a película, hoxe no día sería millonaria”. E mellor escritora e para corroboralo, o ano seguinte asina un magnífico guión para a “clintoniana” PRIMARY COLORS (1988).

CRISIS IN SIX SCENES é unha serie imprescindible para os amantes do cine do neoiorquino e moi recomendable para o grande público en xeral.

Mais nada. Para a vindeira semana, aluvión de filmes que agardamos cumpran coas elevadas expectativas que temos postas neles. Gustaríame deixar unha cita enxeñosa coma facía o grande Gasset Dubois no seu programa de televisión, pero vai ser que de talento vou xusto dabondo, así que cito a Sidney J. Musinger cando fala do xenial escrito seu titulado “Fágase a Luz”, a historia dun proctólogo que atopa a Deus nos sitios máis insospeitados.

Seino. Pura xenialidade.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial