Mandingo abre a crítica semanal coa serie coreana Kingdom

0

Trala resaca dos Oscar do pasado 24 de febreiro (da que algo contaremos no final da crítica de hoxe), temos unha morea de estreas tanto na grande coma na pequena pantalla para todos aqueles que prefiran o repouso a troula tola propia do Entroido. Dúas series e tres filmes son as propostas de ocio e lecer para os nosos lectores cara esta fin da semana.

E comezamos pola serie coreana KINGDOM cunha primeira tempada dividida nun envite de seis capítulos de cincuenta minutos cada un e que mentres leedes estas liñas, andan filmando outros seis, sen data aínda de estrea nunha coñecida canle de streaming.

A industria audiovisual surcoreana dende vai xa vinte-vinte e cinco anos, ten unha moi forte presenza no panorama internacional; posuidora dunha potente imaxinería moi enriquecida polo xurdimento de numerosos talentos nas diversas artes técnicas (das dramáticas teríamos que obxectar esa querenza polo histrionismo interpretativo e as tinturas dramático-ñoñas no exceso, pero iso é outra historia). A culpable de todas esta efervescencia creativa foi unha política estatal de máximo apoio aos cineastas e produtores, entendendo coma algo enriquecedor para o país e as súas xentes, potenciar esta rama da cultura. E os froitos son ben palpables para fortuna dos profesionais do sector. Algo semellante (non igual, ollo!) o que fixeron os gobernos da Francia dende hai moitas décadas atrás.

Loxicamente, os dirixentes do Estado español son máis de garantir somas lobotomizantes de “interese xeral” que non fagan pensar a todo o gando poboacional que está máis pendente do tamaño das bandeiras que colgan nos seus balcóns que da procura de alimento para as neuronas dos seus fillos. Unha mágoa e un histórico erro, que tarde ou cedo pagarán xustos por pecadores.

Pero centrémonos no noso e destaquemos coma unha moi elaborada produción a historia do Reino de Corea, no seu Período Joseon, onde unha praga de zombis asola o Sur do país. Conforma avanza a trama descubriremos a orixe deste Mal e coma uns poucos valentes tentan frear a expansión voraz dos infectados. Dentro do sub-xénero dos mortos viventes, escollemos o canon creado polo grande George A. Romero que lembramos na súa literalidade: “zombies don´t run”. Pero que na maioría dos filmes non respectan. Ocorre tamén na serie, pero dámolo coma mal menor, polas orixinais argumentacións que vemos nos contaxiados e que sen caer nos spoilers, case que flirtean coa mestura de diferentes monstros moi coñecidos polos siareiros do terror.

Os elevados orzamentos da serie (cada capítulo non baixa do 1´78 millón de euros) casan ben co deseño na produción e na dirección artística. Moi elaborado traballo e unha coidada localización nos exteriores, fan desta serie un acertado achado que recomendamos polas súas pingas de orixinalidade. Herdeira desa notable historia gozada no TRAIN TO BUSAN (2016) de Yeon Sang-ho, volta de torca triunfal do sub-xénero e que terá (dado o seu grande éxito) continuación cara o 2020.

Xa o sabedes, se sodes de gozar cos famentos caníbales tedes unha cita ineludible. Pasarédelo de morte.

E coma segunda proposta catódica a moi atractiva revisión do mítico filme GROUNDHOG DAY (1993) de Harold Ramis. Nesta ocasión mudan de protagonista (sería unha xenialidade contar co propio Bill Murray) e de localizacións, pero no seu espírito vai sobrada ás referencias da longametraxe pero (e este é un dos seus grandes éxitos), RUSSIAN DOLL posúe unha personalidade propia que crece exponencialmente na intensidade dramática conforme imos devorando os seus oito capítulos. O que semellaba unha comedia moi hipster neoiorquina, vai transmutando ao drama cuns esbozos no Fantástico que non fan senón mellorar a magnífica impresión global que tivemos da serie.

Nadia Vulvokov (interpretado pola actriz Natasha Lyonne, quen leva certo histrionismo a cabalo entre unha acelerada Carol Burnett e unha adrenalínica Bette Midler) é unha enxeñeira informática politoxicómana (pero das que teñen control sobre o que consumen) que na súa festa de aniversario descubre que o porro que fumou súbelle un chimpo mental nunca antes vivido. Sospeita das alucinacións ata que tenta marchar do piso lúdico-festivo e a cousa complícase dabondo.

Paro de contar, por que xa falei demais pero descubriredes unha moi divertida narración, chea de caracteres moi ben definidos; unhas tramas secundarias que desembocan con tino no seu derradeiro episodio e que está aberto a múltiples interpretacións. Eu non teño dúbida e elixo o máis acorde, ao marxe de homenaxes dese pelotón surrealista que Bergman insere na súa obra mestra DET SJUNDE INSEGLET (1957) que viume a mente.

As creadoras da serie, teñen asinadas dúas sesións máis, dependendo do éxito desta primeira tempada, pero sen dúbida que merecen máis e xa tárdanos seguir as venturas de Nadia e dos seus compañeiros de viaxes de realidades parellas, multiversos ou simplemente ocos caprichosos no Espazo-Tempo.

Se KINGDOM recoméndoa, RUSSIAN DOLL é unha serie que xa tardades de ver. Imos ver se sodes capaces de vela pouco a pouco ou dunha tacada, coma supoño que os pedirá o corpo.

E pasamos a grande pantalla para falar no primeiro caso do filme da inglesa Josie Rourke, que adapta a novela de John Guy QUEEN OF SCOTS: THE TRUE LIFE OF MARY STUART, feble recreación histórica dos anos de reinado de María Estuardo, na Escocia do Século XVI. Certo que resumir case cinco décadas nas escasas dúas horas de metraxe non é tarefa sinxela, pero Rourke cae no melodrama máis acomodaticio no detrimento da profundidade das loitas intestinas da Corte e a rivalidade co Reino de Inglaterra e da súa raíña, Isabel I.

Nada que obxectar a coidada ambientación da época tanto nos decorados, localizacións e vestimentas (e de nota alta a fotografía de John Mathieson, debedor nas luces do mellor David Lean e que salientamos o seu formidable traballo para o KINGDOM OF HEAVEN (2005) de Ridley Scott). Todo moi propio da calidade nas producións que soen facer gala nas Illas británicas, pero por desgraza, non van da man coa historia que cóntanos a directora. Gustoume a especial insistencia en narrar unha historia de mulleres que loitan nun mundo de homes, por levar os seus propósitos e designios, pero é no estudo dos personaxes e das situacións domésticas onde o filme vai máis o sensacionalismo televisivo propio de series interminables de amor e odios. Nótase unha ruptura no tempo narrativo, dando chimpos temporais abruptos dedicando mais metraxe da precisa nas historias secundarias que non fan crecer a trama principal e obviando a liña histórica dos feitos máis relevantes.

O proxecto levaba dende o 2006 paralizado pola imposibilidade de xuntar datas coa actriz Scarlett Johansson, primeira opción para recrear a futura nai de Jacobo VI, futuro monarca británico de triste lembranza polo súa desfeita política.

Non pasa nada se na vez de acudir ao cinema a ver MARY: QUEEN OF SCOTS (2018) ides a gozar da moi entretida CAN YOU EVER FORGIVE ME? (2018) da actriz Marielle Heller. Biopic da escritora Lee Israel que fíxose un certo nome de prestixio coma facilitadora das misivas epistolares de ilustres das Letras estadounidenses coma Dorothy Parker, Hemingway, Noel Coward e moitos máis.

Israel, que teña unha reputación boa coma escritora de das vidas das celebridades, caeu na desgraza económica ao fracasar unha tentativa de facer unha biografía non autorizada de Estée Lauder. Cun carácter complicado e cunha querenza por “soprar” da botella (no filme son clementes ante as debilidades dipsómanas da propia Israel) coma senón houbera un mañá, Israel descubriu nas falsificacións dos correos dos famosos unha moi lucrativa maneira de gañarse a vida.

O filme, áxil, entretido e cunhas caracterizacións moi logradas tanto de Melissa McCarthy e Richard E. Grant (ambos foron nomeados para os Oscar deste ano) está baseado con fortuna na propia autobiografía de Lee escrita no 2008, que aproveita (coma soe ser usual no mundo anglosaxón) para acusar os seus comportamentos coma expiación ante os seus lectores.

Unha película que leva con esmero a parte central da vida delituosa de Israel, prescindindo tanto dos anos previos de estabilidade social coma dos derradeiros da escritora. O filme levou 28 días de rodaxe na cidade de Nova Iorque, magníficamente recreada por Stephen H. Carter, especialista no deseño de producións que votan unha ollada cara o pasado recente coma na excepcional SPOTLIGHT (2015) de Tom McCarthy.

Pasaredes uns intres moi entretidos para este suposto drama (que non é tal) con arume a comedia clásica estadounidense oitentera, na mellor tradición dos Landis, Hughes, Howard e compaña.

E coma peche cinematográfico unha das mellores películas que podedes ver ao longo deste 2019 que aínda camiña na súa infancia. Falamos da demoledora CAPERNAUM (2018) da libanesa Nadine Labaki, que adapta multitude de historias persoais que a propia cineasta coñeceu nos seus viaxes de documentación para realizar esta xa obra mestre contemporánea que viu para quedar aloxada no Olimpo fílmico do realismo verité que conxuga cativos rotos pola realidade na que os adultos obríganos a sobrevivir e as súas fuxidas cara adiante, sen mirar atrás, sen moita máis esperanza que non morrer durante a xornada, de fame, sede, frío ou das malleiras dos depredadores sociais.

Labaki (a partires de agora, cineasta que seguiremos con moitísimo interese) estivo dous anos de produción, filmando máis de 16 horas, para editalo nuns tremendos 126 minutos (¡a montaxe levoulle 6 meses!). Aínda que as localizacións sitúanse no Líbano, foi na cidade que vai na beira do bíblico lago Tiberíades onde coñeceu unha nai con dezaseis fillos que foi a grande inspiradora do filme.

Relato durísimo da realidade que moitos cativos teñen que sufrir (Zain, o neno que interpreta o noso protagonista é un refuxiado sirio); denuncia intelixente do maltrato infantil, da trata de brancas, da amoralidade dos proxenitores que ven nos fillos unha man de obra que permítelles vela vida pasar, sen asunción das responsabilidades paternas propias, pero sen caer na gratuidade das imaxes máis indecorosas.

Esa é unha das grandes virtudes do filme. A de mergullarnos coma testemuñas ao carón de Zain, de camiñar xunto a el nas rúas cheas de lixo, de empurrar ese carro cos zumes que tentan vender aos veciños…

Non teño dúbida que ROMA (2018) de Cuarón e mellor produción e ben merecido que ten o Oscar coma Mellor Película Estranxeira (mellor dito, de Fala Foránea), pero o que Labaki fixo co meu ánimo é algo totalmente diferente. Partiume en mil anacos, recompúxome e deume un par de palmadiñas nas costas para que fora para o meu fogar, doce fogar.

CAPERNAUM é cinema de maiúsculas, de remexer conciencias e grazas co seu epílogo permite coller folgos coma acto dunha benevolencia intelixente da libanesa. Unha historia inesquecible que tería que ser de visión ineludible para todos eses políticos que poñen impedimentos ao asilo dos refuxiados, estadistas que coidan que a dignidade e dereitos dos seres humanos son só para compatriotas (e segundo do perfil ideolóxico).

Penso que non exaxero se afirmo que dende o filme SOLAS (1999) de Benito Zambrano, non vira un retrato tan cáustico da angustia que produce a soidade extrema, sen posibilidade de axuda inmediata, coma o pesadelo que ten que sufrir día a día Carlo Battisti, o Umberto D. (1952) de Vittorio De Sica.

Miña naiciña querida…

Non quero rematar sen facer un breve comentario do vivido nos Oscar deste ano. Nas liñas xerais, GREEN BOOK semella coma digna premiada, aínda que non é a mellor película do ano, pero tampouco é ese conto de negros para brancos coma moito abandeirado da loita racial dixo polas terras trumparianas. Botei na falla, máis recoñecemento o filme de Chazelle, FIRST MAN, de longo a mellor película estadounidense do ano pasado, pero para todo o que podía saír mal, evitouse danos maiores.

Mais nada por hoxe. Vémonos nos cinemas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial