Tan so quedan dez días para a pre-estrea no Estado de HAN SOLO: A STAR WARS STORY, a precuela dun dos maiores iconos da cultura pop estadounidense dos últimos corenta anos. Nas vindeiras liñas, centrarémonos na relación amor-odio do personaxe e do actor (algo así coma a atracción fatal que tamén tivera Leonard Nimoy co seu Spock). Rescataremos anécdotas e historias tanto dos filmes da Saga, dentro e fora do set de rodaxe, coma do Universo Expandido. Aside ben os cintos de seguridade que imos chimpar ó hiperespazo.

Tras moitos problemas durante a produción, (a todopoderosa Kathleen Kennedy despidiu a dupla inicial de directores, Chris Miller y Phil Lord co eufemismo de “diferenzas creativas” -a rodaxe foi un caos sen pés nin testa, onde repetíanse unha e outra vez decenas de tomas sen saber moi ben o reparto técnico cara a onde ía o proxecto- e para salvalo dun afundimento, solicitou a axuda do, polo xeralmente solvente, Ron Howard) chegando por fin o 24 de maio a que pode ser a primeira dunha triloxía (todo dependerá da resposta do “box-office”) sobre a vida e milagres do corelliano máis célebre da tan lonxana galaxia.

Aínda que orixinalmente, a historia que quere contar George Lucas é a do xove Luke Skywalker e o seu enfrontamento co malvado Imperio, o certo é que o gañador os puntos do fandom da Saga, na bancada dos bos é o contrabandista encarnado por Harrison Ford. Coma dicía Carrie Fisher na súa derradeira autobiografía: “A primeira vez co vin no set, souben que ía ser unha estrela. Non só unha celebridade,  máis ben unha icona coma fora Bogart ou Tracy” (EL DIARIO DE UNA PRINCESA (2016) Ediciones B).

Ese carácter osco e displicente propio de Ford convenceu a Lucas para darlle o rol de Solo, fronte a outros aspirantes coma Kurt Russell (houbera feito un bo traballo, tamén), Christopher Walken (uhm… moito medo metería), Al Pacino (vai ser ca non), Nick Nolte (rudo no exceso), os afroamericanos Glynn Turman ou Billy Dee Williams (que obtería o rol de Lando) ou Silvester Stallone! (sácateme de aí, oh!). Por sorte, Lucas tivo bo ollo e a elección foi perfecta, aínda que non estaba no casting primixenio. Ford traballaba no set de rodaxe coma carpinteiro e daba réplicas nos diálogos os candidatos, pero entre o magnetismo que xa tiña e que xa traballara co cineasta (fixo unha breve pero notoria caracterización na AMERICAN GRAFFITI (1973) posibilitou que Harrison Ford dera o primeiro paso para converterse nun dos actores máis queridos polo público. “Coido ca maioría de nós sentímonos coma Luke Skywalker, pero sempre houbéramos gustado ser coma Han Solo”, conta Peter Jackson.

No primeiro guión do Episodio IV, Solo era un Jedi doutra especie de cor verde (a sombra do Yoda xa revoloteaba pola mente de Lucas), pero tanto as complicacións nas próteses e a dificultade para mesturar as motivacións coas personaxes humanas principais, déronlle a Chewbacca a representación da cuota alieníxena. No Universo Expandido (historias paralelas dos protagonistas ou doutros novos levadas os cómics, as novelas ou as series e que levan o selo de aprobación de George Lucas) atopamos por vez primeira un cativo orfo que tolea o mesmo Yoda nunha das súas misións no capítulo de LEGO SW: THE PADAWAN MENACE (2011). Seguendo nesta mesma narrativa, descubrimos que estivera casado antes de coñecer a Leia, que tivo tres fillos coa princesa (Anakin, Jaina y Jaicen –este saíulle ra e rematou de Lord Sith-) ou ca amizade co wookie ven dunha débeda de vida. Han sálvalle a mesma e ata que non faga o propio o bicho peludo non queda saldada. O final, salva a vida dun dos fillos de Han, e cumpre coa súa parte, aínda que cústalle a vida. Noutra liña temporal, fora do cánon, saltan o hiperespazo, chegan o planeta Terra, Han morre as mans dos nativos norteamericanos e cen anos despois Indiana Jones e Tapón descobren os seus restos cando van na procura do Bigfoot (que resulta ser Chewbacca), coma contan na banda deseñada de Dark Horse Comics INTO THE GREAT UNKNOWN (2004) . Pero isto é fora das películas. Voltemos o cánon cinematográfico, por que recoñezo que coas excepcións das extraodinarias series de animación THE CLONE WARS (2008-2014) e STAR WARS REBELS (2014-2018), todo o relacionado co Universo Expandido interésame moito menos.

Han Solo está baseado parcialmente en Francis Ford Coppola. O introvertido Lucas quedara impresionado pola linguaxe oral e corporal do director de APOCALYPSE NOW (1979) para conseguir filmar calquera cousa en calquera intre coa complicidade total do seu reparto. Tamén e certo que Solo é un anti-heroe. Un malo de bo corazón. O “rapaz da moto” do RUMBLE FISH (1983) que vai ó rescate da princesa polos cartos da recompensa e que remata namorándoa. Hai unha anécdota impagable, cando xusto antes de conxelarse na carbonita, Leia dille que o ama. No texto orixinal, el resposta: “eu tamén”. Ford non o vía nada claro. Un tipo duro coma o seu papel, non podía caer na noñería. Despois de moitas tomas, Irvin Kershner deixou que Ford dixera o que Solo coidara que diría. O resultado foi o memorable “seino”. O Bullit de Steve McQueen, xa atopou outro mito tan cool coma él.

E certamente a influenza do noso heroe nas décadas seguintes apreciámola na homenaxe que fai Joss Whedon na magnífica pero inacabada FIREFLY (2002) e o seu peche no excelente filme SERENITY (2005), producións nas que o actor Nathan Fillion recoñece que o personaxe de Malcolm Reynolds é un trasunto do Solo de Ford. Como tamén recoñece Chris Pratt para o seu Peter Quill nos GUARDIANS OF THE GALAXY (2014 y 2017) ou na máis cercana AVENGERS: INFINITY WAR (2018). Non son os únicos, Chris Pine erradamente inspírase tamén na socarronería do estraperlista nunha preocupante deriva argumental das novas películas de STAR TREK, que decepcionan tanto ou máis ca nova triloxía que atenta a compañía do rato co seareiro orixinal da Saga das Sagas.

Imaxe do film 500 días

Xa coma aporte nerd, destacamos as parodias feitas no FAMILY GAY, cun Peter Griffin impagable na BLUE HARVEST -2007-, (o título ven do provisional nome que puséranlle o guión do Episodio IV, para despistar a prensa máis indiscriminada), as bromas do programa ROBOT CHICKEN (2005-2014), o Capitán Lonestar do SPACEBALLS (1987) de Mel Brooks, a orixinalísima homenaxe xurdida das mentes de Ernest Cline e Adam Goldberg, que Kyle Newman traduce en imaxes no filme FANBOYS (2009), absolutamente imprescindible para todo amante de STAR WARS ou a divertidísima secuencia que protagoniza Joseph Gordon-Lewis na película (500) DAYS OF SUMMER, onde tras conseguila cita coa rapaza dos seus soños, do feliz que vai, ponse a cantar no medio da rúa, olla a xanela dun auto e reflíctese a faciana sorrinte de Solo. Xenialidade total.

Pero non todo foi un sendeiro de rosas e bolboretas co personaxe. Harrison Ford, que nunca foi devoto da Saga, non tiña moita querencia por seguir no Episodio VI vestindo a pel do contrabandista. Plantexou que o seu caracter morrera (heroicamente, iso si) no primeiro acto, pero Lucas non aceptou. Dentro das “space opera”, o protagonista non debe morrer. NUNCA XAMAIS. É dicir, Flash Gordon, non pode morrer. É un debate que non admite outra interpretación posible. Se matas o heroe na Ciencia Ficción entón estamos a falar doutro subxénero distinto. O actor tivera unhas acertadas pero incómodas declaracións cando dixo: “certamente fixemos un filme para nenos” e tampouco valorou positivamente a inclusión dos osiños “Teddy” na trama (falaba lóxicamente dos ewoks, que ata chegada de Jar Jar Binks, foi o erro no deseño máis severo das triloxías. Logo viron os porg e a cousa empeorou ata límites de vergoña allea).

O certo e que Ford, converteuse nunha celebridade global a pesar do difícil no trato persoal –e bastante toxo-. Esa mala fama, con roces con moitos compañeiros da profesión, o final pesoulle a hora dos recoñecementos na Academia de Hollywood, por que para isto dos premios non só chega con ser bo actor; ai que espertar afinidades emotivas na maioría das veces…

Durante os oitenta, o actor aceptou papeis “serios” moi traballados. Sempre tivo a esperanza de gañar o Oscar, e pode que o merecese pola grande interpretación que fai na sobresaliente THE MOSQUITO COAST (1986), traballo que valora como o seu mellor rexistro. Outra interpretacións de moito mérito son as feitas no WITNESS (1985), única candidatura que tivo coma Mellor Actor da Academia, o Deckard para BLADE RUNNER ou o angustiado esposo no FRANTIC (1988) de Polanski. Pero nas seguintes décadas o actor trocou as súas propostas, aceptando papeis feitos “a carta” (sempre era a primeira opción das majors), por inxentes moreas de cartos, pero cunhas calidades nos desenrolos dos seus personaxes moi mediocres. El mesmo non se considera un actor que ame o seu traballo, un pouco ó estilo de Hugh Grant, que aborrece o seu traballo “ e que só vou as rodaxes por que páganme por facelo”, literal.

Qué podemos agardar da precuela, entón?. Pois coma é historia dentro do cánon primixenio, moito non poden apartarse da Santísima Triloxía Orixinal, así que teño fe en disfrutar dun grande espectáculo con intres emocionais intensos, coma xa sucedérame na moi boa ROGUE ONE (2016) de Gareth Edwards. Haberá que aceptar a Alden Ehrenreich coma novo Solo, cruzalos dedos para que sexa boa e arrase na recadación mundial e que fagan outras dúas máis (Alden ten asinado contrato para ata tres filmes interpretando a Solo). É o que ten estar posuído polo feitizo da Forza, sempre queremos máis contos dos mundos creados polo xa septuaxenario barbudo universal.

Luke salvou a Galaxia, pero o noso canalla favorito levou a moza.

E sí, Han disparou primeiro.

Share.

1 comentario

  1. Mandingo, hoxe o compreanos de George Lucas. ¿Casualidade que fagades unha especial do Han Solo?.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial